“Austria é o país da Unión Europea con maior porcentaxe de xente moza na gandería e agricultura”

Entrevista a Johanna Prodinger, gandeira e membro da directiva da Asociación Austríaca de Gandeiros. O seu programa “Mozos gandeiros profesionais” é un exemplo de incorporación de xente nova ao agro

“Austria é o país da Unión Europea con maior porcentaxe de xente moza na gandería e agricultura”

Johanna Prodinger, gandeira e membro da directiva da Asociación Austríaca de Gandeiros.

Johanna Prodinger é unha moza gandeira e membro da directiva da Asociación Austríaca de Gandeiros. O seu programa “Mozos gandeiros profesionais” é un exemplo de incorporación de xente nova ao agro, logrando que neste momento algo máis do 22% dos profesionais do sector teñan menos de 40 anos, o dobre que a media europea.

Falamos con ela sobre como traballan no relevo xeneracional en Austria e sobre a situación do sector de vacún de leite no país.

Por que decidiches dedicarte á gandería?
A agricultura e o contacto cos animais inspiráronme xa dende nena. Para min e as miñas dúas irmás tiñamos claro que a gandería era un lazo de unión cos nosos pais. Por suposto non sempre fomos de grande axuda na granxa, logo estudei agricultura e gandeiría e acabei traballando no sector. Hai algo mellor que facer do teu hobby a túa profesión?

Neste momento contamos cunha granxa familiar de vacún de leite con 30 vacas de raza Fleckvieh e 50 becerros no medio das montañas de Salzburgo. Xunto cos meus pais diriximos unha explotación moi diversificada con produción de leite e de pataca, tamén silvicultura, pastoreo alpino e venda directa dos nosos produtos.

Formas parte da directiva da Asociación Austríaca de Mozos Agricultores e Gandeiros ¿Que é e que actividades organiza?
A Asociación Austríaca de Mozos Gandeiros é unha comunidade de agricultores e gandeiros motivados en toda Austria e que conta con aproximadamente 6.000 membros. Os mozos e mozas gandeiras comparten a paixón polo gando e tratan de continuar cun modelo de agricultura e gandería austríaca que produce bens de alta calidade. As áreas de responsabilidade son variadas e reflicten un amplo espectro de actividades. Temos unha estrutura a nivel provincial, e cada federación organiza moitos obradoiros, cursos e espectáculos de novos criadores.

“O 22% dos agricultores e gandeiros austríacos ten menos de 40 anos“

A nivel nacional na asociación ofrecemos un estupendo programa de formación chamado “Mozos gandeiros profesionais”. Aquí mozos de toda Austria teñen a oportunidade de formarse en temas como a política agrícola, a comunicación, o desenvolvemento da personalidade, o cultivo de plantas, a saúde dos animais, a dixitalización e moitos máis en 10 cursos básicos diferentes. O intercambio adicional con compañeiros e conferenciantes orixina novas ideas e solucións para as propias explotacións. Tamén traballamos con distintas empresas en toda Austria, o que nos conduce a un intercambio de coñecementos aínda maior.

Cal é a porcentaxe de relevo xeracional na agricultura e a gandería en Austria?
O 22% dos agricultores e gandeiros austríacos ten menos de 40 anos. Como a media europea é do 11%, Austria pode ser considerado o primeiro estado europeo en porcentaxe de mozos no sector agrogandeiro.

Como lograstes isto?
Estamos orgullosos deste logro grazas ao programa “Mozos gandeiros profesionais” . Non obstante, é importante que a administración traballe conxuntamente xunto cos mozos gandeiros, para ofrecer oportunidades suficientes para que se formen e melloren as súas competencias e desta forma manter a actividade agrogandeira como unha industria atractiva e viva. Persoalmente, creo que esta é a receita para o éxito. A través de eventos conxuntos, como o noso programa de adestramento “Young Breeder Professional” ou talleres nas distintas rexións de Austria, temos a posibilidade de crear unha rede ampla. Isto axudaranos a fortalecer a nosa posición na economía.

 “Apoiamos ás familias para favorecer o relevo xeneracional“

Cales crees que son as medidas máis importantes para promover o relevo xeracional na agricultura?
No noso programa de formación, hai un obradoiro onde tratamos exactamente o tema do desenvolvemento da personalidade e da toma do relevo nas granxas. O relevo xeracional nas explotacións é un tema difícil, porque maioritariamente temos explotacións familiares. As últimas xeracións construíron unha granxa ao longo das súas vidas e puxeron moito tempo e amor no seu traballo. A futura xeración normalmente xorde con moitas novas ideas para o cambio.

Con diferentes adestramentos temos a oportunidade de apoiar ás familias nesta situación. Pódense consultar centros de asesoramento especializados na agricultura e na gandería para axudalos a responder aos desexos e perspectivas de todos os membros da familia.

E os principais obstáculos que hai que afrontar?
Cada vez estamos máis preocupados polos consumidores. Producimos alimentos de alta calidade e a saúde e o benestar dos animais son prioridades para nós. Non obstante, a industria dos medios e da publicidade ás veces ofrece imaxes demasiado idílicas do traballo agrícola. É por iso que nos propuxemos o obxectivo de achegarnos activamente aos consumidores e transmitir unha imaxe da realidade. Pero ¿canta realidade pode tolerar un consumidor e onde están os perigos? Aquí estamos traballando activamente niso e queremos formar aos nosos mozos agricultores sobre como tratar este tema.

Como é a valoración social dos agricultores en Austria?
Ao longo das décadas notamos que moitos consumidores dan por feito que cada día producimos alimentos de alta calidade a prezos baixos. Sen embargo, os agricultores e gandeiros traballan 7 días á semana intentando sacarlle o máximo proveito á granxa e isto debe compensarse cun prezo xusto. Ademais, debido ao traballo, a vida social adoita ter menos importancia e moitas veces dificulta atopar parella. Queremos máis aprecio dos consumidores, pero tamén máis tempo para as nosas familias.

Cando un mozo decide dedicarse á gandería ou á agricultura en Austria, que apoio ten da administración?
Se un mozo agricultor en Austria decide facerse cargo do negocio dos pais, hai varias posibilidades de apoio para completar un comezo seguro. Aquí a subvención aos mozos agricultores é un apoio fundamental.

Ademais, o interese da xente nova da cidade na agricultura tamén está a aumentar . Xa hai varios centros de asesoramento especializados neste campo. Por suposto, estamos moi satisfeitos cando cada vez máis xente da cidade está interesada activamente en traballar no agro.

A nova política agrícola común despois do 2020 está a ser discutida na Unión Europea na actualidade. Que medidas lle pides á asociación que tome?
A nova política agrícola é, por suposto, tamén un gran reto para os agricultores e gandeiros mozos. Para nós é importante que volvamos obter a subvención para a incorporación e que o importe da subvención non se reduza aínda máis. Temos un momento emocionante por diante.

No caso dos rabaños de vacún leiteiro, como é a granxa media en Austria?
En Austria, isto depende moito da situación xeográfica da granxa. No oeste, as ganderías son máis pequenas que no leste. Unha explotación gandeira media en Austria ten 18 vacas leiteiras e un total de 32 reses no establo. No caso das vacas en muxido, na actualidade hai 8 vacas de media por explotación. Cómpre salientar que aínda temos moitas explotacións familiares en Austria.

O prezo actual do leite é duns 0,32 € para o leite e uns 0,42 € para o leite ecolóxico. Por suposto, sempre hai flutuacións de prezos e primas por máis graxa / proteína.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información