Asturias excluirá este ano o 91% da superficie agrícola do decreto de xurros

Asturias excluirá este ano o 91% da superficie agrícola do decreto de xurros

O Goberno de Asturias excluirá da aplicación da nova normativa de xurros ao 91,31 por cento da superficie que se declara na rexión para as axudas da Política Agrícola Común (PAC). Nestes terreos os agricultores e gandeiros poderán seguir aplicando este abono do mesmo xeito que ata agora, segundo anunciou este mércores en Madrid a conselleira de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais, María Jesús Álvarez.

Nos próximos días publicarase unha resolución no Boletín Oficial do Principado coa normativa asturiana sobre xurros. Galicia compartiu as alegacións presentadas por Asturias polo que se prevé que a superficie exenta sexa similar. Desde a Consellería do Medio Rural prefiren esperar a asegurarse de que a normativa asturiana se axusta á legalidade.

Polo menos durante 2018 aplicaranse as excepcións

En canto á duración, ¿É algo definitivo ou isto poderá cambiar? O Principado non o sabe. Espera que o Goberno central sexa comprensivo e non modifique estas condiciones pero recoñece que non ten ningunha seguridade. A postura do Ministerio ata agora é de que este ano podería ser de transición pero que a partir de 2018 habería que aplicar o decreto. Sen embargo, desde o goberno asturiano aseguran que mentres non haxa un cambio nos reais decretos de Agricultura non haberá cambios. Isto supón, polo menos, un 2018 tranquilo para os gandeiros.

A resolución de Asturias establecerá as excepcións á normativa do Ministerio de Agricultura sobre a aplicación de Xurros por parte dos gandeiros e agricultores asturianos que reciben axudas da PAC. Así, a aplicación de xurro nas superficies agrícolas non poderá realizarse mediante sistemas de prato ou abano nin canóns -os utilizados maioritariamente polos gandeiros-, agás nos seguintes casos:

Excepcións: Permítese esparexer o xurro en fincas agrícolas se se enterra nas 24 horas posteriores

1- Fincas con pendentes media superiores ao 10%.

2- Leiras cunha superficie inferior a 5.000 metros cadrados.

Con estes dous criterios, a superficie exenta de aplicación da normativa do Ministerio de Agricultura é do 91% en Asturias.

3.- Cando ao resto de parcelas agrícolas dunha explotación (descontadas as parcelas incluídas nas dúas primeiras excepcións), en conxunto, representen unha superficie inferior ao 50 por cento da superficie total neta da explotación, ou menos de dúas hectáreas.

Exclúese do decreto ás gandarías que teñan fosa cuberta e esparexan o xurro con menos de 12 graos de temperatura ambiente

4.- Cando o resto de parcelas agrícolas da explotación (descontadas as parcelas incluídas nas dúas primeiras excepcións), en conxunto, representen unha superficie superior ao 50% da superficie total neta, se os xurros corresponden a explotacións de gando bovino con almacenamento en fosa estanca e cuberta, e a aplicación se leva a cabo en días cunha temperatura media inferior a 12 graos, segundo a estación de Aemet máis próxima á explotación.

5.- Cando se trate de parcelas agrícolas nas que se realice un tratamento posterior, mediante enterramento con arado de vertedeira ou cultivador, dentro das 24 horas seguintes á súa aplicación.

Estercos sólidos

En canto aos estercos sólidos, deberán enterrarse despois da súa aplicación no menor prazo de tempo posible, excepto para:

-Os tipos de cultivo mediante sementeira directa ou mínimo laboreo.
-Os pastos.
-Os cultivos permanentes.
-Cando a achega de esterco sólido se faga en coberteira co cultivo xa instalado.
– En todo caso, autorizarase a súa aplicación sen enterramento posterior de forma excepcional, cando este uso se corresponda coas prácticas tradicionais.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información