Así traballan en Os Irmandiños para encher o maior silo de millo de Galicia (Vídeo)


Estes días a actividade é incesante no Centro de Alimentación de Gando Vacún (CAVI) que a cooperativa Os Irmandiños, agora integrada en CLUN, ten en Vilamartín Pequeno, no concello mariñao de Barreiros.

No CAVI hai capacidade para ensilar nunha campaña unhas 16.000 toneladas de herba e outras 24.000 toneladas de millo forraxeiro, procedentes das máis de 700 hectáreas de terreo dos socios que xestiona directamente a cooperativa.

Contan con 14 silos, dos que 6 se enchen con herba e 8 con millo. Estes últimos son 6 silos de 14 metros de ancho, con capacidade para 4.000 toneladas cada un: outro de 18 metros, con capacidade para 5.000 toneladas, e outro de 21 metros, con capacidade para ata 7.000 toneladas de forraxes.

“Empezamos a semana pasada a ensilar o millo e neste momento levamos preto do 50% da superficie colleitada e esperamos que o proceso se alongue ata a última semana de outubro”, explica Santiago Sousa Lema, director da área de Cultivos e Mecanización Agraria de Os Irmandiños.

De momento xa pecharon un silo de 14 metros de ancho, picado co novo sistema Shredlage®, e cara mediados deste mes teñen previsto pechar o de 21 metros de ancho, continuando posteriormente cun terceiro ata rematar a campaña, ambos con picado estándar.

Ensilan unha media de 1.500 toneladas ao día

“O ensilado este ano comezou algo máis tarde porque o millo tamén se sementou con retraso debido ao mal tempo. A colleita de momento está sendo boa, cun rendemento medio dunhas 42 toneladas de materia húmida por hectárea, se ben é certo que haberá que agardar ao final da campaña para facer unha avaliación máis concluínte”, sinala Santiago Sousa.

Para encher os silos de millo do CAVI traballan 2 colleitadoras con tolva, con capacidade para 10 regos e almacenan o millo para logo descargalo en tractores ou ben directamente en camións. Nesta temperada de ensilado a cooperativa contra os servizos de entre 12 e 18 trailers que diariamente traballan para transportar a forraxe ata o CAVI. Úsanse distintos tipos de transporte (trailer, camión de obra ou tractor con remolque) en función da distancia da finca e dos accesos. Este sistema foi adoptado como o máis eficiente en tempo, gasto de combustible e necesidade de transporte tras un estudo encargado pola cooperativa Os Irmandiños ao Campus Terra da USC.

AO CAVI chegan os transportes das distintas fincas nas que se está a traballar ao mesmo tempo, Pasan pola pesa e logo descárganse no silo, recolléndose unha mostra de cada viaxe para a súa análise. Desta forma, a un ritmo dunhas 1.500 toneladas de forraxe diarias, pero que pode chegar a picos de ata 2.200, vanse enchendo os silos de millo máis grandes de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información