Así reduce unha granxa holandesa a súa pegada de carbono

A baixada dos gases de efecto invernadoiro que emiten as ganderías convertirase previsiblemente nun dos obxectivos da PAC post-2020. Unha explotación láctea dos Países Baixos explicou en Bruxelas os seus plans para diminuír as emisións

Así reduce unha granxa holandesa a súa pegada de carbono

Imaxe da explotación de Gerbert Krukerink, en Holanda.

A gandería, igual que outros sectores que producen gases de efecto invernadoiro, enfróntase nos próximos anos ó reto de reducir as súas emisións. En Europa, as previsións apuntan a que a PAC post-2020 marcará obxectivos na liña dunha agricultura que mitigue o seu impacto no cambio climático. E xa hai proxectos traballando con ese reto en perspectiva. Unha explotación láctea de Holanda vén de explicar en Bruxelas os seus plans para baixar as emisións.

Gerbert Krukerink é un gandeiro holandés que ten 150 vacas e que produce 1.250.000 litros de leite ó ano. A súa explotación conta con 46 hectáreas de superficie, 38 a herba e 8 a millo, e mantén unha media de 75 animais de recría.

Xunto con outras granxas de Holanda, Gerbert participa nun proxecto para identificar as emisións de gases de efecto invernadoiro da súa gandería. O obxectivo do programa é implementar un plan de mitigación que mellore a pegada de carbono das explotacións, é dicir, que reduza o seu impacto no cambio climático.

Emisións actuais
As emisións medias das granxas holandesas, segundo ese proxecto, sitúanse en 1,24 quilos de dióxido de carbono equivalente por cada quilo de leite producido. O reto sitúase nunha redución do 20% das emisións, ata deixalas nun quilo de dióxido de carbono (CO2) por quilo de leite.

A explotación de Gerbert, polo de agora, sitúase en 1,09 quilos, pero ten plans en mente que lle permitirían baixar ata 0,91 quilos. A súa pegada de carbono por litro de leite repártese na actualidade do seguinte xeito:

– Dixestión dos animais: 0,44 quilos de dióxido de carbono equivalente.
– Almacenamento do xurro: 0,18 quilos.
– Manexo do solo e aplicación de estercos: 0,08 quilos.
– Uso de enerxía: 0,08 quilos.
– Alimentación mercada para os animais: 0,27 quilos.
– Fertilizantes minerais: 0,04 quilos.

Cambios
As opcións para reducir as emisións son moitas. As que baralla a granxa de Gerbert son as seguintes:

– Producir biogas a longo prazo: -9,2% de emisións.
– Incrementar o rendemento leiteiro por vaca de 8.300 a 9.000 quilos por animal (-2,7%).
– Comezar a pastorear 720 horas ó ano (-2%).
– Aumentar a permanencia das vacas no rabaño, reducindo a recría, ata un índice de reemprazo anual do 15-20% (-0,6%).
– Reducir o laboreo do chan (-2,4%)

Aumento de ingresos
Ademais de baixar a súa pegada de carbono, con estas medidas, a granxa calcula que tamén mellorará as súas contas. O fluxo en caixa, segundo Gerbert, aumentaría en 50.000 euros ó ano polo impacto do aumento do rendemento dos animais, polo recurso ó pastoreo e polo aumento da lonxevidade das vacas.

O gandeiro holandés Gerbert Krukerink e a súa familia.

O gandeiro holandés Gerbert Krukerink e a súa familia.

O desafío é a mellora da eficiencia, para o que a explotación incide en que precisa pastizais e terras de cultivo de alta produtividade, segundo expuxo o gandeiro na Conferencia sobre Perspectivas Agrícolas da UE, que se desenvolveu este mes en Bruxelas.

“Necesitamos usar fertilizantes orgánicos para manter a fertilidade do chan, a súa materia orgánica e para reducir a perda de nutrintes. Habería que derogar a Directiva de Nitratos”, defendeu Gerbert Krukerink en Bruxelas, unha proposta esta que, á luz dos problemas de contaminación por nitratos que existen nos Países Baixos, presenta escasas posibilidades.

Como conclusión, Gerbert subliñou que sendo eficientes, as granxas poden reducir emisións e aumentar ingresos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información