Así quedará o decreto de etiquetaxe da orixe do leite que se prevé aprobar nos próximos días

A etiquetaxe obrigatoria do país de orixe do leite estará vixente durante dous anos. A norma, pendente do ditame do Consello de Estado, está previsto que se publique este mes no BOE

Así quedará o decreto de etiquetaxe da orixe do leite que se prevé aprobar nos próximos días

Durante este mes de xullo está previsto que se publique o decreto do Ministerio de Agricultura que obriga á industria e á distribución a indicar de forma obrigatoria a orixe do leite na etiquetaxe.

O decreto é demandado principalmente polo sector produtor para coñecer o país de orixe do leite, coa esperanza de que os consumidores españois primen na súa compra o leite de orixe nacional e isto tradúzase tamén en máis produción de leite español, menores importacións e en mellores prezos para os gandeiros españois. E é que a produción de leite de vaca en España non cobre as necesidades de consumo do país: 7 millóns de toneladas fronte a un consumo estimado en 9,2 millóns de toneladas.

Explicamos a continuación os principais aspectos do último borrador do decreto, con data do 9 de xuño, e ao que tivo acceso Campo Galego:

¿En que fase se atopa o decreto?

O “Proxecto de Real Decreto relativo á indicación da orixe do leite utilizado como ingrediente na etiquetaxe do leite e os produtos lácteos” foi enviado ao Consello de Estado e agora mesmo está pendente do seu ditame, polo que aínda pode estar suxeito a cambios.

Segundo fontes do sector, o Ministerio de Agricultura que dirixe Luís Planas decidiu desatender as recomendacións do último informe da Comisión Nacional da Competencia, que mostra o seu temor a que o decreto teña un “efecto proteccionista da industria nacional, (…) constituíndo unha restrición á libre circulación de mercadorías (entre países)”.

Cando entrará en vigor?

O real decreto entrará en vigor catro meses despois da súa publicación no Boletín Oficial do Estado e terá unha vixencia de dous anos, o que permite a normativa da Unión Europea, e tal e como xa fixeron outros países como Francia, Portugal ou Italia.

En todo caso, poderanse comercializar os produtos fabricados antes da entrada en vigor deste real decreto, que satisfagan as disposicións aplicables no devandito momento, ata que se esgoten as súas existencias.

Non obstante, no caso de que a Comisión Europea, antes da finalización do período de aplicación desta disposición, aprobe unha normativa ou acto de execución sobre esta materia o real decreto español perderá os seus efectos desde o momento no que entre en vigor a norma comunitaria.

A que produtos afecta?

LEITE_DECRETO_ORIXE_PRODUTOS

A orixe do leite deberase indicar en todos aqueles produtos no que o leite utilizado -sexa de vaca, cabra ou ovella- como ingrediente represente unha porcentaxe superior ao 50%, expresado en peso, respecto do total de ingredientes utilizados.

A norma afectará unicamente ao leite e os produtos lácteos elaborados en España que se comercializan no territorio español.

Por tanto, os requisitos deste real decreto non se aplicarán aos produtos legalmente fabricados ou comercializados nos outros Estados membros da Unión Europea ou en países terceiros.

Que cambios supón na etiquetaxe?

Nas etiquetas de todos estes produtos, preto da lista de ingredientes e co mesmo tamaño de letra, a industria deberá incluír a seguinte información:

a) O nome do país no que o leite foi muxida, mediante a expresión: “País de muxido: (nome do país)”. No caso de que se trate dun país distinto de España, en lugar da referencia ao país, poderá indicarse (UE) ou (fóra da UE).

b) O nome do país no que o leite foi transformada, mediante a expresión: “País de transformación: (nome do país)”. No caso de que se trate dun país distinto de España, en lugar da referencia ao país, poderá indicarse (UE) ou (fóra da UE).

Cando nas operacións de muxido ou de transformación do leite interveñen varios países, o nome dos países poderá substituírse por unha das seguintes mencións: “UE”, “fóra da UE” ou “UE e fóra da UE”, segundo corresponda.

c) Se o muxido e a fabricación ocorren nun mesmo país, poderán substituírse por unha soa mención, “Orixe do leite: (nome do país)”. Non obstante, cando se trate dun mesmo país, distinto de España, poderá mencionarse: “Orixe do leite: (UE)” ou “Orixe do leite: (fóra da UE)”, segundo corresponda.

e) Información sobre a Comunidade Autónoma de Orixe: De forma voluntaria a industria poderá incluír na etiquetaxe información adicional máis precisa do lugar de procedencia rexional ou territorial do leite.

Descarga aquí a última versión do “Proxecto de Real Decreto relativo á indicación da orixe do leite utilizado como ingrediente na etiquetaxe do leite e os produtos lácteos”.

Unións Agrarias felicita ao Ministerio pola próxima publicación do decreto

ROLDA_UNIONS_LUGO

O sindicato Unións Agrarias felicita ao Ministerio de Agricultura de que “por fin, e tras máis de dous anos e medio, vaia a publicar nos próximos días no BOE este decreto”.

Así o avanzou este venres o secretario xeral de UUAA, Roberto García, durante unha rolda de prensa en Lugo. “Así se comprometeu a pasada semana o ministro nunha reunión coa nosa organización, de forma que este ano o consumidor vai poder ter información da orixe do leite e dos produtos lácteos”, destacou.

O responsable sindical lembrou que a etiquetaxe obrigatoria da orixe do leite “é un dos compromisos do Acordo Lácteo -asinado en 2015- , que por primeira vez este Ministerio vai aplicar desatendendo as recomendacións da Comisión Nacional da Competencia, un órgano que de forma sistemática nos seus informes beneficia á distribución e castiga á parte máis débil da cadea, aos agricultores e gandeiros”.

Roberto García: “A aprobación do decreto debe estar acompañada por unha campaña de sensibilización entre os consumidores”

Roberto García mostrouse optimista pola perspectiva que abre este decreto para os gandeiros: “Nas enquisas o consumidor español manifesta unha clara preferencia polo produto nacional, polo que cunha etiquetaxe obrigatoria situariamos ao leite galego, e por tanto española, nunha posición privilexiada no mercado, de forma que a industria láctea aumente a súa demanda de produto nacional para poder identificar a orixe dos seus produtos como nacionais”. “E xa que a produción de leite en España non cobre a demanda, isto -intuíu- debería repercutir en prezos para o gandeiro por encima dos custos de produción”.

Segundo o secretario xeral de Unións Agrarias os produtos nos que máis se debería notar o cambio serían os queixos e o leite en po, onde o volume de importacións tamén é maior.

En todo caso, Roberto García considerou necesario que a publicación no BOE do decreto de etiquetaxe obrigatoria veña acompañado dunha campaña de información entre os consumidores por parte do Ministerio de Agricultura. “Como se fixo de forma exitosa en Francia, a aprobación deste decreto debe estar acompañada dunha compaña potente de sensibilización e explotación para que a inmensa maioría dos consumidores españois respondan á chamada a consumidor produto de España”, concluíu García.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información