DAIRY GOLD CISTERNA

Así funciona DairyGold, a maior cooperativa láctea de Irlanda

A cooperativa DairyGold recolle o leite duns 2.800 gandeiros socios e transformou o ano pasado 1,3 millóns de toneladas de leite para transformala en queixo e manteiga que nun 90% destina a exportación. Coñecemos como traballan

DairyGold é hoxe un exemplo do éxito dos gandeiros irlandeses á hora de xuntarse para transformar e darlle valor engadido ao seu leite. O ano pasado esta cooperativa, situada no condado de Cork, recolleu e transformou en queixo e manteiga nada menos que 1,34 millóns de toneladas de leite dos seus 2.850 gandeiros socios e facturou 993 millóns de euros, dos que o 90% corresponderon ás vendas no estranxeiro.

Coñecemos como traballan nunha viaxe organizada polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa para visitar un grupo de alumnos que realizan prácticas en ganderías irlandesas grazas ao programa europeo Erasmus Novos Granxeiros. Na axenda de visitas estivo a queixería que DairyGold ten na cidade de Mitchelstown, unha das múltiples factorías que ten repartidas por toda a illa. Só nesta planta, totalmente automatizada, elabóranse cada ano algo máis de 50.000 toneladas de queixo cheddar.

A importancia de contar cun plan estratéxico a varios anos

As orixes de DairyGold remóntanse a comezos do século XX, en concreto á cooperativa de Ballyclogh, creada no ano 1908, e á de Mitchelstown fundada no 1919, co apoio do recén creado estado irlandés. No ano 1990 ambas fusiónanse para crear DairyGold e coa entrada de Irlanda na Unión Europea aproveitaron moi ben as axudas e o mercado europeo para medrar e crear unha potente industria láctea.

O seu obxectivo é chegar a producir 1,65 millóns de toneladas en 2023

As cifra son elocuentes, tal e como nos explica Billy Cronin, responsable da cadea de subministro de leite desta cooperativa que conta con dúas divisións claramente separadas: a principal, de transformación do leite, e outra de fabricación de pensos e outros complementos para alimentación animal.

“O ano pasado os 2.850 gandeiros socios da cooperativa entregaron a DairyGold 1,34 millóns de toneladas de leite, o que supón arredor do 20% da produción de Irlanda, e o que supuxo un 2,7% máis que o ano anterior. Preparámonos ben para a supresión das cotas lácteas cun plan estratéxico ata o ano 2023. Así, dende o ano 2009 DairyGold incrementamos a nosa produción nunhas 500.000 toneladas, un 60% máis en volume e cun 70% máis de incremento na produción de sólidos (graxa e proteína)”, explica.

Isto permitiu que a media de produción por gandería socia pasase de 270.000 litros no 2009 a 470.000 litros neste momento.

O plan de DairyGold é seguir incrementando a produción das súas ganderías socias, para aproveitar as boas perspectivas internacionais do mercado do leite e dos seus derivados. Desta forma, para 2023 o seu obxectivo é chegar a producir 1,65 millóns de toneladas.

Como é o prezo que lle pagan aos gandeiros?

A media de prezos que DairyGold lle pagou aos seus gandeiros no 2018 foi dun prezo final de 0,361 euros por litro e para este 2019 as previsións segundo sinala Billy Cronin, é que se manteñan estables.

Deste xeito, neste pasado mes de abril o prezo base foi de 0,3119 euros por litro para un leite co 3,6% de graxa e o 3,3% de proteína, pero incluíndo os bonus por sólidos a media para os seus granxeiros situouse en 0,34 euros o litro, tendo en conta que a primavera é a estación de prezos máis baixos.

¿Como se fixan os prezos do leite? “Os gandeiros son os propietarios da cooperativa e eles decidan o futuro e a estratexia, pero iso si, adaptándose á evolución dos prezos do mercado internacional”, subliña o responsable da cadea de subministro de leite na cooperativa.

Deste xeito, o sistema de pago de DairyGold é por kilos de sólidos penalizando o volume. En concreto, o 40% do prezo do final que recibe o gandeiro depende da graxa entregada e o 60% da proteína.

E é que os sólidos son a base dos principais produtos que elabora a cooperativa: queixo cheddar e manteiga, aínda que tamén elabora e vende caseína e proteínas lácteas e leite en pó, con destino a multinacionais como Nestlé, Danone ou empresas chinesas. “Exportamos o 90% da nosa produción e temos que apostar polos produtos que demanda o mercado internacional, procurando sempre que os nosos gandeiros produzan a baixos custos e dándolle o maior valor engadido aos nosos produtos, diferenciándonos porque producimos dunha forma sustentable e natural en base a pastoreo”, subliña Billy Cronin.

Produtos financeiros da cooperativa para os seus gandeiros

Ademais de transformar e darlle valor ao leite dos seus socios, DairyGold tamén lles ofrece aos seus gandeiros produtos financeiros para que podan aumentar a produción.

“Queremos apoiar aos nosos socios con préstamos e outros produtos financeiros en moito mellores condicións que a banca privada”, destaca o responsable da cadea de subministro de leite na cooperativa.

Así, en caso de inclemencias meteorolóxicas, como nevaradas intensas ou secas, DairyGold ofreceulles aos seus socios descontos na compra de forraxes e pensos e créditos sen xuros.

Ademais, e en colaboración co Banco de Irlanda, dende o ano 2016 ofrécelles aos seus socios o préstamo Dairyflex, que lles permite aos gandeiros dispoñer de liquidez en períodos de baixos ingresos -como durante os meses de inverno- e prorrogar sen intereses os pagos das cotas.

Outras opcións que ofrece DairyGold son liñas de crédito a 12 meses e ao 3,85% de interés.

A ameaza do Brexit e estratexias de futuro

Unha das principais ameazas para DairyGold neste momento é o Brexit. E é que a cooperativa irlandesa exporta cada ano ao Reino Unido unhas 30.000 toneladas de queixo, o que supón nada menos que o 20% das súas vendas ao exterior.

“Se non hai acordo entre a Unión Europea e o Reino Unido o impacto podería ser devastador, xa que se impoñen aranceis para a nosa cooperativa suporá un custo adicional duns 50 millóns de euros, o que provocaría que o prezo final do noso queixo para o consumidor británico encareceríase arredor dun 50%”, advertía recentemente Jim Woulfe, xerente de DairyGold.

En canto á estratexia de futuro da cooperativa os seus responsables aseguran que pasa por superar os retos do Brexit, seguir sendo un referente como provedores de ingredientes de alta cualidade para as principais multinacionais alimentarias, especialmente para elaborar fórmulas de alimentación infantil.

Ademáis, queren seguir innovando en queixos e derivados lácteos que lle permitan incrementar a súa marxe de beneficio.