As reformas en vehículos agrícolas enfróntanse a un maior control

Ansemat prevé unha inspección máis rigorosa dos cambios na maquinaria, así como novas directivas europeas na materia

As reformas en vehículos agrícolas enfróntanse a un maior control

A colocación de remolques en motocultores só se homologará antes da venda do equipo.

A seguridade vial da maquinaria agrícola reforzarase nos próximos anos de man de novas normativas a nivel europeo e dunha aplicación máis rigorosa das existentes, segundo valora o secretario xeral da Asociación Nacional de Maquinaria Agrícola (Ansemat), Ignacio Ruiz. Un dos asuntos máis candentes, que afectará a boa parte do sector, é un maior control das reformas na maquinaria agrícola, segundo as previsións de Ansemat.

“Determinadas reformas, como os cambios dos enganches dos tractores, víñanse pasando por alto nas ITV porque no Ministerio eran conscientes de que se esixían a súa homologación, pararían a todo o sector. Nas reunións que temos cos responsables ministeriais, trasladámoslles que se adoptan a decisión dun control máis estrito sobre as reformas, deben comunicarlla con antelación ao sector para que haxa marxe para a regularización”, apunta o secretario xeral de Ansemat. “Na maquinaria poden realizarse cambios e reformas que sexan compatibles co vehículo, pero para calquera reforma hai que pedir unha extensión da homologación, ben ao fabricante do tractor –no caso por exemplo de cambios no enganche-, ben a un servizo técnico”, explica Ignacio Ruiz.

Desde Ansemat consideran que un maior control das reformas pode comezar a aplicarse a partir de 2016, aínda que haberá que esperar posibles movementos do Ministerio nese sentido.

Na rede galega de ITV, xestionada por Supervisión y Control, recordan que as reformas non autorizadas xa supoñen en vehículos agrícolas un dos 10 defectos máis habituais que impiden pasar con éxito a inspección. “Sabemos que proximamente o Ministerio ten previsto publicar unha nova revisión do manual de procedemento de inspección nas estacións ITV, pero de momento non temos noticia de en que medida pode esta revisión afectar á inspección de vehículos agrícolas”, sinala Carmen Fernández, portavoz de Supervisión y Control. “En canto a reformas, ata agora estase aplicando o Real Decreto 866/2010 no que respecta á legalización de reformas de importancia”, precisan desde a rede galega de estacións ITV.

Prohibirase a adición de segundos eixes e remolques en motocultores trala súa venda

Motocultores
O sector dos motocultores, con gran peso en Galicia, sobre todo no eixe atlántico, tamén se enfronta a inminentes cambios de normativa a nivel europeo sobre a súa homologación. Os motocultores son unha máquina dun eixe pensada nun inicio para o seu uso a pé, pero nos últimos anos soportaron a adición de segundos eixes, remolques, asentos e outros cambios, un tipo de reformas que nun futuro próximo xa non se permitirán trala venda. “Se se quere incluír un segundo eixe, tense que vender con esa homologación, xa que se prohibirá a súa homologación a posteriori”, advirten desde Ansemat.

Defectos nas ITV
Cada ano inspecciónanse en Galicia máis de 70.000 vehículos agrícolas na rede ITV, dos que ao redor dun 15% presenta defectos considerados graves ou moi graves, segundo os últimos datos de Supervisión y Control, correspondentes ao exercicio 2013. Outro 36% de vehículos presenta fallos considerados como leves, en tanto preto da metade dos usuarios pasa a inspección sen incidencias.

Seis dos 10 defectos máis habituais nas ITV refírense a alumado e sinalización

Entre os defectos máis habituais, destacan problemas en alumado e sinalización: “Seis dos defectos máis habituais corresponden a este capítulo, malia que este tipo de avarías poden ser detectadas polo propio usuario antes de vir realizar a inspección obrigatoria, o cal evitaría rexeitamentos que supoñen volver á estación ITV para obter a cualificación como favorable”, explica Carmen Fernández, de Supervisión y Control.

“Outros defectos detectados de forma habitual son rótulas e freos, que son elementos de desgaste e que sofren deterioros importantes polo uso en terreos complicados”, destacan na rede galega de ITV.

Os 10 problemas máis habituais
1) Sinais non reglamentarias (1.324 defectos)
2) Luces indicadoras de dirección (1.249 casos)
3) Inexistencia ou número de sinais non reglamentarias (1.058)
4) Fallos nas luces de freado (968)
5) Rotulas e articulaciones: excesiva holgura (916)
6) Placas de matrícula (714)
7) Reformas non autorizadas (680)
8) Fallos nos faros (621)
9) Defectos no freo de servizo (589)
10) Inexistencia de luz traseira da matrícula (555)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información