As organizacións agrarias pídenlle á conselleira unha maior intervención de Medio Rural no sector lácteo

Os representantes dos produtores consideran que a situación galega ten particularidades que fan precisa unha intermediación pública a nivel autonómico. Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaja Galicia manteñen un primeiro encontro con Ángeles Vázquez

As organizacións agrarias pídenlle á conselleira unha maior intervención de Medio Rural no sector lácteo

Instantes previos á reunión da conselleira coas organizacións agrarias.

A nova conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo un primeiro encontro coas organizacións agrarias para presentarlles os presupostos do seu departamento para 2016 e para escoitar as inquedanzas do sector. Asistiron á reunión Roberto García, por Unións Agrarias, Isabel Vilalba, polo Sindicato Labrego, e Francisco Bello, por Asaja Galicia. Entre as principais demandas que os representantes dos produtores lle trasladaron á conselleira, destaca a petición dunha maior intervención de Medio Rural no sector lácteo.

“Hai un gran número de primeiros compradores ausentes do acordo e que ademais nalgúns casos son insolventes” (Roberto García)

As organizacións agrarias entenden que Galicia, con máis da metade das explotacións lácteas do Estado, presenta particularidades que quedan desatendidas nas negociacións do sector xestionadas polo Ministerio de Agricultura ou no traballo da Interprofesional Láctea (Inlac). “Esperamos unha próxima reunión monográfica para seguir a marcha do acordo lácteo en Galicia, onde temos situacións particulares como un gran número de primeiros compradores (intermediarios) que están ausentes da sinatura do acordo e que nalgúns casos son insolventes”, suliñou tras o encontro Roberto García, de Unións Agrarias.

O Sindicato Labrego compartiu unha análise similar tras a xuntanza e engadiu novos aspectos que precisan unha abordaxe galega. “En Galicia temos un 30% de primeiros compradores (intermediarios) que non están representados na Inlac e a maiores, temos os prezos do leite máis baixos de España. Semella que hai un intento das industrias por repartirse áreas de produción próximas ós grandes centros de consumo en detrimento da produción galega. Quérese reducir a recollida en Galicia, facéndoa ademais a prezos máis baixos”, cuestiona a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

“Temos os prezos máis baixos de España e ademais semella que hai un intento das industrias por reducir a recollida en Galicia” (Isabel Vilalba)

Acordo lácteo
A conselleira do Medio Rural, pola súa banda, solicitoulles tanto a Unións Agrarias como ó Sindicato Labrego que se sumen ó acordo lácteo –Asaja xa o asinou-. Vázquez entende que a sinatura do acordo e a integración de ambas organizacións agrarias no comité de seguemento do mesmo é “o mellor que poderían facer por Galicia”.

En relación a evolución dos prezos do leite, a conselleira considerou un paso positivo a suba de 0,6 céntimos experimentada en setembro en Galicia. Cuestionada polos contratos a seis meses que están a trasladar empresas como Leche Río sen ningunha suba para os gandeiros, a titular de Medio Rural matizou que era posible que as melloras estivesen chegando polo de agora só a parte das explotacións.

“O mellor que poderían facer por Galicia as organizacións agrarias é asinar o acordo lácteo” (Ángeles Vázquez)

O representante de Asaja Galicia, Francisco Bello, que falou cos medios antes da reunión, manifestouse tamén esperanzado en relación a posibles melloras do prezo en novembro e decembro. “O acordo entraba en vigor a comezos de outubro e as melloras deberíanse ver xa no leite de outubro –que se cobra a mediados de novembro- e no de meses vindeiros”, indicou.

Consello Agrario
Outra cuestión abordada polas organizacións agrarias no encontro foi o marco de relación institucional entre a Consellería e o sector. Desde Unións Agrarias reclamóuselle a Ángeles Vázquez que volva dotar de contido ó Consello Agrario, un órgano consultivo no que participan as organizacións agrarias e que Unións entende que debe ser consultado máis a miúdo pola Administración autonómica en todo o relativo a normativas e axudas.

Sector forestal
En canto ós presupostos, presentados esta semana pola conselleira no Parlamento, as organizacións agrarias cuestionaron o impulso ó sector forestal. “Preocúpanos que esa aposta polo forestal se faga en detrimento da superficie agraria”, apunta Roberto García. “É preciso un control de oficio por parte da Xunta da superficie agraria que se está forestando”, valorou. Por parte do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba botou de menos nos presupostos unha aposta maior por sectores como a horta, a fruticultura ou o viñedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información