As organizacións agrarias convocan unha protesta do sector lácteo para o 17 de xullo

Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Xóvenes Agricultores aspiran a reflotar a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de Galicia, na que queren aglutinar a todas as organizacións do agro, cooperativas, partidos políticos e sociedade civil

As organizacións agrarias convocan unha protesta do sector lácteo para o 17 de xullo

Francisco Bello, Javier Iglesias e Xabier Gómez, na rolda de prensa de hoxe.

Cando a entrada na UE e a implantación das cotas lácteas, Galicia atravesou por unha época de gran mobilización social que puxo o leite no foco das preocupacións do conxunto da sociedade. As organizacións agrarias queren reflotar agora aquel espíritu e recuperar a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de Galicia, na que aspiran a aglutinar a todas as organizacións do agro, cooperativas, partidos políticos e sociedade civil. Impulsarán en Compostela o venres 17 de xullo unha manifestación que esperan que sexa multitudinaria.

Galicia é a novena rexión produtora de leite en Europa, pero o sector teme que progresivamente vaia perdendo peso. Logo do fin das cotas, os gandeiros estanse atopando con que as industrias teñen dificultades para absorber os leves aumentos de produción que se rexistraron, no entorno do 2%. A maiores, os prezos para parte dos gandeiros están reducíndose ata cotizacións anormalmente baixas, no entorno dos 18 céntimos, cifras moi inferiores ós 28 céntimos de media no mercado.

O sector teme a deslocalización da produción a outras comunidades, así coma o aumento das importacións de leite

O panorama no sector industrial tampouco convida ó optimismo. Arredor dun terzo da produción de leite galega viña saíndo en cisternas para ser transformada noutras comunidades. Co fin das cotas, o sector produtor teme que parte das industrias trate de incentivar a produción no entorno das súas factorías en detrimento da produción galega, que lles orixina un custo engadido de transporte.

Así as cousas, as tres organizacións agrarias tradicionais en Galicia, Sindicato Labrego, Unións Agrarias e Asaja Galicia, veñen de convocar hoxe unha mobilización para o 17 de xullo en Compostela. As tres entidades contactarán estes días coas outras organizacións do agro, caso da Federación Rural Galega (Fruga) ou da Organización de Productores de Leche (OPL), con cooperativas e tamén con partidos políticos e colectivos da sociedade civil para solicitar o seu apoio e participación. O sector gandeiro aspira a recuperar a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de Galicia, que nos anos 80 protagonizara importantes mobilizacións.

Galicia é a novena rexión na UE por volume de produción de leite. “Enfrontámonos á perda de capacidade produtiva” (Xabier Gómez)

Prezos e recollida
As tres organizacións agrarias ofreceron hoxe unha rolda de prensa en Compostela para valorar a situación do sector e anunciar as mobilizacións. “Enfrontámonos á perda de capacidade produtiva como país e a continuar na redución de explotacións gandeiras” – considera o coordinador de Gandaría do Sindicato Labrego, Xabier Gómez Santiso-. “Non estamos dispostos a que quede leite sen recoller no campo”, advertiu.

O responsable de Gandaría de Unións Agrarias, Javier Iglesias, circunscribiu os problemas actuais de recollida a “4 ou 5 explotacións” que teñen que tirar o leite. “Todas as explotacións que tiveron que tirar o leite o venres xa teñen quen llo recolla e as que teñen problemas agora atoparán comprador en breve”, sinalou. “O problema non é tanto de dificultades de recollida, que tamén, como de prezos. As industrias están a utilizar a cancelación da recollida de leite como unha estratexia para abaratar o leite no campo”, sostivo Iglesias.

“As dificultades na recollida non son máis que unha estratexia das industrias para abaratar o leite no campo” (Javier Iglesias)

As organizacións agrarias aseguran que hai un pequeno grupo de primeiros compradores intermediarios que están a ofrecer contratos de 16-18 céntimos a partir do 1 de xullo. “Ímoslle trasladar este problema á Consellería”, asegurou Iglesias, que concretou que empresas como Lácteos Terra de Montes ou Lácteos Ortegal anunciaron que deixarán rutas de recollida nos próximos días.

Enfrontamento polo paquete lácteo

As organizacións agrarias van máis alá na súa análise da situación e consideran que os problemas que se están a rexistrar na recollida de leite débense a un “boicot” da industria ó paquete lácteo, a normativa que implantou os fallidos contratos de compra venda de leite no campo. “As empresas están mantendo un pulso co Ministerio na reforma do paquete lácteo”, valorou o secretario xeral de Asaja Galicia, Francisco Bello.

“Tódolos días entran 100.000 ou 200.000 litros de Portugal. Como pode haber aquí dificultade de recollida?” (Francisco Bello)

Desde Asaja, Bello tamén sinalou que non comprendía como podía haber dificultades de recollida en Galicia cando “entran tódolos días 100.000 – 200.000 litros de Portugal en cisternas”. Bello suxeriu que se apliquen estrictos controis sobre ese leite: “Hai que saber de onde vén ese leite e que calidades trae”.

Tractorada
As organizacións agrarias manterán unha reunión o próximo martes en Compostela con todas as entidades dispostas a implicarse nas mobilizacións do sector lácteo. A partir desa xuntanza, ultimarán outras posibles accións a emprender, a maiores da manifestación do 17 de xullo. Entre as posibles medidas de protesta figura unha tractorada, unha acción que desde a Organización de Productores de Leche (OPL) xa dan por segura e mesmo lle poñen data para o 1 de setembro.

A OPL prevé que as mobilizacións continúen cunha tractorada a primeiros de setembro

A OPL manterá unha reunión mañá mércores coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, para abordar a situación do sector. A OPL é especialmente crítica cos riscos de deslocalización da produción en Galicia e coa entrada de leite de países veciños como Francia e Portugal. “A industria está a deixar sen recoller leite nas gandarías nacionais para traela desde segundos ou terceiros países, sen que a Administración tome medidas ó respecto; en tanto se está a deixar ós gandeiros nas mans de primeiros compradores, que non máis que ‘industrias voitre’ que se están a aproveitar da situación”, valora a OPL, que pide un cambio de actitude na Administración, nas industrias e na distribución.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información