As mulleres, as manifestantes silenciosas das tractoradas

As mobilizacións destes días en Lugo están a supor un traballo dobre para moitas gandeiras, auténticas heroínas que fan posible que as explotacións lácteas sigan adiante mentres os seus maridos participan nas tractoradas. Visitamos a unha delas

As mulleres, as manifestantes silenciosas das tractoradas

Ángeles Neira

“Todo o meu apoio ás mulleres detrás da tractorada, as que ficaron muxindo as vacas. Porque diso non hai folgas” escribía estes días no twitter @shakesphobic. Estes días de abundancia de información sobre a tractorada de Lugo e a crise do sector lácteo, o seu twit foi unha das poucas lembranzas para as mulleres, as manifestantes silenciosas que estes días están facendo posible co seu traballo que os seus maridos participen nas mobilizacións do sector lácteo.

Ángeles Neira é unha delas. Vive na parroquia lucense de Poutomillos onde, xunto co seu marido, Antonio Vázquez, levan unha explotación de leite con 120 vacas, das que 60 están en muxido. Para eles, como para tantos outros gandeiros, os tempos son difíciles cun prezo do leite a 26 céntimos que fixa Leite Río.

Antonio recoñece con admiración o sobreesforzo que está facendo estes días para que el poda participar nas mobilizacións. “Hailles que facer unha homenaxe ás manifestantes silenciosas, como a miña muller, que durante estes días están facéndose cargo do dobre de traballo. A miña muller estes días tivo que facer as tarefas da casa; coidar da súa nai, que ten Párkinson, da avoa, de 93 anos, que ten demencia senil, e facer moito máis traballo na explotación porque eu estaba en Lugo na manifestación e nas asembleas”, asegura.

Ángeles asegura que “o peor foi os primeiros días porque nos colleu de improviso e non sabiamos como ía rematar, pero agora xa nos imos organizando mellor”. Recoñece que “estes días estamos todos moito máis cansados do normal” pero afirma que “merece a pena porque os gandeiros estamos facendo fronte común por unha boa causa”.

Una idea sobre “As mulleres, as manifestantes silenciosas das tractoradas

  1. manuel

    Curioso este artigo de “homenaxe” ás mulleres da gandeiría, que fican na casa facendo “as súas labores” para que así os seus maridos poidan adicarse ao importante e acudir ás manifestacións e ás asembleas a decidir (cousa que elas non poderían facer, porque non lles corresponde).

    Boto de menos que non fagan mención a como de ben lles pranchan a raia do mono para saír na tele.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información