“As limitacións da UE aos transxénicos provocan que sexamos cada vez menos competitivos”

Falamos con José Luís Romeo, presidente da Asociación de Produtores de Millo (AGPME) sobre algúns dos retos que se presentan á produción deste cereal

“As limitacións da UE aos transxénicos provocan que sexamos cada vez menos competitivos”

José Luís Romeo, presidente da Asociación Xeral de Produtores de Millo de España.

José Luís Romeo, presidente da Asociación General de Productores de Maíz de España (AGPME) aborda algúns dos desafíos que se expoñen aos agricultores e gandeiros na produción de millo en España. O uso de variedades transxénicas, os avances tecnolóxicos, o uso de prácticas sustentables ou a competencia con grandes potencias produtoras son algúns dos temas tratados.

-Que importancia ten o cultivo de millo en España no sector primario?
Nos anos 2014/15 España chegou a contar cunhas 420.000 hectáreas produtivas de millo e agora mesmo estamos nas 320.000. Así, en apenas 5 anos a superficie produtiva diminuíu nunhas 100.000 hectáreas debido aos altos custos que implica a produción de millo, que ademais esixe rega en boa parte de España. A maior parte do millo destínase á fabricación de pensos compostos, para a alimentación do gando, mentres que en zonas como Galicia os gandeiros cultivan o millo para ensilado e lograr forraxes para a alimentación dos seus animais.

“En 5 anos, a superficie produtiva diminuíu nunhas 100.000 hectáreas debido aos altos custos”

-Que porcentaxe desta produción é cultivo ecolóxico?
Hai moi pouca superficie dedicada ao millo ecolóxico, é case insignificante. Aínda que hai xente dedicada á produción deste tipo de cultivo, que logo se destina para a fabricación de pensos ecolóxicos, é moi pouca a produción. Doutra banda, aínda que non é produción ecolóxica, unha parte do cultivo de millo tamén se destina ao consumo humano, por exemplo para os flocos de millo. Este tipo de produción tamén ten unhas normas máis estritas en canto a tratamentos fitosanitarios.

– En Galicia, a produción deste cereal vincúlase ao millo de secaño, destinado principalmente ás forraxes. ¿Que peso ten este tipo de millo na produción estatal?
En verdade, o seu peso é moi pouco no cómputo xeral da produción de millo estatal. Ademais de en Galicia, tamén en León hai unha zona fresca na que tamén se produce este tipo de millo. A diferenza radica en que nestes millos de secaño conséguese unha produción media duns 11.000 quilos por hectárea mentres que na zona do Ebro, no millo do regadío, a produción sitúase nos 15.000 quilos por hectárea e mesmo pode chegar aos 20.000. As zonas máis altas e frescas prodúcense millos de ciclos curtos e nas zonas máis cálidas prodúcese millo de ciclo longo. Mesmo na zona de Aragón e Lérida prodúcense dous cultivos. Antes de sementar o millo, cultívase cebada ou guisante, logo realízase unha sementeira directa de millo e aínda se obteñen preto de 12.000 quilos de millo por hectárea despois de lograr 7.000 quilos de cebada.

– Precisamente en Galicia, a incidencia da fauna salvaxe, sobre todo xabaril, está a condicionar que nalgunhas zonas se reducise o cultivo. Como abordaron esta problemática desde a asociación?
Ocorre en Galicia, en Aragón ou en Cataluña, está a ocorrer en todos lados. Ademais, non só é preocupante polos estragos que as poboacións de xabaril están a causar no millo senón tamén porque son un foco de contaxio de enfermidades como a peste porcina. En países como Francia, despois de detectarse algún contaxio en Bélxica, xa están a actuar para frear o aumento das poboacións. Aquí, polo momento, pouco está a facerse e vémonos con que é moi difícil atallar os danos nos cultivos, sobre todo en grandes leiras de millo con 20 ou 30 hectáreas, onde é moi complicado sacar ás camadas aínda que se fagan batidas con cans e acabamos tendo importantes danos.

– A nivel mundial, que posición ocupa España na produción de millo?
A produción mundial de millo sitúase aproximadamente nos 1.000 millóns de toneladas e en España producimos preto de 4 millóns de toneladas, polo que somos ‘insignificantes’. Desta produción mundial, preto dun terzo prodúcese en Estados Unidos, uns 350 millóns de toneladas, e son os que fixan o prezo do mercado posto que son os grandes produtores. Tamén China está a ter unha importante produción do mesmo xeito que Arxentina e Brasil que son outros dous grandes produtores. A nivel europeo, Francia e Romanía son importantes e en Bulgaria tamén se produce, aínda que non na mesma medida. En España temos unha cabana gandeira moi grande que nos obriga a importar millo. Xa en 1992 tiñamos un convenio con EE.UU. para que se trouxesen 2 millóns de toneladas de millo e 600.000 toneladas de sorgo para alimentar a gandaría, pero agora esta cifra incrementouse até o punto de que temos que importar máis do dobre do que producimos para alimentar á nosa cabana gandeira.

– Para pornos en perspectiva, como evolucionaron os rendementos medios nas últimas décadas?
Os rendementos medios van aumentando. En España temos a media máis alta de produción de Europa. Estamos nunha produción media de 11,5 toneladas por hectárea pero que poden chegar ás 20 toneladas por hectárea e iso non o ten ninguén en Europa. En comparación co resto de Europa, en zonas como o Val do Ebro temos unhas moi boas condicións para producir, o que ocorre é que diminuíu a superficie produtiva, principalmente porque os números non cadran.

“En España temos a media máis alta de produción de Europa pero os prezos de hai 30 anos”

– E se falamos de prezos, que valoración fai da situación actual?
Boa parte da culpa da situación que atravesa agora mesmo a produción de millo en España, coa caída da superficie produtiva, débese a que sigamos con prezos de hai 30 anos. Cando entramos na Comunidade Económica Europea, o millo xa estaba en 30 pesetas e agora estamos por baixo dese prezo. Na actualidade está a pagarse a 175 euros por tonelada. Levamos toda a vida co mesmo prezo mentres os custos soben (a semente vale moito diñeiro, requírese moito abonado, ademais do custo da auga e a rega, que tamén suma).

– É competitivo o millo español fronte ás importacións de xigantes como Estados Unidos ou Arxentina?
Cada vez menos. Nós estamos a importar millo de países que utilizan transxénicos que son moito mellores que o único transxénico autorizado que temos en España desde hai 20 anos. Contar con plantas cunha mellor xenética fai que teñas que utilizar menos abonos, menos fitosanitarios e, en definitiva, poidas ter unhas plantas máis sás e produtivas e que se reduzan os custos de produción. Nós temos que competir directamente con eles pero logo importamos todo o millo de todo tipo que a nós desde a Unión Europea non nos deixan producir.

– Temen que lles afecte negativamente o acordo UE-Mercosur e UE-Estados Unidos?
Cremos que vai repercutir moito en produtos como o millo ou a soia así como na carne de vacún. Posiblemente outros sectores como o porco terán mellores perspectivas pero a nós creo que nos afectará moito, sobre todo, se se reduce a cabana gandeira, xa que afectará á demanda. Hai que ter en conta, ademais, que en países como Arxentina, cunha crise de devalorización da moeda, estes produtos exportaranse a prezos moi baixos a Europa.

“Un campo de millo absorbe máis CO2 que unha plantación de piñeiros”

-Nun cultivo como o millo, que leva parella unha importante carga de fitosanitarios, ¿como se asume desde o sector o reto de lograr unha produción máis sustentable?
Hai xa 5 anos que o 70% dos principios activos que se poden utilizar en herbicidas e en fitosanitarios elimináronse polo que agora cústanos máis loitar contra determinadas herbas ou pragas, como o caso da araña vermella no millo, que agora é máis complicado combatela. Isto estanos producindo problemas ós produtores pero sabemos que é mellor porque eliminamos produtos que se supoñen que eran moi prexudiciais para o campo. Ademais, na zona de Aragón está a optarse moito por sementeira directa para reducir gastos de combustible, de revolver a terra, e ao mesmo tempo ao traballar sobre unha capa de restrollos de cebada conséguese manter máis a humidade no chan. Tamén se está optando pola localización do abono na liña de sementeira para evitar esparexelo por todo o campo, concentrándose no millo.

-Cales son os principais retos que se lle presentan ao sector con respecto ao cambio climático?
Fronte ao cambio climático a produción de millo é moi importante debido á súa capacidade de absorción do CO2. Un campo de millo absorbe máis CO2 que unha plantación de piñeiros. Isto creo que debería de valorarse en maior medida. En zonas que se pasou de espazos desérticos a contar con plantacións de millo estase transformado un deserto en auténticos sumidoiros de carbono da atmosfera.

“Ao redor do 35% do millo que se sementa no noso país é transxénico”

– A modificación xenética, con variedades máis resistentes, é tamén unha opción que contemplan desde outros sectores produtivos, é o millo transxénico unha opción a ter en conta en España?
O millo transxénico en España é moi importante e ao redor do 35% do que se sementa no noso país é millo transxénico. Somos o primeiro país en Europa en superficie deste tipo de millo e é imprescindible para realizar unha dobre colleita porque ao sementar en xuño, nesa época as pragas como o trade do millo xa están moi asentadas no chan e se non utilizas uns transxénicos hai que empregar moitos insecticidas e resulta moi difícil combatela. Contar cos transxénicos é o que posibilita que se poidan realizar dobres colleitas.

“En Estados Unidos hai entre 20 ou 25 transxénicos máis fáciles de cultivar e eficientes para o medio ambiente”

Mentres, en países como Estados Unidos hai entre 20 ou 25 transxénicos que son resistentes contra a seca, os vermes do chan ou máis eficientes para o uso do nitróxeno. Isto fai que sexan moito máis fáciles de cultivar e máis eficientes para o medio ambiente, ao reducir a carga de insecticidas e herbicidas precisos e ser máis específicos ao atacar só aos insectos que afectan o millo, en lugar de eliminar todo. Aquí temos o MON810 que se desenvolveu hai máis de 15 anos e só contamos con ese.

-Como foi a evolución dos millos modificados xeneticamente (OXM) en España?
Desde a UE puxéronse tantas probas específicas para desenvolver os transxénicos, que implican un desembolso económico tan importante, que se freou o seu desenvolvemento. Estivemos vendo como noutros países se desenvolveron estas técnicas e mesmo aproveitaron as nosas investigacións nestes campos.

– A nivel de resistencia a enfermidades e de mellora dos rendementos. Cales son os aspectos nos que hai que mellorar máis e que técnicas están a utilizarse con máis éxito?

“Para mellorar os rendementos está a traballarse coa tecnoloxía CRISPR, que tamén nos vetaron dende a UE”

Agora mesmo para mellorar os rendementos está a traballarse coa tecnoloxía CRISPR, pero que tamén nos vetaron dende a UE, xa que consiste nunha modificación no xenoma pero neste caso sen introducir xenes alleos á planta, senón modificando os propios. É un tipo de xenética dirixida que posibilita un avance importante nos cruces aínda que agora mesmo está moi limitada do mesmo xeito que os transxénicos. Nestes momentos está en debate o seu uso, pero inicialmente desde a Unión Europea ten importantes restricións, suxeitas a probas similares ás dos transxénicos, mentres que outros países xa se están aproveitando diso polo que se non se axilizan volveremos quedarmos atrás. Ademais, hai que ter en conta que estes organismos modificados con tecnoloxía CRISPR serán imposibles de diferenciar polo que o control dos que cheguen de fóra será moi difícil.

– As casas de sementes están a concentrarse nunhas poucas multinacionais que copan o mercado mundial. Como valora este proceso? Corremos o risco de quedar en España sen obtentores nacionais?
Persoalmente prefiro que non se concentre e que haxa varias casas comerciais o que xera competencia entre elas. Neste sentido, a tecnoloxía CRISPR tamén podería ser unha ferramenta para que firmas pequenas desenvolvan sementes que antes só se podían permitirse as grandes multinacionais, xa que se perfila como unha tecnoloxía relativamente alcanzable.

-E se falamos de retos de futuro, afectará a remodelación da PAC á produción de millo?
Ao millo probablemente non lle afecte demasiado xa que ao ser un cultivo extensivo seguirá sendo tratado de forma similar. O problema radica na propia concepción da PAC pensada e relacionada inicialmente cos prezos de produción para o que se manexaron pagos fixos compensatorios pero o prezo non se chegou a axustar aos custos de produción e os pagos foronse reducindo, polo que cada vez ao agricultor compénsalle menos e a rendibilidade do campo cada vez é menor, iso provoca tamén o abandono do rural.

-Recentemente tamén buscaron sumar esforzos con Portugal. ¿En que liñas se asenta esta colaboración e que obxectivos persegue?
Con Portugal temos intereses comúns debido a que temos unha climatoloxía similar, que é moi distinta do resto de Europa, onde os regadíos non lles preocupan demasiado. Ademais, temos en común o problema do despoboamento do campo que tampouco se dá noutros países europeos e aquí é cada vez máis frecuente, parello a un abandono do rural. Así queremos levalos de forma conxunta a Bruxelas para que sexan conscientes das problemáticas que temos aquí.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información