As industrias lácteas incentivan o crecemento da produción en plena crise de excedentes

Lactalis e Capsa impulsan o aumento das entregas das súas explotacións proveedoras, o que leva ás organizacións agrarias a interpretar que necesitan máis leite en Galicia. Paralelamente, a Comisión Europea inicia en setembro un programa con primas para as ganderías que baixen en produción, co fin de mellorar a situación de mercado

As industrias lácteas incentivan o crecemento da produción en plena crise de excedentes

Parte das industrias está a favorecer aumentos de produción.

Os últimos contratos que algunhas das principais industrias lácteas lles trasladaron ós gandeiros galegos reducen ó mínimo as penalizacións por aumentar a produción ou abren a porta a permitir maiores entregas. O cambio de estratexia, encabezado por firmas como Lactalis ou Capsa, chega nun intre de suposta saturación do mercado, con prezos á baixa e fortes excedentes a nivel europeo.

As empresas esforzáranse ata este verán por limitar o crecemento da produción das granxas galegas co argumento de que sobraba leite no mercado. O xiro que dan agora as industrias xera interrogantes no sector. En Galicia necesítase máis leite ou as industrias queren botar máis leña ó lume?

A penalización por exceso de produción de Lactalis pasa duns 15 céntimos por litro a 1 céntimo

A supresión ós límites de produción coincide ademais coa inminente posta en marcha do plan europeo para incentivar descensos nas entregas de leite das granxas. Desde setembro, as ganderías poderán optar voluntariamente por reducir durante tres meses as entregas a cambio dunha bonificación. Con esta medida, a Comisión Europea trata de que diminúan os excedentes de leite no mercado. As industrias en Galicia, sen embargo, conducen en sentido contrario.

Lactalis
A firma gala Lactalis, a primeira en volume de recollida en Galicia, pagaba ata este verán a 12 céntimos o leite que pasaba da cantidade contratada, é dicir aplicaba unha penalización duns 15 céntimos sobre o prezo habitual (arredor de 27 céntimos). Co novo contrato, xa en vigor desde o 1 de agosto, a penalización para o exceso de produción será de 1 céntimo.

“En Galicia, as industrias necesitan máis leite. O problema é que non o queren pagar” (Óscar Pose, Unións Agrarias)

“Queda claro que segue facendo falta leite en Galicia” -valora Óscar Pose, de Unións Agrarias- “Necesitan leite, pero ó mesmo tempo Lactalis impuxo uns contratos con prezos á baixa e cun sistema de indexación que fai totalmente inviable que suba o prezo do leite nos próximos 6 meses”, cuestiona Pose.

Capsa
Outra empresa que abriu a porta a maiores entregas foi a asturiana Capsa (Clas, Larsa). O seu modelo de contrato máis habitual ata este verán limitaba a produción contratada á entregada pola explotación na campaña 2014-2015, antes do fin das cotas, cun pago 80-20 (O 80% do leite pagábase a prezo de mercado e o 20% restante a prezos referenciados a leite en po e manteiga). O novo contrato permite a entrega de maiores cantidades, se ben cun pago 70-30, no que o 30% do leite se paga a un prezo B, inferior ó do mercado.

O novo contrato de Capsa permite maiores entregas, pero aumenta ata o 30% a cantidade que paga a un prezo B, menor ó do mercado

Desde as organizacións agrarias interprétase que Capsa está a incentivar o aumento da produción. “En xeral, hai un cambio de tendencia. Se antes os esforzos das industrias centrábanse en conter a produción, agora ábrese a man nos volumes á vez que se baixan os prezos”, analiza Xabier Gómez, do Sindicato Labrego.

Destino do leite para po
A estratexia de Capsa sorprende ó sector. Dun lado, Capsa incentiva o aumento da produción, coma se necesitase leite. Doutro, o seu contrato estándar paga o 30% do leite a un prezo menor, referenciado ó leite en po e á manteiga, como se non puidese colocar ese leite no mercado e tivese que destinalo a produtos lácteos industriais. Hai que sumar, a maiores, as cisternas que Larsa merca a prezos de leite en po, co cal o sector estima que a industria pode estar movendo alomenos arredor dun 40% do leite a un prezo B, menor ó do mercado.

“É necesario que haxa garantías de que o leite que se merca para po non remata nun brik” (Xabier Gómez, Sindicato Labrego)

“É necesario xa que haxa garantías de que o leite que mercan a un prezo B vai para po, tanto no caso de Capsa como doutras industrias con prácticas similares”, demanda Xabier Gómez, do Sindicato Labrego. O resto de organizacións agrarias exprésase na mesma liña. “Canto dese leite vai realmente para po e canto remata en queixos e nun tetra brik?”, pregúntase Elías Somoza, coordinador dos sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga). “En todo este caos de contratos e de movementos das industrias, o que máis se bota en falta é a desaparición da Administración. Non hai un árbitro que regule a situación. Xunta e Ministerio están desaparecidos”, critica Elías.

As regras de xogo cambian cada pouco para os gandeiros, o que xera moita incertidume. “Hai uns meses, parte das granxas que lle suministraban a Lactalis esforzáronse por adecuarse ás cantidades contratadas, nalgún caso enviando animais ó matadoiro. Agora atópanse con que ese esforzo non lles serviu de nada. O mesmo sucede coas explotacións que se adaptaran ós límites marcados por Capsa”, reflexiona Óscar Pose, de Unións Agrarias.

“O que máis se bota en falta é a desaparición de Xunta e Ministerio. Non hai un árbitro que regule a situación” (Elías Somoza, Fruga)

Denuncias polos contratos
As organizacións agrarias continúan por outra banda coa súa ofensiva legal contra o contrato de Lactalis, que xa foi denunciado ante as Administracións. Tanto Unións como a Fruga inciden en que ten un sistema de indexación abusivo. A Fruga cuestiona tamén a introdución dunha cláusula de confidencialidade no contrato.

Outro dos grandes problemas do sector sitúase nos prezos pagados polos primeiros compradores, con frecuencia “irrisorios”, segundo denuncian as organizacións agrarias, “e moitas veces sen contrato”, cuestiona Elías Somoza (Fruga).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información