“As industrias están dispostas a recoller o mesmo volume de leite que no 2015”

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, é partidaria de que as granxas freen o aumento da produción, dadas as dificultades de mercado. Anuncia novos proxectos de transformación que mellorarán o escenario en Galicia a medio prazo

“As industrias están dispostas a recoller o mesmo volume de leite que no 2015”

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

O sector lácteo galego afronta unha primavera que se prevé complicada polos aumentos estacionais de producción. O principal temor é a que quede leite sen recoller no campo a prezos de mercado; é dicir, a que haxa granxas que teñan que entregar a súa producción para leite en po a 18 céntimos o litro, como lle pasa desde hai dúas semanas ó medio cento de explotacións da cooperativa Codegui (Guitiriz). Falamos coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para coñecer as previsións da Consellería de cara á primavera.

“Temos uns 30 proxectos de transformación sobre a mesa, dos que hai que salientar tres. Se algún destes sae, xa quedaría tranquila”

A titular de Medio Rural, que vén de cumprir cinco meses no cargo, recoñece ansiedade pero tamén ilusión polas perspectivas do sector lácteo. “Loitarei para que non quede ningún litro sen recoller na primavera a un prezo lóxico”, sinala sobre as perspectivas a curto prazo. De cara ó futuro, os obxectivos da Consellería pasan por incrementar a transformación industrial do leite en Galicia: “Temos uns 30 proxectos sobre a mesa, dos que hai que salientar tres. Se sae algún destes tres, que estou segura de que si, xa quedaría tranquila”.

Cando Leche Celta cancelou a recollida na cooperativa Codegui, Medio Rural comprometeuse a intermediar na busca de solucións. Ven saídas a este problema?
– O caso de Codegui non é a primeira vez que ocorre. Eu entérome por eles dous días antes de que se lles cancele a recollida; falo coa industria e a industria dime que xa llo tiña comunicado á cooperativa con antelación, dado que non ten tanta capacidade de mercado. Aínda así, queda de facer unha valoración para ver ata onde pode chegar. Se de aí non saíse unha solución, estamos barallando outras posibilidades. Esas posibilidades non son doadas porque nos últimos cinco anos aumentamos a producción en Galicia un 15%. Somos a comunidade que máis medrou despois de Cataluña, que aumentou as entregas de leite un 18%.

“As granxas non poden seguir aumentando a produción; a única saída é o leite en po e esa saída non xera valor nin é positiva”

Que posibilidades teñen as industrias lácteas de asumir na primavera toda a produción galega?
– Estou tendo unha ronda de contactos de xeito individual con todas as industrias que fan a recollida en Galicia, desde a que máis recolle, que é Lactalis, ata a máis pequena, para que adquiran un compromiso de que no 2016 haxa recollida alomenos do mesmo volume do 2015. Estou rematando os contactos estes días e teño que dicir que hai boa dispoñibilidade. Tamén lles estou pedindo que se fagan cargo dos volumes que lles correspondan dos primeiros compradores intermediarios, pois hai que ter en conta que hai un 30% do leite en Galicia que non mercan as industrias directamente, senón que se recolle a través de primeiros compradores.

De cara á primavera, a preocupación céntrase nalgún primeiro comprador. En calquera caso, en tanto non teñamos un mercado máis organizado, as granxas non deben seguir aumentando a produción, xa que a única saída para esa produción agora mesmo sería o leite en po e iso nin aporta valor nin é positivo para o gandeiro.

“Os días 22 e 23 viaxo a Bruxelas para trasladarlle á Comisión a necesidade de regular a produción. O mercado non se regula, estrangula”

É partidaria de medidas lexislativas para limitar os aumentos de produción?
– A situación a nivel internacional non é doada e hai que tomar certas medidas, e témolas que tomar todos, non só Galicia, senón a nivel nacional e da Unión Europea. Os días 22 e 23 viaxo a Bruxelas a falar con dous directores xerais, o de Desenvolvemento Rural e o de Mercados, para trasladarlles a necesidade dunha regulación da produción e de medidas de mercado como o aumento dos prezos de intervención do leite en po. Igual que Francia traslada propostas na mesma liña, nós, como séptima rexión produtora de leite da UE, tamén temos que facelo. Tras o abandono das cotas, as medidas da UE están fracasando, pois o mercado non se está regulando, está estrangulando.

Entrementres non hai outras medidas, que pode facer a Xunta para que haxa unha regulación ordenada dos excedentes e non se repita a situación da primavera pasada, con 2.500 granxas cobrando o leite a menos de 25 céntimos?
– Galicia nos prezos vai por baixo pero, paradóxicamente, cando hai falta de leite, soben os prezos por riba da media. Non podemos consentir que Galicia sexa ese lugar que se utilice cando hai falta de leite, para incentivar que a xente aumente as súas explotacións, e cando non hai falta, que sexamos os primeiros en ser abandonados. Son precisos, por tanto, compromisos de recollida das industrias, e sobre todo daquelas industrias que se beneficiaron de axudas da Xunta para a súa implantación.

“Apostamos por unha trazabilidade do leite que se vende para po, de xeito que se garanta que efectivamente ese é o seu destino”

Desde Medio Rural tamén apostamos por implementar unha trazabilidade do leite que se vende nas granxas para leite en po, de xeito que se garanta que efectivamente ese é o seu destino. É unha liña de traballo na que precisaremos, como noutros aspectos, da implicación do Ministerio.

En canto á transformación industrial, o sector incide na necesidade de proxectos que aumenten a gama de produtos e fagan ó sector menos dependente do brik de leite líquido. Que perspectivas hai nesta liña?
– Temos que ir pola vía da transformación si ou si. Este ano presentáronse proxectos moi bos, que aínda non podo facer públicos, xa que estamos valorándoos, pero vistos os proxectos, unha cousa está clara. Galicia interesa porque temos un sector produtor competitivo. Hai alomenos 30 proxectos, dos que hai que salientar tres pola importancia que poden ter para o sector lácteo galego. Se algún deles sae adiante, que estou segura de que así será, porque faremos o posible para apoialos, xa quedaría tranquila. Voume empeñar en que Galicia mellore a transformación do leite e en deixar un sector lácteo con futuro.

Dadas as perspectivas de aumentos de produción que hai, non se debería traballar en estratexias de país dirixidas á exportación?
– Por suposto, aínda que tamén hai que ter en conta que é difícil introducirse nos distintos mercados. Co queixo, en Galicia temos un problema de cara á exportación, a cremosidade do noso queixo. Estao tentando García Baquero na denominación de orixe Arzúa-Ulloa, pero é complicado que o queixo galego chegue, por exemplo, a Estados Unidos mantendo unhas condicións que o fagan atractivo para o consumidor. Estase traballando niso pero non é fácil.

“As cooperativas son moi súas, pero agardo que haxa sensatez. Hai demasiadas e con pouca fortaleza”

Cre que o camiño das cooperativas debe pasar por implicarse na transformación?
– As cooperativas son moi súas pero agardo que haxa sensatez. Teñen agora mesmo o exemplo do que está a pasar con Codegui. As cooperativas non poden xogar a ‘sálvese quen poida’ porque en calquera momento tocaralle a outra. Hai demasiadas cooperativas, espalladas polo territorio pero con pouca fortaleza. Deben ser xenerosas e non ter medo a perder a súa identidade en procesos de integración.

Como primeiro paso, o mellor que poderían facer polo sector é que en lugar de ser trinta e pico cooperativas primeiro compradoras de leite, houbese unha soa central de compras. Aí poderían facer forza. Un seguinte paso podería ser a transformación. Eu creo que debemos fixarnos non só no que sae mal, senón que nesta vida, en todos os sectores hai proxectos que saen mellor e peor. Aí temos o exemplo de Clesa. Que ocorre? Que absorbe pouca cantidade de leite.

“Denunciaremos de oficio a forestación ilegal de fincas agrarias”

A competitividade do sector produtor obriga a producir as máximas forraxes posibles na explotación. Como valora o traballo que fixo ata agora a Xunta para impulsar a mobilidade de terras, que é criticado polo sector, e que novas medidas van adoptar?
– Fíxose un bo traballo, pero hai críticas e non lles faltan razón. Temos a Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia, pero temos que desenvolver os decretos que a impulsen. Conto con que teñamos un borrador en abril. En segundo lugar, cómpre traballar no remate das concentracións parcelarias que están en marcha, un proceso que estamos afrontando; e por último, temos o Banco de Terras. Cando eu cheguei, pido a relación de fincas no Banco e vexo que temos que depurar a metade das parcelas porque son anacos pequenos, zonas de peñascos, etc., en definitiva, parcelas improdutivas. Este ano queremos darlle un empuxón importante ó Banco, para o que vimos de contratar persoal.

Outro problema que limita a superficie dispoñible é a forestación de terras agrarias. Vai actuar a Xunta de oficio para erradicar esa forestación ilegal con piñeiros ou eucaliptos?
– Esa forestación non está permitida, pero non podemos pechar os ollos. Só fai falta coller o coche e darse unha volta para ver a realidade, que non se pode ocultar. Eu téñoo clarísimo. Sabedes que procedo da alcaldía de Melide e alí non foi a primeira nin a segunda nin a terceira finca na que se arrancou un eucaliptal no agro. Tiven reunións con algúns alcaldes que están na mesma liña e que nos van facer notificacións dos problemas que se detecten nos seus concellos.

“Esta cousa de dicir ‘non ó eucalipto’, pois non; o que sucede é que o eucalipto ten que estar plantado onde ten que estar”

A Consellería ademais fará denuncias cos seus axentes porque hai cousas que non podemos permitir. Non son boas de cara ó futuro e ademais xeralmente esas plantacións son feitas por persoas que non viven do agro e que residen nunha cidade. A Consellería ten que primar á xente que vive no rural e do rural. Temos dous terzos do territorio que son monte e aí pódese plantar; o ámbito forestal ademais dinamiza moito a nosa economía. Esta cousa de dicir ‘non ó eucalipto’, pois non. O que sucede é que o eucalipto ten que estar plantado onde ten que estar, e hai que informar á xente de se é conveniente plantar eucalipto globulus ou nitens.

Sobre o eucalipto nitens, no sector forestal hai voces que advirten das posibles dificultades futuras de comercialización do nitens. Outras voces, sen embargo, consideran que ese problema non se dará. Cal é a opinión da Consellería?
– Agora mesmo non é o mesmo vender unha tonelada de globulus que de nitens e de cara ó futuro seguramente tamén sexa así. A xente lanzouse ó nitens porque medra máis e aínda non lle afecta a praga, pero o futuro ten que ir polo globulus. Estamos traballando tamén en mellorar no posible a loita contra a praga do gurgullo.

“Somos cinco denominacións de orixe pero baixo o paraugas dos viños galegos”

No sector do viño, de cara á exportación hai propostas para utilizar unha marca paraugas dos viños galegos ou crear unha denominación de orixe única con distintas subdenominacións. Como valorades esas propostas?
– Os nosos viños acadaron un nivel moi importante, están internacionalizados, pero iso non quere dicir que deban ir as cinco denominacións de orixe por libre. Ás feiras que imos a nivel internacional, temos que ir coa idea de que somos cinco denominacións de orixe pero baixo o paraugas dos viños galegos. Somos cinco denominacións de orixe, pero a fortaleza hai que facela en conxunto, non a nivel individual. Uns teñen que arrastrar ós outros e eu estou porque sexa así.

En sectores como o viño ou o vacún de carne, hai un problema clave de relevo xeracional e dificultades para optar ás axudas de incorporación. Como afronta a Consellería este reto?
– Este ano xa publicamos as axudas de incorporación ó agro e tivemos moi en conta as peticións do sector porque, efectivamente, ás veces era complicado optar a estas axudas. A convocatoria deste ano especifica que calquera persoa que leve ata 5 anos incorporada pode pedir as axudas. Se unha persoa se incorporou e pensa que o seu proxecto é viable, imos incentivalo a que continúe.

“O campo víase como algo do que fuxir. Pasoume a min, na casa dicíanme ‘ti estudia e vaite’. Hoxe temos explotacións das que se pode vivir e vivir ben”

Desde hai moito, o campo viuse como algo do que había que fuxir. Pasoume a min, os meus pais dicíanme ‘ti estudia e vaite’. Eu estudiei e voltei á casa, pero houbo moita xente que non o fixo. Temos que cambialo pouco a pouco porque temos explotacións das que se pode vivir e vivir ben. E ademais cada vez hai máis xente nesas explotacións máis e mellor formada. Agora xa non podemos falar de explotacións, a xente ten que formarse para levar unha empresa; é unha empresa a viticultura, é unha empresa o sector da carne e é unha empresa unha granxa de leite. Cada vez temos que ser máis competitivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información