As explotacións lácteas galegas seguen aumentando a produción en setembro

Os datos das Africor da Coruña, Lugo e Pontevedra amosan un incremento da produción en setembro en arredor dun 2% con respecto ao mesmo mes de 2014. Malia os menores prezos, a produción media por vaca sobe debido a que as explotacións teñen que manter o nivel de ingresos.

As explotacións lácteas galegas seguen aumentando a produción en setembro

Vacas da gandeiría de Daniel Veiga, en Miñotelo (A Pastoriza-Lugo)

As explotacións galegas que están en control leiteiro melloraron en setembro os seus niveis de produción medios por vaca, malia os baixos prezos, con respecto ao mesmo mes do ano anterior. É a conclusión que se desprende a partir dos datos de produción aportados polas asociacións de control leiteiro da Coruña, Lugo e Pontevedra, que representan a unhas 3.500 explotacións, as máis punteiras de Galicia, e máis do 60% da produción láctea da comunidade.

En concreto, a media de aumento da produción láctea en Galicia durante o mes de setembro superou o 2% con respecto ao mesmo mes de 2014. Por provincias, os datos achegados por Africor Coruña revelan un incremento da produción dun 2,25%. En Lugo, en setembro de 2015 estase a producir un 3,4% máis, segundo os datos de Africor-Lugo, mentres que en Pontevedra a suba de produción das explotacións en control leiteiro foi a menor: un 1,83%.

 

Datos de Africor-Coruña

Mes – ano

Vacas controladas

Media produción por vaca

Xullo 2013

55.816

30,9 Kg

Xullo 2014

59.032

32,2 Kg

Xullo 2015

59.978

32,8 Kg

Mes – ano

Vacas controladas

Media producción por vaca

Setembro 2013

56.611

30,3 Kg

Setembro 2014

58.897

30,7 Kg

Setembro 2015

59.558

31,4 Kg

“As explotacións aumentan a produción porque teñen que manter o nivel de ingresos”

Para José Moreira, Director Técnico de Africor- Coruña o aumento da produción de leite en Galicia explícase porque “as explotacións teñen que manter o nivel de ingresos para seguir sendo rendibles, e para iso hai que aumentar a produción para compensar o menor prezo que están a percibir polo leite”.

Ademais, lembra que “os gandeiros non queren desaproveitar o potencial xenético das súas vacas e o sistema de produción intensivo que predomina na maioría das explotacións non se pode cambiar a curto prazo pois deixarían de ser rendibles”.

José Moreira advirte de que “a situación económica en moitas explotacións é difícil, e de feito son varios as que se deron de baixa en Africor Coruña por non poder facer fronte ás cotas da asociación”.

Menos ganderías pero con máis vacas

Dende Africor-Lugo, o seu director, Ramiro Fouz informa de que, comparando con setembro de 2014, en setembro de 2015 estase a producir un 3,4% máis. Matiza que, “entre outras cousas, débese a que se traballa cun 2,3% máis de vacas que o mesmo mes do ano anterior, sendo unha constante o redimensionamento das ganderías”.

En canto á comparación cos meses anteriores, Ramiro Fouz advirte de que “no mes de setembro o leite producido polas ganderías diminuíu un 4% respecto ás entregas de xullo debido á crise de prezos, ao descenso estacional pola menor dispoñibilidade de forraxe e a que os gandeiros dan menos concentrado ás vacas para reducir custos”.

Os datos de produción láctea das Africor galegas terán que ser confirmados nos vindeiros días polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), que nos seus últimos informes de entregas ven revelando un incremento da produción láctea en Galicia dende o mes de abril, cando rematou o sistema de cotas, aínda que a suba de produción é inferior á media española.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información