As dúas organizacións galegas de produtores de leite ultiman a súa asociación para negociar coa industria

Ulega, xestionada por Unións Agrarias, e Aprolact, de base cooperativa, agrupan arredor de 3.500 gandeiros, un terzo do total de Galicia, e 800.000 toneladas de produción anual.

As dúas organizacións galegas de produtores de leite ultiman a súa asociación para negociar coa industria

Os gandeiros queren negociar prezos e volumes de recollida coas industrias.

O sector gandeiro quere encarar a partir de abril unha nova fase de relacións coa industria na que as periódicas disputas en torno ós prezos pasen a mellor vida. Para conseguir esa estabilidade, as explotacións aspiran a consolidar a negociación colectiva entre industrias, por unha parte, e organizacións de produtores pola outra. En Galicia hai dúas organizacións de produtores, Ulega e Aprolact, que ante as dificultades de negociar coa industria cada unha pola súa conta, optaron por iniciar un proceso de asociación para traballar conxuntamente nas negociacións.

Ulega, xestionada por Unións Agrarias, xa decidiu en asamblea aprobar a creación dunha asociación con Aprolact e agárdase que a asamblea de Aprolact, constituida por nove cooperativas, dea tamén o visto bo a esta entente nos próximos días. Entre as dúas organizacións de produtores suman arredor de 3.500 gandeiros (2.200 Ulega e uns 1.300 Aprolact, segundo as cifras do Ministerio), un terzo do total da comunidade, e máis de 800.000 toneladas totais de produción.

A nova asociación entre Ulega e Aprolact servirá para que ambas unifiquen obxectivos e estratexias na negociación coas industrias dos contratos de compra –venda de leite. Desde as organizacións de produtores, aspírase a lograr contratos por un ano que teñan indexados os prezos a algún dos índices de referencia da Interprofesional Láctea (Inlac), de xeito que a variación do prezo do leite ó longo do ano estaría marcada pola evolución dese índice e non pola decisión unilateral dunha das partes.

“Cada organización por separado non tivemos éxito na negociación coa industria, así que imos agrupar volumes” (Carlos Ares, Aprolact)

O primeiro obxectivo das organizacións de produtores é que as industrias se senten a negociar coa idea de chegar a acordos, unha cuestión que ata agora non conseguiron nin Ulega nin Aprolact por separado. “Cada organización de produtores por separado non tivemos moito éxito. Vimos que seguimos sen ter poder de negociación ante a industria, así que optamos por iniciar un proceso de asociación para agrupar volumes e gañar peso no diálogo coa industria” explica Carlos Ares, técnico da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), ligada a Aprolact.

A idea de Ulega e de Aprolact é a de establecer comisións negociadoras conxuntas con cada industria. As cuestións prioritarias a negociar, contratos, prezos e volumes de recollida. “Os acordos de volumes de recollida serán importantes. Hai empresas que están apostando por un prezo máis baixo a partir dun volume de recollida determinado, un sistema co que non estamos de acordo”, apunta Carlos Ares.

Días atrás, as organizacións agrarias emprazaron ás industrias a presentarlles ofertas por escrito ós produtores para o novo periodo de contratos que se abre en abril. Unha vez recibidas esas propostas, o sector agarda poder iniciar as negociacións xa en conxunto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información