A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

As claves do maior centro público de recría de España

Este martes o pleno da Deputación de Lugo aprobou a concesión da xestión do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, o maior centro público de recría de España, con capacidade para 3.000 animais. Coñecemos as vantaxes que suporá para os gandeiros, que cara o mes de outubro poderán empezar a enviar as súas becerras.

As claves do maior centro público de recría de España

Instalacions do Centro de Recría da Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes a concesión da xestión do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, o maior centro público de recría de España, con capacidade para uns 3.000 animais.

Finalmente a xestión será realizada pola empresa Recría Castro, vinculada á cooperativa galega Seagro, un referente en España en servizos para ganderías de vacún de leite. Prevese que cara o mes de outubro os gandeiros poderán enviar os seus animais a estas instalacións, unha vez rematadas as obras de mellora e de posta a punto que se están a realizar. O prezo final para os gandeiros será de 2.39 euros por cabeza e día.

A Deputación de Lugo investiu 12 millóns de euros de fondos propios e en solitario no primeiro centro de recría de gando vacún público do Estado. Dende o goberno provincial destacan que “suporá un revulsivo para o campo galego e, especialmente, para a provincia de Lugo”.

No mes de outubro os gandeiros poderán empezar a enviar as becerras

“Non foi fácil poñelo en marcha -recoñecen dende o Goberno provincial- porque tivemos continuos atrancos por parte tanto dos gobernos de Castro de Rei como dende a Xunta de Galicia, que adiaron a concesión de licenzas e de permisos, e no caso da Consellería do Medio Rural rexeitou non só participar no proxecto senón tamén visitar as instalacións”.

En canto ao modelo de xestión, a comisión técnica formada por reputados expertos do sector como Francisco Sineiro, profesor da Escola Politécnica Superior del campus de Lugo e ex conselleiro, e Eduardo Yus, profesor da Facultade de Veterinaria, propuxo unha xestión indirecta na modalidade de contrato administrativo de concesión de servizos.

Dende o goberno que preside Darío Campos destacan que “esta fórmula de xestión é máis viable economicamente pero tamén é garantista sobre os dereitos dos usuarios, xa que a empresa concesionaria conta cun exhaustivo control sobre dereitos e obrigacións que ten que cumprir”.

Vantaxes do centro

Este centro de recría ofrece uns prezos moi por debaixo do nivel de mercado, xa que o organismo provincial contaba con infraestruturas e terreos para poñelo en marcha, aínda que fixo un investimento moi importante.

Ademais, o prezo de cabeza de gando será de 2,39 euros ao día, por debaixo das tarifas do mercado privado.

“Hai que ter en conta que este centro de recría é único no norte de España, e polo tanto mellorará a calidade de vida das explotacións gandeiras da zona e mellorará cuantitativamente a nosa gandería”, destacan dende o goberno provincial.

Dereitos dos gandeiros

Os gandeiros que leven aos seus animais ao centro, deberán facelo cando a becerra teña entre 15-25 días e, despois de preñalas na granxa, volven ás súas explotacións de procedencia, cunha idade máxima de 24 meses.

O prezo da súa estancia na Granxa será de 2,39 euros ao día. Neste prezo está incluído a inseminación, o transporte, a alimentación, as vacinas, o destete e os posibles tratamentos das diferentes enfermidades que se poidan producir. A relación do gandeiro co centro será directa e próxima.

Máis beneficios económicos

Ademais dos beneficios que ten de maneira directa para os gandeiros, a Deputación estima que a actividade do centro de recría xerará na provincia un volume de negocio de 3 millóns de euros ao ano para o sector gandeiro, segundo os prezos reais do mercado.

“Ademais, co centro a actividade económica xerada coa recría queda na provincia, é dicir, a alimentación e os materiais cómpranse en Lugo, os veterinarios e o persoal que atenda aos animais son de Lugo…”, subliñan dende o goberno da Deputación. Só un dato: o alimento consumido durante un ano polas 3.000 reses para as que ten capacidade o centro ten un valor de preto de 900.000 de euros.

As características do centro

As instalacións do Centro de Recría suman unha superficie de 86.000 metros cadrados, e contan con 13 naves cunha capacidade media para 200 animais cada unha, e dotadas cun total de 2.200 cubículos, 2.200 camas de goma EVA e 2.200 cornadizas automáticas, ademais de 208 bebedoiros e un sistema de limpeza automática de arrobadeira.

O recinto tamén ten 270 casetas individuais e 105 colectivas, unha manga para o manexo do gando de 700 metros de lonxitude, unha das máis largas de España, 12 silos para forraxe e 5 esterqueiras para o almacenaxe dos residuos procedentes do encamado dos animais.

Terán prioridade as explotacións de vacún de leite da provincia de Lugo

A planta de biogás integrada no centro proporcionará 300Kw de enerxía co tratamento de 32.000 metros cúbicos de xurros, estercos e residuos vexetais, o que permitirá que as instalacións, non só sexan autosuficientes, senón tamén producir excedentes de enerxía. Quedarán libres 2.000 megavatios eléctricos anuais, o suficiente para abastecer 250 vivendas e forrar 200.0000 euros de luz ao ano, así como outros 1.700 megavatios térmicos, o equivalente a 100.000 euros de auga quente ou calefacción. Ademais, evitará a emisión a atmosfera de 400 toneladas de CO2 anuais, o equivalente ao consumo anual de 235 automóbiles.

Melloras e aforros

A través do centro, axudarase a profesionalización da recría, con persoas adicadas en exclusiva a esta tarefa. Ademais tamén se aforrarán custes ao liberar de traballo e espazo ás explotacións gandeiras de leite, o que axudará a aumentar o número de vacas por explotación, aumentando a produtividade. Mellorarase tamén a sanidade dos animais, con idades menores para o primeiro parto e inferior á porcentaxe das baixas; así como a propia xenética das xovencas recriadas no centro da Deputación, o que mellorará a calidade dos produtos lácteos.

Destinatarios do centro

O centro está dirixido a gandeiros e entidades asociativas inscritas no rexistro agrario. Primaranse os gandeiros que realicen a súa actividade na provincia de Lugo pero, sempre e cando haxa espazo, poderán acceder gandeiros de fóra. Teranse tamén en conta criterios xeográficos, e que o número de becerras que se incorporan ao centro deberán permanecer alo menos seis meses.

Tamén se terán en conta as explotacións con mulleres de titular ou granxeiros menores de 40 anos. Ademais, valorarase a condición do SAT e a integración do gandeiro nunha cooperativa agraria ou outras formas de asociacionismo.

Relación gandeiro-centro de recría

Establecerase un contrato entre ambas as partes. A entidade concesionaria deberá habilitar unha unidade administrativa específica para seleccionar as peticións de usuarios e da xestión de entradas e saídas dos centros. Deberá incluír tamén un sistema telemático para tramitar as solicitudes, no que se reflicte toda a información sobre os animais (nai, explotación, procedencia…)

Tarifas e financiamento do centro

O primeiro centro de recría de gando vacún público en España financiarase coas tarifas que abonen os propios usuarios. A tarifa final ofertada pola empresa adxudicataria é de 2,39 euros día/cabeza de gando, ou o que é o mesmo 71,7 ao mes de 30 día.

O prezo será de 2,39 euros ao día por animal, inferior ao do mercado

As tarifas actualizaranse cada dous anos, xa que poden variar os gastos de explotación do centro, incluídas obras de reforma ou ampliación, sempre xustificado con informes que o avalen. A concesionaria asumirá tamén o risco de impagos das tarifas dos usuarios. A Deputación non terá obrigas de contratación.

Postos de traballo
Como mínimo, o Centro contratará a dez persoas. Tamén deberá haber como mínimo un licenciado en Veterinaria e que como mínimo o 30% do cadro de persoal deberá ter contrato indefinido.

Canon da concesionaria
A empresa deberá abonar á Deputación un cano anual de 5.000 euros os dous primeiros anos, 20.000 euros anuais os dous seguintes anos e, a partir do quinto, 40.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *