As claves da xestión da man de obra nas explotacións lácteas

Resumo do relatorio de Víctor Manrique Arroyo, veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro, dentro das XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite

As claves da xestión da man de obra nas explotacións lácteas

Traballadores de Granxa O Cancelo, un referente en Galicia en xestión do capital humano.

A incorporación de man de obra externa é unha realidade en aumento nas explotacións lácteas galegas. O seu traballo, con moitas connotacións subxectivas, vai influír dunha forma directa nos resultados da explotación.

De aí a importancia da selección de persoal nas ganderías de leite. O seu traballo, no que é crucial o “como” se fai, complícase pola ausencia de protocolos na maioría das explotacións lácteas -a excepción do horario de muxido-, e pola existencia de importantes diferenzas entre unhas explotacións e outras.

Tamén hai que valorar moi ben as condicións laborais que se ofrecen aos traballadores, tanto en salarios como en horarios e días de descanso e vacacións.

Do mesmo xeito, unha vez realizada a contratación, resulta de vital importancia unha adecuada motivación do empregado, tentando mellorar a súa capacitación técnica e a súa implicación no desenvolvemento e futuro da empresa.

“É de gran importancia a motivación e a formación dos traballadores”

O obxectivo final debería ser, como en calquera empresa, que nas ganderías haxa traballadores comprometidos, que cumpran os seus horarios, con iniciativa, que non precisen ser mandados, sabendo que facer e que se mostren satisfeitos co seu posto de traballo.

Coa intención de abordar a situación da man de obra nas explotacións galegas, Seragro realizou un traballo de campo sobre a situación do persoal laboral das ganderías de leite.

Traballador tipo: home de 34 anos e que realiza múltiples tarefas na explotación

Un dos primeiros datos que nos achega é que a granxa media que conta con empregados externos ten unha media de 93 vacas en muxido e unha produción anual que supera lixeiramente as 1.000 toneladas de leite e a recría faise na propia explotación.

O perfil do empregado sitúase maioritariamente nun home de 34 anos, mentres que a presenza das mulleres non chega ao 10%. Case o 91% é persoal contratado por conta allea, fronte ao pouco máis de 9% de autónomos.

En canto ás tarefas que realizan os empregados son variadas e múltiples, o que complica tanto a especialización como a protocolorización do traballo ao longo da xornada laboral. Así se reflicte na seguinte gráfica:

SERAGRO_PERSOAL_MANRIQUE_01

O salario medio está entre 700 e 900 euros netos

Polo que respecta ás condicións laborais, o traballo de Seragro arroxou un salario medio situado no rango de 700 a 900 euros mensuais netos. Outro dato para salientar é que os traballadores das explotacións lácteas galegas enquisadas dispoñían de 4 días mensuais libres e de ao redor de 18 días mensuais de vacacións. Debemos considerar que se trata sempre de valores medios.

O gandeiro debe ser consciente de que a un desempeño laboral determinado debe corresponderlle un salario pactado, xusto e de mercado. O desequilibrio mantido no tempo acabará por romper a relación laboral e xerando unha rotación de persoal, cos prexuízos a nivel de tempo de formación que isto supón.

O 58% dos traballadores do sector teñen estudos primarios e o 27% realizou FP

Outro aspecto que debe considerar o gandeiro á hora de contratar é a capacitación previa existente. Neste sentido, a experiencia previa no sector, contrastada e mantida no tempo, debe ser valorada. Tanto se existe experiencia previa coma se non, o gandeiro debe velar pola formación dos seus empregados, xa que unha maior capacitación, unida a unha boa motivación, redundará nunha mellora evidente na marcha da explotación.

En canto á formación, cos datos que manexamos, máis da metade dos enquisados contan con estudos primarios; o 27% con formación profesional e só un 12,4% carece de estudos de calquera tipo.

SERAGRO_PERSOAL_MANRIQUE_02

En relación á experiencia previa no sector, máis da metade dos enquisados, o 56,8%, manifestou tela. A media de anos de experiencia previa situouse en 8,7 anos. Neste caso, un 26% dos enquisados manifestou ter contacto previo co manexo de animais.

A maioría dos traballadores consultados están razoablemente satisfeitos co seu traballo

SERAGRO_PERSOAL_MANRIQUE_03

Outro aspecto que se analizou foi o grao de satisfacción laboral do persoal laboral, que vai depender, fundamentalmente, da motivación.

A motivación extrínseca, aplicada pola maioría das empresas e consistente nunha recompensa económica ou material pola consecución de obxectivos delimitados e marcados (reducir RCS, por exemplo), é necesaria, tanto máis canto menor sexa o salario, pero non suficiente para o caso das explotacións lácteas, cando de fidelizar ao empregado se trata.

E isto é así porque a consecución dos obxectivos depende da observancia dunha serie de aspectos periféricos (muxido, camas, limpeza, alimentación, descanso…etc) que fan máis difícil a súa consecución.

“Débese consultar ao traballador, debe sentirse valorado”

Neste sentido, e partindo de que o salario é pactado e de mercado e debería permitir a satisfacción das necesidades básicas do traballador, débese incidir máis na motivación intrínseca, xa que os aspectos económicos non son os únicos que motivan ás persoas. Este outro tipo de motivación consiste na participación do empregado na toma de decisións do día a día, especialmente nas tarefas que realiza; é dicir, a medida que a súa capacitación aumente, que sexa consultado e escoitado de maneira que saiba que o seu labor é imprescindible e fundamental para a empresa.

A este respecto, e ante a cuestión relativa á asunción de maiores responsabilidades, a enquisa realizada por Seragro revela que un 43,7% dos empregadores non estarían dispostos a ceder maior grao de responsabilidade aos seus traballadores, fronte ao 56,3% que se estarían dispostos a iso. Destes, o 71,4% estaría de acordo en incrementar a cambio as contrapartidas salariais, fronte a un 28,6% que non o contempla.

Case o 60% dos traballadores estarían dispostos a asumir máis responsabilidades, a cambio de maior salario

Respecto dos traballadores, o 59,5% estaría disposto a asumir novos retos no seu día a día. Deles, o 80% faríao a cambio de ver incrementado o seu salario e un 20% asumiría máis responsabilidades polo mesmo salario, aínda que ben é certo, que o 90% deles atópase no rango salarial máis alto. Un 40,5% non contempla o incremento das súas competencias baixo ningún concepto.

SERAGRO_PERSOAL_MANRIQUE_04

En definitiva, o que se persegue nunha explotación láctea é a organización dun grupo de traballo. E en todo grupo de traballo debería haber un líder, neste caso o responsable da explotación, que elabore os obxectivos da granxa, que sexa capaz de transmitilos aos seus empregados de maneira que estes os comprendan e que organice e xestione as tarefas particulares para que contribúan ao obxectivo xeral.
Tamén debe ser capaz de supervisar e valorar as tarefas particulares de cada empregado, tentando motivalo para que co seu traballo contribúa de maneira decisiva á consecución do obxectivo xeral.

En resumo, á hora de realizar unha contratación o gandeiro debe ter claro: Que quero?, Que necesito?, Que ofrezo?

A inestabilidade laboral e a desmotivación prexudican o resultado económico da explotación

É importante saber o que realmente necesitamos na granxa, isto debería coincidir co que estamos a buscar e debería ir en consonancia co que estamos dispostos a ofrecer.

Pola contra, posiblemente unha vacante se convirta nun posto de traballo temporal polo que pasan cunha frecuencia demasiado elevada persoas ás que non lles gusta ese traballo, nin senten debidamente remuneradas por el. A inestabilidade e a falta de paixón na realización das tarefas terán un impacto directamente negativo no día a día da granxa, maior ou menor en función do posto de que se trate, e que, sen dúbida, tamén repercutirá negativamente no resultado económico da explotación.

En definitiva, o ideal que se debe perseguir é o de que o empregador se sinta orgulloso dos seus traballadores, e os traballadores estean orgullosos da granxa.

image_print

Víctor Manrique Arroyo

Víctor Manrique Arroyo é veterinario pertencente ao Servizo de Alimentación de Seragro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información