Arredor de 200 granxas de Lugo, en risco de perder axudas pola Lei do Solo

Unións Agrarias advirte de que a nova normativa impide a ampliación das explotacións en núcleo rural, polo que os produtores poden perder as axudas solicitadas para plans de mellora. A organización demanda solucións de Medio Rural e de Medio Ambiente

Arredor de 200 granxas de Lugo, en risco de perder axudas pola Lei do Solo

Unións solicita que se manteña a posibilidade de ampliar granxas en núcleo.

Os gandeiros que solicitaron este ano axudas para plans de mellora e para incorporación á actividade agraria estanse a atopar cun obstáculo inesperado. Cando presentaron as solicitudes, que en moitos casos levan aparellada unha ampliación das cortes, ampliar os establos en núcleo rural era legal. Sen embargo, a aprobación da nova Lei do Solo pasou a prohibir o aumento das instalacións en núcleo. Só en Lugo hai arredor de 200 explotacións con problemas deste tipo, segundo estimacións de Unións Agrarias.

Os gandeiros teñen de prazo ata o 18 de setembro para presentar a licenza municipal, un trámite que non poden cumprir

A organización ofreceu unha rolda de prensa en Lugo para demandar solucións tanto da Consellería de Medio Ambiente, responsable da Lei do Solo, como da Consellería do Medio Rural. Coa nova Lei do Solo na man, os Concellos non poden conceder licenzas de obra municipal para unhas ampliacións que ata hai uns meses non terían ningún problema para lograr o permiso.

Data límite
A orde de axudas de plans de mellora establece que os produtores deben contar coa licenza municipal a día 18 de setembro do 2016. Óscar Pose, de Unións Agrarias, advirte de que é necesario que se elimine esa data límite, “pois os produtores nada podemos facer ante un problema creado pola propia Administración”, critica.

Unións calcula que o 80% das granxas de Galicia están en solo de núcleo rural

Doutro lado, Pose demanda da Consellería de Medio Ambiente unha inmediata modificación da Lei do Solo para permitir as ampliacións de instalacións agrarias nas mesmas condicións que coa norma anterior. É dicir, que se poidan executar ampliacións en núcleo rural, onde están o 80% das granxas de Galicia, segundo cálculos de Unións.

Para o solo rústico, onde a nova Lei do Solo restrinxe ampliacións a só o 50% da dimensión da actual edificación, Unións tamén pide que se elimine ese límite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información