Arqueixal, 30 anos dun proxecto que aproveita ao máximo os recursos do rural

Pechar o círculo entre produción, transformación, comercialización e conservación e valorización do territorio non é doado pero Xosé Luís Carreira logrouno. Sobre a base dunha explotación de leite ecolóxico de 35 vacas dá emprego a 6 persoas cun proxecto que, sobre todo, rezuma coherencia

Xosé Luis Carreira con algúns dos produtos de Arqueixal

Xosé Luís Carreira con algúns dos produtos de Arqueixal

Na parroquia de Santiago de Albá, en Palas de Rei, respírase tranquilidade. A das 35 vacas que pacen os prados da parroquia, a dos 6 traballadores que viven de poñer en valor o seu leite, a dos turistas que queren disfrutar dunha experiencia única nun recuncho da Galicia rural e a de Xosé Luís Carreira, o ideólogo e alma máter dun proxecto que cumple 30 anos e que trascende ao meramente produtivo.

Arqueixal é seguramente un deses exemplos que demostran o potencial enorme e diverso que hai no rural galego e tamén que ter as cousas claras axuda a poñer en marcha os proxectos nos que un cre. O de Xosé Luís susténtase en catro piares fundamentais: unha explotación de produción de leite ecolóxico, unha queixaría, agroecoturismo activo e cultura do coñecimento da tradición. As catro patas están interrelacionadas e serven para aproveitar ao máximo os recursos.

Foi dos primeiros en pasarse a ecolóxico. “Fíxeno máis por convencemento ideolóxico que por convencemento económico”, lembra.

Todo comezou en 1989. Nese ano Xosé Luís incorporábase á explotación familar e decidía montar unha queixaría seguindo a tradición da familia. “Recordo facer queixo de sempre na cociña da casa”, di. O seguinte paso viría no ano 2000. “Fomos dos primeiros en pasarnos a ecolóxico. Había unha granxa en Barcelona, con 7 vacas, e outra en Cercedilla, de Julio Arroyo. Funa ver pero vin cheo de dúbidas porque pensei ‘vender aquí ecolóxico ao lado de Madrid é moi doado, pero poñerme a vender eu queixos ecolóxicos na Galicia profunda…’ Pero fíxeno máis por convencemento ideolóxico que por convencemento económico”, lembra Xosé Luís.

Ao pasar a ecolóxico decidiu facer tamén iogur ademais de queixo e, un par de anos despois, envasar leite fresco. Hoxe transforman todo o seu leite, uns 500 litros diarios de produción propia, e mesmo mercan a outros produtores en pastoreo para completar a materia prima necesaria para a elaboración dos seus queixos, incluidos baixo a denominación de orixe Arzúa-Ulloa. Fan queixos todos os días de luns a venres, tanto cremoso como curado, o denominado da nabiza, e elaboran tamén iogurt natural e envasan leite fresco.

Minifundio “en positivo”

Xosé Luís coas súas vacas pardo alpinas

Xosé Luís coas súas vacas pardo alpinas

A explotación de leite da que xurdiu todo e que segue a ser a base do proxecto, conta hoxe con 35 cabezas de gando da raza parda alpina. “Adáptase mellor á queixaría porque produce leite con máis kapacaseína e máis proteína, polo tanto con maior rendemento queixeiro; é unha vaca que pace moi ben, moi importante para estar en ecolóxico; e está máis integrada que a frisona, mesmo na paisaxe, pola súa cor”, destaca Xosé Luís.

Esa reflexión denota outra das súas grandes preocupacións: a conservación do territorio. “En Galicia turramos nun modelo importado, o intensivo, que é caduco e que non se adapta ao noso territorio”, asegura. En Santiago de Albá, como en outras moitas parroquias galegas, reina o minifundio. “Minifundio en positivo”, define Xosé Luís. “Sempre se fala do minifundio en negativo. Os vellos din ‘se viñera a parcelaria…’ pero en sitios onde veu a parcelaria marchou igual a xente. É máis un minifundio mental máis que físico”, di.

“O minifundio é moitas veces mental. Os vellos din ‘se viñera a parcelaria…’ pero en sitios onde veu a parcelaria marchou igual a xente”

Arqueixal manexa unhas 30 parcelas, parte delas arrendadas, para sumar outras tantas hectáreas de pastoreo. “Un dos valores do minifundio son os peches, as árbores, o mantemento da variedade vexetal existente e das pradeiras vellas e todo iso é positivo para a produción ecolóxica” argumenta Xosé Luis. Outro dos valores do minifundio, di, é o paisaxístico, “e ese é un valor en alza hoxe no mundo do agroturismo”, asegura.

“Somos unha pequena empresa que move todos os recursos endóxenos do territorio e con 35 vacas logramos crear 6 postos de traballo, o valor engadido por vaca e por litro de leite é enorme”

Esa é outra das patas do proxecto. No ano 2010 Xosé Luís comezou a recuperar varias casas dunha parte da aldea de Albá que quedara despoboada por mor da emigración. O complexo de agroecoturismo conta hoxe con 4 casas e 9 habitacións en total. “Somos unha pequena empresa que move todos os recursos endóxenos do territorio”, defende.

En conxunto, Arqueixal dá emprego a 6 persoas: un empregado na granxa, 2 máis na queixaría, outro en administración e un para o reparto, ademais de Xosé Luís. “Eu estou a cabalo un pouco de todo”, explica. E fai a seguinte reflexión: “Con 35 vacas logramos crear 6 postos de traballo, o valor engadido por vaca e por litro de leite producido é enorme”.

Vender en forma de espiral de mercado

Unha das casas de turismo en Arqueixal, autosuficiente enerxéticamente grazas a contar con placas solares

Unha das casas de turismo en Arqueixal, autosuficiente enerxeticamente grazas a contar con placas solares

A filosofía de Arqueixal pasa por eliminar intermediarios e facer viaxar o menos posible os seus produtos para minimizar a súa pegada de carbono e lograr deste xeito que sexan ecolóxicos de verdade. “Vendemos en forma de espiral de mercado, facemos un esforzo moi grande no mercado local, logo mandamos tamén algo a Madrid e Barcelona e podemos mandar unha caixa de vez en cando a Berlín, pero iso non é o noso forte”, asegura. Chegan aos seus clientes con venda directa en toda Galicia a través de grupos de consumo, tendas e restaurantes. “A idea é que haxa como moito un só eslabón na cadea ou, a poder ser, ningún”, explica Xosé Luis.

Todo isto coa intención de que “todos os valores engadidos queden no territorio, desde coidar a pradeira e frear a forestación de terras agrarias, a producir leite e vender os queixos na zona ou traer un turista de fóra a ver todo isto”.

“Aquí o das casas de turismo rural foi un despropósito porque se desligou a produción do turismo. En Asturias, por exemplo, non pasou”

Diversificou cara o mundo do turismo como complementario á granxa e á queixaría porque “vía que a xente viña ás casas de turismo rural e despois viñan aquí ver as vacas e mercar os queixos”. Por iso considera que “aquí o das casas de turismo rural foi un despropósito porque se desligou o turismo rural da produción, algo que en Asturias, por exemplo, non pasou. Pero en Galicia a xente pechou as granxas para abrir casas de turismo rural porque lles dicían que as vacas eran incompatibles co turismo”, critica.

Falta de autoestima

Considera que hai unha escasa valoración do rural por parte de boa parte da poboación galega e falta de autoestima nas persoas que se adican á actividade agrogandeira. “Hai casas de gandeiros onde hai cartóns de leite na nevera, iso en Francia sería impensable. É como se temos leitugas na horta e vendémolas para ir despois ao supermercado a mercar unha leituga iceberg”, compara.

“Hai casas de gandeiros onde o leite que se toma é de cartón. Iso en Francia sería impensable”

Convencido do consumo responsable, Xosé Luís é tamén un claro defensor do leite fresco pasteurizado. “Tiven unha xaponesa vivindo aquí e alucinaba con que o leite nas casas non estivera na neveira. Bebemos leite envasado de catro meses cando nos pasan os camións de leite recén muxido por diante das casas todos os días, é un sensentido”, di rotundo.

Esas mesmas contradicións foron as que o levaron a construír un Parladoiro dentro das edificacións que conforman o complexo rural. Trátase dun lugar de xuntanza, un espazo de usos múltiples para falar do rural, da cultura e a tradición pero tamén para reflexionar sobre o futuro.

O Parladoiro de Arqueixal acolle numerosas actividades

O Parladoiro de Arqueixal acolle numerosas actividades

“Sempre se fan cousas sobre o rural en entornos urbanos, fóra do seu hábitat, como cando se fan xornadas sobre o rural en Casas da Cultura inóspitas. Nós queriamos devolverlle ao rural a actividade e a vitalidade que noutro tempo tiñan as aldeas e que cando se fagan cousas sobre o rural se fagan no rural e, polo tanto, que houbera un sitio onde facelas e non houbera disculpa a non facelas no territorio. Polo Parladoiro de Arqueixal en Santiago de Albá pasaron xa todo tipo de actividades, desde presentacións de investigacións agrarias levadas a cabo en Mabegondo até xornadas culturais sobre historia da comarca da Ulloa ou mesmo a gravación dun videoclip do grupo de rock galego Zënzar.

“Sempre se fan cousas sobre o rural en entornos urbanos, como xornadas agrícolas ou gandeiras en Casas da Cultura inóspitas”

A transmisión da cultura rural tanto a persoas do ámbito urbano como ás xeracións máis novas e o aumento da autoestima e da valoración propia por parte dos mesmos habitantes rurais é o que fai que Arqueixal reciba a colexios e organice visitas guiadas, onde ademais de explicar de xeito didáctico o que é o mundo rural galego pódese participar, por exemplo, na elaboración de queixo.

Son d’Aldea e a Casa da Rebordela

O espíritu participativo e comunitario que sempre tiveron as parroquias galegas, o mesmo baixo o que Xosé Luís entende Arqueixal, queda claramente reflectido na primeira fin de semana de setembro. Santiago de Albá énchese de roupas de antes para recrear labores e oficios tradicionais coa participación de veciños do lugar e achegados, toda unha demostración de orgullo polo rural, lembranza do pasado e reflexión sobre o futuro que constitúe o Son d’Aldea.

Casa da Rebordela

A lareira da Casa da Rebordela, na planta baixa, cos distintos produtos colgados.

O mesmo que a Casa da Rebordela, a vivenda máis singular de cantas quedan na parroquia. A casa de Isaura, a súa última moradora, emigrada á Arxentina, foi recuperada como unha casa galega de comezos do século XX e forma parte do complexo rural de Arqueixal. Na parte de abaixo está a lareira e as cortes do gando, enriba, o dormitorio, o tear e o arcón do cereal, onde se garda unha edición especial do queixo da nabiza, curado tradicionalmente no medio do trigo ou do centeo para que non sudara no verán.

Nese espazo ten lugar unha experiencia única ao estilo Superviventes que consiste en pasar cando menos dúas noites vivindo coma no ano 1920, comendo o que hai na casa ou na horta, escoitando os sons da vaca no piso de abaixo, falando a carón do lume da lareira, pero claro, sen móbil, iacuzzi nin Netflix. Unha vivencia que só se pode agasallar, non se pode mercar para un mesmo, e que entre todos os hóspedes-habitantes vai escribindo un diario da casa.

Queixos da nabiza no arcón do cereal

Queixos da nabiza curando entre o cereal

Para concienciar ás novas xeracións, os consumidores do futuro, sobre outro estilo de vida, Xosé Luís ten creada unha unidade didáctica empírica para colexios baixo o nome de Tempos de aldea. “Os nenos veñen e interactúan cos animais, fan queixo e visitan a Casa da Rebordela, onde unha persoa caracterizada explícalles como vive no século XIX. Pero os nenos en realidade están vendo a casa do futuro, onde non hai lixo e todo o que se come é ecolóxico. Aos nenos dinlles na escola que hai que reciclar e aquí veno”, argumenta.

“Temos unha maneira doada e barata de facer promoción dos queixos da DOP Arzúa-Ulloa grazas ao Camiño”

Xosé Luís Carreira é tamén o presidente da Denominación de Orixe Protexida Queixo Arzúa-Ulloa desde o ano 2001. O volume de produción, que se mantén constante nos últimos anos nos 3,5 millóns de quilos de queixo, consolídao como a segunda DOP do Estado, só por detrás do queixo manchego, englobando neste momento a 21 queixarías e 1.500 gandeiros das comarcas de Arzúa, na Coruña, e A Ulloa, na provincia de Lugo, e coa función de ser “un sector estratéxico nestas dúas comarcas”.

Con 3,5 millóns de quilos, trátase da segunda Denominación de Orixe por volume do Estado, só por detrás do queixo manchego

O feito precisamente de que até tres Camiños de Santiago atravesen o territorio da Denominación (o Francés, o Primitivo e o Norte) é un feito que Xosé Luís destaca como un factor diferencial á hora de enfocar a estratexia comercial e de promoción. “Pasan milleiros de persoas e temos unha maneira doada e barata de facer promoción aproveitando que xa pasan por aquí, non temos que saír, xa veñen eles”, razoa.

Precisamente para este ano 2019 e tamén pensando no vindeiro Ano Santo, no que se agardan millóns de visitantes, entre os plans da DOP está o de aproveitar as distintas rutas xacobeas que pasan pola Denominación para facer promoción e degustación no propio Camiño de Santiago. Tamén están barallando poñer en marcha unha Ruta do Queixo, ao estilo das Rutas do Viño xa existentes noutras zonas, nun percorrido no que os turistas irían visitando as distintas ganderías e queixarías incluídas na Denominación.

As 21 queixarías incluídas na Denominación procesan só o 10% do leite total producido nas comarcas incluidas dentro da delimitación

Outra das prioridades que indica Xosé Luís é gañar cota de mercado exterior como xeito de poder ir incrementando paulatinamente a produción. Neste momento, as queixarías incluidas na DOP procesan tan só arredor do 10% do leite producido na zona de delimitación.

Ademais de usar aos peregrinos que veñen a Galicia como altofalantes, os queixos Arzúa-Ulloa teñen nos emigrantes galegos os seus mellores embaixadores. “Queremos centrarnos á hora de vender fóra en facelo en primeiro lugar alí onde hai galegos, porque énos máis doado vender os nosos queixos en Barcelona que en Sevilla e iso é porque os galegos que hai en Barcelona, ademais de mercar, fannos de comerciais”, indica.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información