Antonio Couceiro sustitúe a Llopis como presidente de Dairylac

A industria láctea de base cooperativa prevé poñer en marcha no verán a torre de secado. Para o 2020 espera acadar unha facturación de 35 millóns de euros

Antonio Couceiro sustitúe a Llopis como presidente de Dairylac

Antonio Couceiro, novo presidente de Dairylac.

O Consello de Administración de Dairylac aprobou por unanimidade o nomeamento de Antonio Couceiro como novo presidente da compañía. Couceiro sustiúe a Jaume Llopis, que solicitou o relevo ó considerar cumpridos os obxectivos establecidos cando asumiu o cargo, segundo sinala Dairylac en nota de prensa. Llopis anunciara o pasado outono que pensaba continuar ata a entrada en funcionamento da torre de secado, prevista para este verán, pero finalmente acelerouse o cambio.

Couceiro, que fora conselleiro de Industria no periodo 1994-99, é na actualidade presidente da Cámara de Comercio da Coruña e formaba parte do Consello de Administración de Dairylac, como conselleiro independente, desde abril do 2017. Tamén é conselleiro independente en Nueva Pescanova, Inveravante y Greenalia.

O novo presidente de Dairylac colle o relevo de Jaume Llopis, un reputado profesional con ampla experiencia no sector agroalimentario que liderou a compañía desde a súa constitución, en xullo do 2015. Dairylac destaca como principais logros de Llopis a estruturación da organización da compañía nun Consello e nun Comité de Dirección con profesionais de gran preparación. Tamén valora de xeito positivo a consecución de financiación para acometer os investimentos que precisaba o proxecto empresarial.

Contexto
Dairylac está participada nun 70% polas cooperativas Aira e Codeira, nun 25% pola Xunta (a través de XesGalicia) e nun 5% por pequenos inversores.Na actualidade, a empresa elabora na súa planta de Melide ingredientes para a industria láctea e envasa leite fresco e produtos lácteos baixo a marca Deleitar. Tamén comercializa os queixos ‘Tres viajeros’, amparados pola DO Arzúa-Ulloa, que elabora a maquila nunha queixería da comarca.

De cara ó verán, Dairylac proxecta a posta en marcha da súa torre de secado, coa que prevé obter produtos como leite en po desnatado e soro desmineralizado.

Desde o seu inicio, en xullo do 2015, Dairylac está a acometer un plan de investimentos que ascende a 20 millóns de euros, segundo sinala a compañía en nota de prensa. O plan estratéxico da empresa establece un crecemento sostido nos próximos anos e prevé acadar no 2020 unha facturación de 35 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información