Análise da pegada ambiental do sector vacún en Galicia

Artigo de José Luis Cortiñas no que suxire o establecemento de sistemas voluntarios de certificación de carne e leite que avalen o respeto ó medioambiente da gandería galega

Análise da pegada ambiental do sector vacún en Galicia

A inxección do xurro ó chan mellora o abonado e reduce as emisións contaminantes.

A pegada ambiental é un indicador que expresa os valores de contaminación xerados por unha actividade, así como os seus impactos no ecosistema. Poden medirse, por exemplo, as emisións ó aire, denominadas pegada de carbono, ou os niveis de residuos nas augas, por medio da medición da súa eutrofización (acumulación de residuos orgánicos). Estes indicadores cobrarán previsiblemente maior peso no futuro para o acceso ás axudas da PAC e teñen tamén importancia de cara ós consumidores.

En Galicia temos que preguntarnos se a cuantificación da pegada ambiental nos nosos produtos é unha ameaza ou unha oportunidade. Centrándonos no caso do vacún, entendemos que a medición da pegada de carbono pode reforzar a valoración dos consumidores sobre a calidade do noso leite e da nosa carne.

“Temos un modelo gandeiro en base á terra e ó coidado do entorno que debemos poñer en valor”

Resulta ademais conveniente trasladarlle ós consumidores os servizos ambientais xerados pola actividade gandeira, tales como a fixación de CO2 por medio dos cultivos agrarios, ou os beneficios que aporta o agro na conservación da biodiversidade. Temos un modelo gandeiro en base á terra e ó coidado do entorno que debemos poñer en valor.

Pegada de carbono en leite
Entrando na análise da pegada ambiental das explotacións galegas, aprécianse valores moi diversos en función dos modelos de produción, manexo e produtividade. A pegada de carbono nas granxas de leite mídese en quilos equivalentes de dióxido de carbono por litro de leite (KgCO2/ litro), considerándose óptimo o valor de 1 Kg de CO2 por litro de leite.

En Francia vense de crear un selo ó que se poden sumar as granxas que emiten menos de 0,8 quilos de CO2 por litro de leite

En Galicia temos datos de granxas con valores inferiores a ese parámetro e outras con valores superiores. As diferenzas veñen dadas, por orde de importancia, polos seguintes factores: produtividade en leite das vacas, modelo de explotación, xestión de residuos e autonomía alimentaria.

Cómpre destacar que en Francia, o sector vén de poñer en marcha un selo diferenciado que identifica ás granxas cuns niveis de emisións inferiores a 0,8 kg. de CO2 por litro de leite. No selo, denominado ‘Bas Carbone’, xa están inscritas unhas 6.000 granxas.

Boa parte das emisións do sector gandeiro, ata o 50%, débense ó proceso dixestivo dos animais, coñecido como fermentación entérica; un 18% ás dexeccións e un 11% ós alimentos mercados. Pastoreo (7%), consumo enerxético (6%), laboreo do chan (5%) e abonos minerais (3%) constitúen outras fontes de emisións a ter en conta.

“O cálculo da pegada ambiental das granxas galegas é unha oportunidade para mellorar a percepción dos nosos produtos”

Estes datos amosan que o 75% das emisións débense ós ciclos naturais do carbono e do nitróxeno, e só o 25% ás enerxías fósiles. Tamén apuntan a que os esforzos de mellora deben vir de cambios no manexo e nos modelos de explotación.

Ganderías de carne
Na gandería de carne, a pegada de carbono amosa valores moi variables que oscilan entre 8,3 e 11,8 kg. de CO2 por quilo de carne no caso das tenreiras de explotacións con vacas nutrices; entre 13,4 e 17,8 quilos de CO2 por quilo de carne para os tenreiros de cebo; e de 16,5 a 30 quilos de CO2 no caso do vacún maior.

Impacto nas augas
O impacto do bovino galego nas augas vén definido tamén polo modelo produtivo, xa que as cifras de uso das augas é moi desigual. O impacto na auga doce mídese pola capacidade de eutrofización das mesmas, tendo en conta os residuos de nitróxeno e de fósforo xerados.

A capacidade de eutrofización exprésase en quilos equivalentes de fosfato (Kg. PO4). A un quilo de nitróxeno adxudícaselle un potencial de eutrofización equivalente a 0,44 Kg. PO4, en tanto que a un quilo de fósforo adxudícanselle 3,1 Kg. PO4.

A pegada ambiental contempla tamén outros riscos para as augas, como os pesticidas, ben sexan herbicidas (menos tóxicos pero máis hidrosolubles) ou insecticidas (máis tóxicos pero menos hidrosolubles).

Conclusión
De cara ó futuro, sería desexable establecer sistemas de medición e cálculo da pegada ambiental das granxas galegas. Eses esquemas de certificación deberían estar avalados pola comunidade científica e estar adaptados a nosa realidade e territorio. A súa posta en marcha constituiría unha ferramenta para mellorar a percepción do consumidor sobre os nosos produtos. Serían tamén unha gran xustificación para as axudas que recibe o sector.

*José Luis Cortiñas

Asesor gandeiro e consultor ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información