Altiprado, unha gandería empresarial con 500 hectáreas e 17 empregados

A maior granxa das Illas Azores (Portugal) conta con arredor de 400 vacas que permanecen nos pastos todo o ano. Os animais son muxidos en salas móbiles, ubicadas nos prados, e reciben unha ración suplementaria de concentrado, silo de millo e silo de herba

Altiprado, unha gandería empresarial con 500 hectáreas e 17 empregados

Altiprado conxuga pastos e aproveitamento forestal en 500 hectáreas de terras, ubicadas entre os 500 e 700 metros de altitude.

O tamaño do rabaño non está reñido coa gandería extensiva, alomenos no caso de Altiprado. A maior explotación das Illas Azores (Portugal) xestiona en pastoreo arredor de 400 vacas que dispoñen de 180 hectáreas de pastos e doutras 170 hectáreas reservadas para a produción de silo de millo e silo de herba. A granxa, unha empresa do grupo Finançor, completa o seu traballo coa xestión de 150 hectáreas forestais adicadas á produción de madeira.

A filosofía de Altiprado, ubicada na illa de San Miguel, segue a liña que caracteriza en xeral á gandería familiar das Azores, producir todo o posible en base a pastos e forraxes propias, con baixas aportacións de concentrado. A explotación ten os animais nos pastos os 365 días do ano, día e noite, divididos en catro lotes, un de vacas na primeira fase de lactación, ata os 150 dias en leite, outro dos 150 dias en leite ata a fase de secado das vacas e un terceiro e cuarto grupo de vacas secas e xovencas.

Os pastos rodean á sala de muxido e ó parque de alimentación de Altiprado.

Os pastos rodean á sala de muxido e ó parque de alimentación de Altiprado.

Os animais dispoñen de pastos todo o ano, se ben a altitude á que están as terras da gandería, entre os 500 e os 700 metros, repercute nun menor crecemento da herba, conformada principalmente por raigrás e trevos. “A vantaxe dos nosos pastizais é que neles nacen os trevos de xeito espontáneo, sen sementalos. Iso axuda a manter pastos de calidade cunhas cantidades de abono baixas”, explica Marcelo Silva, responsable da parte animal en Altiprado.

Marcelo Silva, responsable da parte animal de Altiprado.

Marcelo Silva, responsable da parte animal de Altiprado.

As vacas en produción teñen un réxime alimenticio no que alomenos un 70% das súas necesidades alimenticias en materia seca están cubertas polo pastoreo, o silo de millo e o silo de herba. A suplementación do pastoreo coas forraxes propias e concentrado repercute en altas producións que rondan os 10.000 litros por vaca e ano de media, con bos números de graxa (3,6%) e proteína (3,40%). As vacas, todas de raza holstein, acadan as 3 lactacións de media e hai incluso un animal que xa cumpriu 14 anos en Altiprado.

Programa de Vacas Felices
O leite da gandería comercialízase para a produción de leite UHT Premium, para o mercado nacional, da industria francesa Bel. A firma gala dispón dunha factoría na illa de San Miguel, a través da que lanzou o Programa Leite de Vacas Felices, no que participa Altiprado. Este programa oriéntase a garantirlle ós consumidores que as vacas permanecen libres nos pastos os 365 días do ano, en condicións de benestar animal e xenerando un baixo impacto ambiental.

Unha das catro salas de muxido móbil de Altiprado, que teñen a particularidade de estar nunha instalación cuberta.

Unha das catro salas de muxido móbil de Altiprado, que teñen a particularidade de estar nunha instalación cuberta.

O manexo que desenvolven en Altiprado xa cumpría de xeito natural con boa parte das condicións esixidas por Bel, pero si tiveron que facer adaptacións, coma cubrir as salas de muxido móbil e os parques de alimentación, a fin de mellorar as condicións para as vacas e para a ración alimenticia que reciben.

Organización do rabaño
As vacas en muxido, arredor de 320, están divididas en dous lotes, a fin de organizar mellor a rotación de pastos e o muxido. Cada lote dispón en distintos emprazamentos de dúas salas de muxido móbil, ambas cubertas, e de dous parques de alimentación anexos, nos que un carro unifeed distribúe dúas racións ó día, unha despois de cada muxido.

Parque de alimentación dun dos lotes da gandería.

Parque de alimentación dun dos lotes da gandería.

Para a xestión dos pastos, Altiprado conta con parcelas de tamaño variable, entre 2,5 e 11 hectáreas, que manexa con pastor eléctrico, a fin de acoutar áreas de pasto e garantir un mellor aproveitamento da herba. Os animais manteñen unha rotación fixa de parcelas. En función do tamaño da finca, permanecen nela ata 2-3 días e retornan cada 4-5 semanas.

Todo o traballo da gandería está xestionado por 14 traballadores (+ 3 traballadores estacionais), que se encargan do manexo dos animais e do cultivo das terras, se ben tamén hai traballos, coma a colleita de millo, que están contratados con empresas externas.

En millo, a altitude á que están as terras de Altiprado leva a cultivar ciclos curtos, normalmente un ciclo 300, que se sementa en xuño e se colleita a fins de setembro. Para a almacenaxe do silo de millo e do silo de herba, a gandería conta con 12 trincheiras de 30 metros de lonxitude cada unha.

O leite muxido nas salas móbiles é levado a un tanque de frío con capacidade para 15.000 litros.

O leite muxido nas salas móbiles é levado a un tanque de frío con capacidade para 15.000 litros.

Recría
Outra das tarefas que a gandería ten contratadas de xeito externo é a de inseminación das vacas e definición do programa de acoplamentos. As xatas permanecen os 2 primeiros días coa nai, polo calostro, e despois son conducidas a unha nave de recría, dotada de boxes, na que permanecen ata os 2,5 a 3 meses, para pasar despois a outra nave na que comparten espazo ata os 6 meses, intre no que volven ós pastos.

Aos 14-15 meses, as xovencas deixan os pastos para ser inseminadas e permanecen nun patio de recreo ata que quedan preñadas. Despois volverán novamente ós pastizais, onde terán no rabaño tamén a un touro. O primeiro parto prodúcese ós 27 meses de media e sucederanse cun intervalo duns 432 días.

Alimentación das xatas.

Alimentación das xatas.

A explotación mantén partos todo o ano e non utiliza seme xexado. Os becerros frisóns e algúns animais cruzados con razas de carne sonlle vendidos a outra empresa do grupo Finançor para a produción de carne.

Visita de gandeiros galegos
Altiprado foi visitada este mes por un grupo dunha vintena de gandeiros galegos, no marco dunha visita técnica ás illas Azores organizada por Xestión Agrogandeira e Natureza. O desprazamento contou con subvencións do Feader, Xunta e Ministerio, e tamén foi sufragado en parte polos propios gandeiros.

Xestión do bosque para a produción de madeira

Altiprado mantén un aproveitamento mixto das terras, gandeiro e forestal, adicando as partes máis altas á produción de madeira, principalmente de ‘Criptomeria japonica’, unha conífera procedente de Asia que se adaptou ben ó clima das Azores, ata o punto de ser considerada xa unha árbore nativa.

As masas de criptomeria, que teñen un turno de corta similar ó piñeiro, duns 30 anos, son xestionadas por tres traballadores temporais que son contratados alomenos 6 meses cada ano. As súas tarefas céntranse en podas, de cara a mellorar a calidade da madeira, en rareos e en cortas finais.

O emprego da madeira é principalmente local, para mobles e consumo en vivendas (portas, fiestras, etc.), se ben tamén hai unha parte que se adica á exportación.

Setos cortaventos
A maiores do uso forestal, a criptomeria ten ademais presenza nas terras agrarias, pois unha parte das parcelas de pastizais das Azores están circundadas por setos da árbore, que conforman unha masa densa que ofrece acubillo fronte ós ventos e tamén para o sol no verán.

Setos cortaventos no patio de recreo das xovencas.

Setos cortaventos no patio de recreo das xovencas.

Nas parcelas sen arborado, as vacas protéxense dos ventos tumbándose na herba ó pé dos valos, pero contra o sol no verán quedan sen protección, se ben é certo que nas Azores móvense no verán normalmente en máximas que rondan os 27º centígrados, unha temperatura aceptable para as vacas.

Máis información
Azores, paraíso das vacas en pastoreo.
Gastar pouco, producir moito, a fórmula do leite das Azores.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información