Alltech presenta en Galicia a Keenan, o carro mesturador especial para forraxes

Alltech presentou este martes nunha gandería de Láncara (Lugo) o seu carro mesturador Keenan, especialmente deseñado para o mesturado de rolos e pacas de forraxes. Desde a multinacional estadounidense destacan as melloras deste sistema na alimentación e rendemento leiteiro das vacas

Alltech presenta en Galicia a Keenan, o carro mesturador especial para forraxes

A empresa Alltech presentou este martes en Gandería Vieito, en Láncara (Lugo), o seu carro mesturador Keenan, unha nova máquina deseñada especialmente para as explotacións de vacún que producen forraxes propias. E é que as novidades que incorpora esta máquina permiten un mesturado óptimo de pacas e rolos de herba, entre outros, reducindo os custos de produción.

Ante uns 50 gandeiros, os responsables de Alltech e de Keenan -empresa líder en solucións agropecuarias en Irlanda e adquirida recentemente por Alltech- presentaron en Láncara as principais innovacións da “Máquina Verde”. Así, grazas á tecnoloxía Meca-FibreTM, mellórase a calidade do corte e das mesturas obtidas grazas ás coitelas fixas e ás paletas almenadas. “Isto repercute nun aumento medio do índice de conversión nun 16%”, destacan desde Alltech.

Ademais, a mesturadora Meca-FibreTM destaca pola súa versatilidade, xa que permite traballar con pacas enteiras e rolos, sen problemas de atascamentos.

En canto á potencia necesaria para o funcionamento da mesturadora Meca-fibreTM, desde Alltech destacan que “é un 28 % menor que a doutras mesturadoras de capacidade similar, permitindo aforrar ata un 20% de combustible do tractor”. Desde a empresa incidiron tamén en que a incorporación gradual das fibras na mesturadora, mantén en bo estado o embrague do tractor.

Racións homoxéneas e á carta

A descarga da ración realízase a través dunha comporta tipo guillotina situada ao longo da máquina (con patente de Keenan) que garante unha descarga uniforme das racións, incluídas as máis fibrosas, sen compactala, e conseguindo unha ración homoxénea en todo o proceso da distribución.

Outra característica que destacan os fabricantes de Keenan é que “grazas ao compartimento estanco da mesturadora Meca-fibreTM, poden engadirse a auga e a melaza á ración para mellorar o seu aproveitamento”.

Por último, desde Alltech salientan que a mesturadora Meca-fibreTM permite preparar racións homoxéneas con alto contido en fibra para as vacas secas ou preparar pequenas mesturas específicas, como as racións secas para os tenreiros e os xatos.

As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao correo: alltechspain@alltech.com

Vídeo de funcionamento da mesturadora Meca-fibreTM:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información