Aira arrinca a andaina en conxunto da súa integración cooperativa

As cooperativas Icos, Agris, Coelplán, Cogasar e Aira presentan en Taboada o seu proxecto de traballo nun acto no que participaron o presidente da Xunta e a conselleira do Medio Rural

Aira arrinca a andaina en conxunto da súa integración cooperativa

Un intre da visita do presidente da Xunta á planta de pensos de Aira, en Taboada, Lugo.

A fábrica de pensos de Aira (Taboada, Lugo), un dos referentes de éxito do cooperativismo galego, serviu de escenario para presentar o inicio da andaina en conxunto das cooperativas que se integran en Aira: Icos, Agris, Coelplan e Cogasar. Desde o 1 xaneiro, estas catro cooperativas están formalmente fusionadas en Aira, que se transformou nunha cooperativa de primeiro grao.

O acto de presentación organizado por Aira, que incluíu unha visita á planta de pensos, buscou darlle relevancia ó logro da unión das cooperativas, un proceso que se iniciou co novo milenio. “Hai 18 anos, o que hoxe en día é a cooperativa Aira, coa maior planta de fabricación de pensos de vacún de Galicia, eran 23 cooperativas con dez plantas de pensos, na súa maioría obsoletas”, lembrou no acto o director xeral de Aira, Daniel Ferreiro.

“Hai 18 anos, o que hoxe en día é Aira eran 23 cooperativas con 10 plantas de pensos” (Daniel Ferreiro, director xeral de Aira)

O proceso de unión das cooperativas iniciouse coa creación de Icos (2001) e Agris (2003), que ao pouco tempo protagonizarían, xunto con outras cooperativas, a posta en marcha da cooperativa de segundo grao Aira (2005) e a apertura da súa planta de pensos (2008).

Na década que leva a fábrica de pensos en funcionamento, foi aumentando progresivamente a súa produción. Das 102.000 toneladas do primeiro ano pasouse ás 160.000 toneladas do 2017, con 700 mesturas diferentes elaboradas. “Temos aínda capacidade de medrar en arredor de 20.000 toneladas”, valoraba Daniel Ferreiro durante a visita institucional que se fixo hoxe á planta, con presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Transformación láctea
Xa nos discursos finais, tras a visita á planta, o presidente de Aira, José Manuel Tellado, e o seu director xeral, Daniel Ferreiro, analizaron a nova etapa que afronta a cooperativa. Ferreiro incidiu na ampliación do proxecto de Aira.

“Durante a primeira década de vida, Aira foi fundamental para mellorar a eficacia produtiva das explotacións, co suministro dun penso de calidade. A partir de agora, volcarémonos ademais en valorizar a produción das explotacións socias” -destacou Ferreiro.- “De feito, para o 2018 o consello reitor vén de aprobar uns investimentos de 3,5 millóns de euros que se adicarán en gran medida a comercialización e transformación”.

As 1.100 granxas de Aira producen 310 millóns de litros de leite ó ano, dos que a cooperativa comercializou directamente 94 millóns no 2017

Aira conta na actualidade con 1.100 explotacións que producen 310 millóns de litros de leite ó ano. Desa cantidade, no 2017 as cooperativas agora integradas en Aira comercializaron de xeito directo 94 millóns de litros, dos que un 40% se canalizaron a través das industrias lácteas participadas por Aira, Clesa e, sobre todo, Dairylac. O potencial de crecemento na transformación propia é, por tanto, alto.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, aludiu precisamente na súa intervención á necesidade de aumentar a transformación do leite en Galicia, de cara a xerar máis valor engadido na comunidade, e fixo tamén un chamamento a continuar co proceso de unión cooperativa. Feijoo tivo palabras para lembrar o outro gran proceso de unión cooperativa emprendido en Galicia, o de Clun (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto), que tamén estaba presente no acto a través do seu presidente, José Ángel Blanco, e do presidente de Agaca e de Feiraco, José Montes.

A presentación contou ademais coa asistencia dos directivos de todas as empresas nas que Aira ten participación, caso de Dairylac, Clesa, Ucoga, Artesáns Gandeiros e Delagro; así coma co xerente de Agaca, Higinio Mougán.

Foto de grupo do consello reitor de Aira co presidente da Xunta e coa conselleira do Medio Rural

Foto de grupo do consello reitor de Aira co presidente da Xunta e coa conselleira do Medio Rural

Aira, en cifras

– Aira conta con 2.574 socios e 1.100 granxas activas.

– O seu volume de negocio no 2017 pechouse con máis de 96 millóns de euros.

– O seu plan de negocio prevé no periodo 2017-2019 un incremento da facturación do 10%. Só no 2017 xa superou o 5%, co cal é previsible que medre máis do esperado.

– A cooperativa conta con 14 centros de traballo, que se manterán en activo, e con 226 traballadores.

– A fábrica de pensos de Taboada produciu no 2017 160.000 toneladas, ás que hai que sumar 44.000 toneladas dunha planta de mesturas de Sarria.

– Aira suma 14 agrotendas, 3 parques de maquinaria, 19 carros de mesturadores e servizos diversos (veterinaria clínica, reprodución, calidade do leite, etc.).

– A cooperativa participa en Dairylac, Clesa, Delagro, Ucoga e Artesáns Gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información