Agromuralla demanda medidas efectivas que melloren o prezo do leite

O colectivo celebrou a súa asemblea xeral en Lugo, na que analizou problemas do sector, como os danos da fauna salvaxe ou a incertidume ante a normativa relacionada cos puríns

Agromuralla demanda medidas efectivas que melloren o prezo do leite

Un momento da asemblea de Agromuralla.

A asociación Agromuralla aproveitou a súa asemblea xeral para demandar das distintas Administracións públicas “medidas efectivas para garantir a pervivencia e o futuro do sector productor de leite en Galicia”.

Xurdida da unión dos produtores de leite que rodearon a muralla de Lugo cos seus tractores nos meses de setembro e decembro de 2015 para protestar pola situación que atravesaba o sector, Agromuralla está integrada neste momento por 400 socios.

A entidade, presidida por Roberto López, considera que o panorama está algo mellor que no 2015, aínda que sinala que non se deu unha solución definitiva aos distintos problemas que motivaron as tractoradas dese ano, destacando que “os cambios lexislativos que se produciron desde entón foron moi insuficientes para protexer ao sector”, explica Roberto López.

“Os marxes das granxas son escasos e dificultan os investimentos na modernización das explotacións” (Roberto López)

“Aínda que neste momento os prezos en orixe están uns 5 céntimos por enriba do que se cobraba a finais do 2015, no momento das tractoradas pola última crise de prezos, a suba dos custos de produción desde entón, coa escalada de prezos do gasóleo ou da enerxía eléctrica e o incremento de custos dos cereais ou de impostos como o IBI tralo catastrazo, fai que os marxes das granxas sexan moi escasas”, argumenta o presidente de Agromuralla.

Roberto López reclamou “cambios” nunha lexislación que “non garante a igualdade de condicións” nas relacións entre os gandeiros e as industrias e cadeas de distribución, o que provoca, dixo, un “reparto desigual” da cadea de valor que “prexudica claramente” aos gandeiros e gandeiras.

“Na nosa comunidade é na que menos pagan as industrias polo leite, un céntimo por debaixo da media estatal, pero con diferenzas significativas como os tres céntimos menos con respecto ao que cobran de media os produtores de leite en Asturias, por exemplo”, denunciou.

As escasas marxes coas que traballan os gandeiros galegos “non permiten facer fronte aos importantes investimentos que se están a facer na modernización das explotacións para garantir a súa viabilidade”, considera Agromuralla, que reclama “solucións a problemas endémicos do rural galego como a escaseza de base territorial das explotacións.

Xabarín e puríns
Outros problemas abordados na asemblea foron os danos dos xabaríns no agro ou a incertidume en torno á lexislación dos puríns.

“Temos a sensación de que se nos culpa inxustamente por parte dos sectores máis urbáns da poboación do cambio climático, cando temos unha parte de responsabilidade moi pequena niso e de que se nos quere cargar coa obriga da redución de gases de efecto invernadoiro ,cando desde logo non é a gandería o sector que máis contamina, ao contrario, contribuimos a coidar o medio ambiente e a secuestrar CO2”, expón Roberto López.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información