Agromuralla comparte a concentración ante Lactalis e ten previsto reunirse coa Plataforma

Roberto López denuncia que “os prezos que pagan as industrias aos gandeiros na provincia de Lugo seguen nos 27/28 céntimos por litro” . Asegura que a próxima semana Agromuralla ten previsto chamar aos representantes da Plataforma para ter unha primeira reunión

Agromuralla comparte a concentración ante Lactalis e ten previsto reunirse coa Plataforma

Roberto López, portavoz de Agromuralla

O colectivo de gandeiros Agromuralla constata que a subida media de dous céntimos no litro de leite acordado pola distribución á industria non chegou aos gandeiros da provincia de Lugo nas facturas deste mes.

“Todo segue igual: fóra de Leite Celta que subiu 0,5 euros o litro, as facturas que chegaron estes días, incluídos os contratos que tocou renovar -a maioría a tres meses-, seguen co mesmo prezo que antes para os gandeiros: entre 0,27 e 0,28 euros o litro de leite”, asegura Roberto López, portavoz de Agromuralla, en declaracións a Campo Galego.

“Se a distribución comprometeuse a trasladarlle os 2 céntimos de subida no litro de leite á industria e esta comprometeuse a repercutir esa subida nos gandeiros, non entendemos que ten que pasar para que se cumpra”, advirte o portavoz de Agromuralla. “É unha situación que nos temiamos”, recoñece.

“Entendemos a concentración ante Lactalis pero de momento Agromuralla non vai participar”

Neste sentido, Roberto López asegura que “vemos ben” a concentración organizada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, na que non está integrada Agromuralla, para este venres ante a planta de Lactalis en Vilalba.

“Apoiamos a concentración porque a multinacional francesa é a que máis leite recolle en Galicia e está a roubar á cara un diñeiro que corresponde aos gandeiros”, denuncia.

Con todo, matiza que “aínda que entendemos esta acción de protesta, de momento Agromuralla non vai participar nela porque non estivemos na reunión que mantivo a Plataforma con Lactalis e non coñecemos os detalles”.

Agromuralla ten previsto manter unha reunión coa Plataforma

E é que, aínda que compartindo os obxectivos -a suba do prezo do leite en orixe aos gandeiros- ata agora prevaleceron as diferenzas sobre o tipo de mobilizacións para conseguilos entre Agromuralla, que aglutina principalmente a gandeiros de Lugo, e a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, integrada por gandeiros a título individual, principalmente das provincias da Coruña e Pontevedra, así como polos sindicatos Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, entre outros.

Neste sentido, parece que pode producirse en breve o primeiro achegamento de posturas. A través dunha consulta, os socios de Agromuralla acordaron pedir á súa directiva que manteña unha reunión cos representantes da Plataforma.

“Está encima da mesa: acordouse ter unha reunión con eles e esperamos poñernos en contacto con eles a próxima semana para ter unha primeira reunión de contacto”, recoñece Roberto López.

Ademais, chama a intensificar as controis sobre as cisternas de leite que chegan a España e a Galicia procedentes tanto de Portugal como de Francia e que, segundo denuncia, contribúen á baixa de prezos.

Agromuralla asegura que xa ten preto de 500 socios

Por outra banda, o portavoz de Agromuralla asegura que 2seguimos sumando socios e xa estamos ao redor dos 500 gandeiros” e que ao longo desta semana “volveremos ter reunións en distintos concellos da provincia de Lugo para acabar de elixir os representantes de Agromuralla a nivel municipal”.

 “Para que o proxecto sexa viable ten que agrupar como mínimo ao 50% da produción láctea de Galicia”

Sobre o proxecto de Agromuralla para agrupar aos gandeiros ao redor dun grupo lácteo que comercialice e transforme o leite, Roberto López afirma que “estamos a dar pasos pero imos amodo, porque xa vimos outros proxectos, que non eran dos gandeiros, e que non funcionaron”. Ademais, asegura que “para que sexa viable ten que ser un proxecto grande, que concentre como mínimo o 50% da produción láctea de Galicia”.

Neste sentido, Roberto López recoñece que están a ter reunións con cooperativas, ademais da que mantiveron con representantes da Organización de Produtores de Leite (OPL), coa que asegura que “temos moi boa sintonía”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información