Agromuralla centra as súas accións en reducir os custos de produción para os seus socios

Agromuralla centra as súas accións en reducir os custos de produción para os seus socios

Socios de Agromuralla durante unha asemblea

A asociación Agromuralla, que agrupa a unha parte significativa de gandeiros de vacún de leite da provincia de Lugo, está a centrar a súa actividade este ano na posta en marcha de medidas que supoñan unha redución dos custos de produción para os seus socios.

Neste sentido, ao longo dos últimos meses a asociación presentou escritos en todos os concellos nos que ten socios e mantivo reunións cos rexedores municipais para demandar que a revisión catastral, popularmente coñecida como catastrazo, non supoña unha suba dos impostos para as instalacións agrarias e gandeiras. En concreto, demandaron que reduzan a taxa da contribución rústica ao mínimo que permite a lei, que é do 0,3% do valor catastral da propiedade. Ademais, solicitaron aos alcaldes que apliquen bonificacións de ata o 90% para explotacións agrarias.

A este respecto, representantes de Agromuralla mantiveron recentemente en Láncara unha reunión coa Valedora do Pobo para trasladarlle esta demanda.

Participación nun proxecto para poñer en cultivo as terras abandonadas

Por outra parte, a asociación Agromuralla tamén se dirixiu á Consellería do Medio Rural e ao Laboratorio do Territorio (Laborate), da Universidade de Santiago de Compostela, para colaborar nun proxecto de localización e posta en cultivo de terras abandonadas.

“Vemos que hai moitas fincas abandonadas, das que os propietarios se desentenderon, e que teñen boas aptitudes agrarias e están cerca das explotacións dos socios, polo que estamos colaborando coa Usc para localizalas e poñelas en valor”, destacan dende a asociación.

E é que para Agromuralla “ampliar a base territorial para ser autosuficientes en forraxes de calidade e a baixo custo é unha das claves do futuro das nosas ganderías, e así tamén llo transmitimos á conselleira nas reunións que mantivemos con ela”. Un traballo que esperan que dea o seus froitos a medio prazo, mediante fórmulas de acordo cos propietarios máis áxiles e rápidas que as concentracións parcelarias, na liña do proxecto piloto que impulsou a Fundación Juana de Vega para a posta en valor de terras abandonadas no Val de Lemos.

Por último, ao longo desta primavera Agromuralla organizou en distintos concellos da provincia de Lugo charlas sobre prevención de riscos laborais no sector gandeiro.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información