Agromuralla anuncia a continuidade da súa tractorada

Representantes da asociación mantiveron unha reunión en Santiago coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Para hoxe convocaron unha concentración ante o Carrefour de Lugo

Agromuralla anuncia a continuidade da súa tractorada

Agromuralla mantén a convocatoria da súa tractorada.

A asociación Agromuralla acordou a continuidade da tractorada de Lugo e das mobilizacións ante as cadeas da distribución. Na asemblea do martes á noite, Agromuralla deu conta da reunión mantida en Santiago coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, un encontro ó que Agromuralla aspiraba que asistisen representantes da industria e da distribución, pero que se quedou nun cara a cara coa conselleira, ó declinar asistir distribución e industrias.

Na reunión, os gandeiros recibiron unha explicación de Medio Rural sobre as medidas que está a adoptar pola crise do sector lácteo. A Consellería trasladoulles a inminente publicación do decreto ministerial que permitirá coñecer os prezos de cesión entre industria e distribución, así como a próxima entrada en vigor do contrato lácteo homologado para a compra venda de leite, dúas cuestións nas que a Consellería asegura que mediou ante o Ministerio para tratar de axilizalas.

Entre os gandeiros, hai voces que cuestionan as protestas de Agromuralla ante o Carrefour, a cadea que máis cedeu nas negociacións


Accións na distribución

En canto ós acordos ós que se está chegando coa distribución por parte da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, a asociación considera insuficientes os acordos. Agromuralla cuestiona que só se suban os prezos das marcas brancas –as de menor prezo no supermercado-, non do resto, e pronostica que os prezos ó gandeiro subiranlle en menos dun céntimo. Sostén ademais que os acordos coa distribución son acordos de “boa vontade”. A asociación decidiu a continuidade da tractorada de Lugo e das mobilizacións ante a distribución.

Para hoxe está prevista unha concentración ás 12 horas ante o Carrefour, unha cadea que, a parte de subir os pagos do leite de marca branca en 2 céntimos, comprometeu coa Plataforma, e a través dun comunicado, a creación dunha marca que se venderá no entorno dos 64 céntimos no supermercado e que permitirá remunerarlle ó gandeiro a un mínimo de 33,8 céntimos.

A cadea comprometeuse ademais a entregar documentación notarial de xeito mensual sobre os pagos que lle fai as súas industrias proveedoras de marca branca. Entre os gandeiros xa hai voces que amosaron a súa disconformidade coa decisión de Agromuralla de continuar as accións contra Carrefour.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información