Agro-Pecuária Afonso Paisana, unha gandería de referencia en Portugal que cambiou de raza para ser rendible

Esta gandería ubicada en Santarém, pioneira en moitos aspectos no país veciño, comezou fai seis anos a introducir cambios no seu rabaño en busca de vacas máis duradeiras como solución a un problema de altas taxas de eliminación. O próximo paso será recriar os tenreiros para aumentar a rendibilidade da granxa.

Agro-Pecuária Afonso Paisana, unha gandería de referencia en Portugal que cambiou de raza para ser rendible

Joao Paisana na súa gandería

En Portugal hai unhas 200.000 vacas de leite, máis ou menos a metade das que hai en Galicia, e delas unhas 100.000 están nas Azores e a outra metade repartidas fundamentalmente nas rexións de Minho, no norte do país, e de Lisboa, Évora e Santarem, no centro. É aquí onde se atopa unha das ganderías con máis historia do país veciño, que será visitada os días 11 e 12 deste mes de xullo por gandeiros de distintos países europeos para coñecer de primeira man o seu funcionamento e os cambios que está a introducir en busca dunha maior rendibilidade.

Afonso Paisana, que dá nome á explotación, foi o fundador da Asociación Portuguesa de Criadores de Raza Frisona . En 1967 importou 40 xovencas procedentes de Canadá e anos despois montou unha das primeiras salas de muxido de Portugal e instalou un dos primeiros tanques de frío que houbo no país.

A ubicación orixinal da granxa, preto de Lisboa, impedía o seu crecemento, así que en 1982 mercaron 106 hectáreas de terreo no actual emprazamento, no municipio de Salvaterra de Magos, no distrito de Santarém, a 70 quilómetros da capital, ao que mudaron as instalacións do gando no ano 2000 fuxindo da presión urbanística.

 “Unha explotación non pode funcionar cun 30% de eliminación como tiñamos nós”

Tiñan daquela 366 vacas en produción pero funcionaban cunha alta taxa de reemprazo que fixo que, no canto de medrar, foran perdendo cabezas até ter 100 animais menos en muxidura unha década despois, no 2010. Iso motivou que pensaran mesmo en pechar a explotación, tal como recoñece João Paisana, propietario na actualidade xunto ás súas irmás desta granxa. “Unha explotación non pode funcionar cun 30% de eliminación como tiñamos nós, é imposible de manter así. O número de cabezas estaba caendo moito e con 242 vacas non era viable a granxa, así que no ano 2012 tomamos unha decisión de vida ou morte. As miñas irmás querían mercar animais fóra para repoñer o número de cabezas perdido pero eu son o veterinario da explotación e negueime a facer iso porque aquí non temos enfermidades nin problemas de mamite e eu non quería que entraran na explotación a través das vacas compradas. Así que era pechar ou probar co método Procross que xa estaban empregando outras explotacións portuguesas como sistema para aumentar o número de cabezas”, explica.

En Portugal algunhas das principais explotacións leiteiras do país, como Agro Leite da Canha ou Casal de Quintanelas decidiron na última década inseminar as súas vacas de raza Holstein con seme das razas montbeliarde e roja sueca para mellorar a lonxevidade e a resistencia a enfermidades do seu rabaño, un método que explotacións galegas están comezando a adoptar tamén.

 “Até agora eu nunca decidín as eliminacións, decidíano as vacas. Agora vou poder empezar a decidir eu iso”

No ano 2012 João fixo a primeira inseminación con montbeliarde ás súas vacas holstein e no 2014 obtiveron a primeira xovenca nada dese primeiro cruzamento. Desde entón lograron recuperar boa parte do número de cabezas perdido. Teñen neste momento 311 vacas en produción, das que 270 están en muxidura e 40 están secas. O 58% dos animais adultos son xa vacas híbridas, mentres que o 42% restante son aínda frisoas puras, pero o 100% das vacas están sendo inseminadas con cruce, polo que nun prazo de 2 ou 3 anos a totalidade dos animais desta granxa serán cruce de frisona, montbeliarde e roja sueca.

Esta explotación caracterízase ademais por dispoñer dunha completa e exhaustiva toma de datos individualizada de cada animal, polo que é doado comparar o resultado e o nivel de rendemento dos dous grupos de animais, procross e frisonas puras, que ademais comparten corte, alimentación e manexo sen distinción ningunha.

A porcentaxe de eliminación reduciuse á metade 

Do total de animais eliminados no 2017, 59 foron vacas holstein e só 25 animais cruzados. “A taxa de eliminación nas vacas Procross no ano 2017 foi só do 17%, a metade con respecto ás holstein”, explica João. A media dos animais enviados a matadoiro o ano pasado foi de 6 anos de vida e 3,9 anos en produción, cunha media de 36.000 litros de produción vitalicia. As vacas froito de cruzamentos producen entre 1 e 3 litros menos de leite ao día, pero compénsano ao estar máis días en leite, algo que se nota tanto nas primeirizas coma nas de segundo parto, pero sobre todo na porcentaxe de animais que chegan ao terceiro parto con respecto ás frisonas puras.

“As vacas híbridas son animais de produción máis constante durante toda a lactación, non fan picos tan altos de produción pero mantéñense moito mellor, conservando case os mesmos litros de leite desde que paren até que secan”, conta João, que considera, desde a súa experiencia como veterinario, que “eses picos de 90 litros das Holstein non son bos para as vacas”.

Neste momento só o 20% dos animais en produción son vacas de terceiro parto. Aumentar esa porcentaxe é precisamente un dos obxectivos desta granxa, para reducir deste xeito a taxa de reemprazo necesaria e dispoñer de excedente de xovencas para medrar en número de cabezas e ao mesmo tempo facer unha mellor selección do rabaño. “Até agora eu nunca decidín as eliminacións, decidíano as vacas. Agora vou poder empezar a decidir eu iso”, explica.

Mellora na fertilidade e aumento do rabaño

João notou tamén os cambios introducidos desde o 2012 na taxa de fecundidade. “As vacas procross quedan preñadas antes e son máis regulares”, asegura. Só o 43% das súas vacas holstein empreñan antes dos 150 días en lactación, mentres que esa porcentaxe sobe ao 55% no caso dos animais híbridos da explotación, que precisan menos doses de seme: 4,7 inseminacións de media nas holstein fronte a 2,1 nas procross.

“Queremos as vacas preñadas canto antes por dous motivos: para que volvan canto antes a producir e para ter máis xovencas dispoñibles en menos tempo e para iso vemos que os cruzamentos son efectivos, porque as vacas híbridas teñen máis partos en menos tempo”, explica. No ano 2012 as vacas desta explotación estaban de media 181 días en aberto (o tempo que transcorre desde o parto até a preñez). Hoxe esa cifra está en 131 días e o obxectivo é reducila até os 100 días, é dicir que entre o parto e o inicio da seguinte xestación pasen, de media, menos de tres meses e medio.

A mellora da fertilidade leva aparelladas varias vantaxes: “Coas mesmas vacas pero preñadas antes podemos producir máis leite ao aproveitar máis a curva de lactación. Ao mesmo tempo, ao aumentar a taxa de fertilidade tamén aumenta o número de femias nacidas na explotación. Neste ano vou ter 90 xovencas parindo e en 2019 van ser 122”, conta. Neste momento o 30% das xovencas existentes están preñadas de seme sexado. “Necesitamos medrar”, xustifica João.

Maior crecemento corporal

Os becerros e becerras froito de cruzamento teñen un maior índice de crecemento (polo chamado vigor híbrido, que se logra ao mesturar dúas razas puras), o que permite adiantar o momento de inseminación das xovencas. De media, en Agro-Pecuária Afonso Paisana a primeira inseminación prodúcese neste momento aos 377 días de vida (12,5 meses), a inseminación fecundante lógrase aos 403 días (13,4 meses) e o primeiro parto prodúcese aos 700 días (23,3 meses), pero co cambio progresivo a procross están a comezar a inseminar antes as xovencas para adiantar o proceso.

“O uso do costro nunha toma única de entre 4 e 5 litros subministrados ao animal recén nacido con sonda supuxo unha mellora enorme”

Outra das vantaxes do maior crecemento corporal dos animais cruzados é que permite reducir os custos de alimentación da recría, “porque desenvolven ben a estrutura ósea e muscular con menos comida”, di, aínda que, neste momento de transición da granxa non é posible levar a cabo unha redución da ración porque as xovencas holstein e procross están mesturadas. Iso leva aparellado un problema de descompensación, xa que as procross chegan ao momento de inseminación pasadas de peso con respecto ao recomendable.

Outro dos cambios que João introduciu desde o ano 2012 foi o uso do costro nunha toma única de entre 4 e 5 litros subministrados ao animal recén nacido con sonda. “Supuxo unha mellora enorme”, admite. Todos os animais contan con lámpada de calor os primeiros días de vida en boxes individuais e o destete prodúcese aos 80 días.

Volveron de 3 muxidos diarios a 2

A experiencia desta granxa portuguesa cos cruzamentos é positiva en varios aspectos. Un deles é tamén o da facilidade de manexo. “É unha vaca máis doada de traballar. Son menos fráxiles e non hai que estar tan pendentes delas”, din. Ao ser “vacas máis loitadoras e combativas pola súa supervivencia” non é necesario separar en lotes as primeirizas”, asegura.

En Agro-Pecuária Afonso Paisana os animais en muxidura están separados unicamente en función dos días transcorridos desde o parto, cunha división en 5 grupos: vacas en costro ou con mamite, vacas até 54 días de paridas (con 41 litros de produción media), de 55 a 134 días (con 37 litros de media), de 135 a 220 (con 35 litros) e de 221 até 332 días (con 21 litros de produción media diaria).

A explotación conta cunha sala de muxido de 2×12 puntos e o proceso realízao unha soa persoa en 4 horas. Moxen cada día unha media de 260 animais que producen uns 8.000 litros. A explotación está atendida por seis empregados, pero no muxido participa unha soa persoa. As horas de muxido teñen lugar ás catro da mañá e ás tres da tarde.

Obxectivo: Chegar a unha media de 20 litros por día de vida da vaca

“Fixemos durante 20 anos 3 muxidos e coa crise reducímolos a 2 diarios e obtivemos sen embargo a máxima produción deses 20 anos, cunha media de 39 litros por vaca e día”, conta João, que afirma que “no cómputo total de toda a lactación as vacas cruzadas dan máis litros de leite porque están máis frescas, máis recén paridas”.

No ano 2012 a media de produción por día de vida de cada animal (desde o nacemento da becerra até o momento do seu envío a matadoiro, contando o tempo de recría e os períodos de secado) era de 14,3 litros, hoxe están en 16 litros e o obxectivo é chegar a unha media de 20 litros por día de vida.

Agro-Pecuária Paisana en imaxes: 

Usan lámpadas de calor para os xatos

“Non quero mises, quero funcionalidade”

A maior fortaleza física das vacas híbridas tamén se nota en termos de saúde. “Dan menos problemas, xa estamos moi por debaixo en termos de cetoses e case non temos desprazamentos de abomaso nin mamite e estamos no nivel máis baixo de células somáticas da historia da granxa”, explica João, que se marca como seguinte obxectivo reducir as hipocalcemias. “Temos que mellorar o calcio na alimentación porque temos moitas vacas caídas, en torno ao 15%, que é un nivel moi alto. No último ano tivemos 25 vacas con hipocalcemias, das que 5 morreron e temos que cambiar a dieta, que ten moito potasio, para mellorar nisto”, recoñece.

João é claro en relación á diferente configuración corporal das vacas froito de cruzamento con respecto ao prototipo estético de vaca que buscan a maioría dos gandeiros: “Eu non quero mises, quero funcionalidade, porque non busco beleza, senón cartos na conta”.

Esta explotación só fai dous diagnósticos reprodutivos durante a xestación, os dous con ecógrafo. “A resistencia de moitos veterinarios a usar ecógrafo non ten sentido co prezo que teñen hoxe; é a mesma resistencia das persoas maiores aos teléfonos móbiles”, compara.

Un terzo da superficie a regadío

Agro-Pecuária Afonso Paisana dispón de 156 hectáreas de superficie, das que 60 son de regadío, nas que cultivan arroz e millo. Contar con rego nas parcelas é vital nunha zona onde a época seca dura varios meses e a temperatura no verán sobe dos 40 grados.

Desde a súa experiencia de veterinario, João di que o calor non inflúe de maneira determinante na fertilidade e que, malia que o verán pasado chegaron aos 43 graos centígrados, non houbo un descenso significativo na taxa de preñez da granxa, que se move entre o 24 e o 29%. Onde si que se notan as altas temperaturas é na produción. “Coincidindo coa vaga de lumes do ano pasado tivemos varios días seguidos de máis de 40 grados e as vacas baixaron unha media de catro litros diarios porque o stress por calor afecta moito na produción, aínda que en canto baixou a temperatura recuperaron enseguida o nivel anterior”, explica.

Van comezar a cebar os machos na propia granxa

Nos vindeiros dous anos esta explotación ten dous obxectivos fundamentais. O primeiro é ter a granxa ao 100% da súa capacidade produtiva (320 vacas en muxidura) , sen para iso ter que facer investimento algún na compra de animais. E o segundo é engordar na propia explotación a totalidade dos machos nacidos até que cheguen a pesar entre 160 e 200 quilos.

Unha das consecuencias positivas do feito de que as vacas duren máis é o excedente de recría. Por iso xa están comezando a facer descartes voluntarios e a inseminar unha parte das vacas con razas de carne. “Ao baixar as eliminacións necesitas menos recría e podes poñer máis carne e é algo que imos incrementar paulatinamente, porque cando cheguemos á capacidade total da granxa faremos máis inseminacións con razas de produción de carne para sacar máis rendemento aos tenreiros”, avanza João.

 O leite desta gandería ten un 3,7 e graxa e un 3,3 de proteína

Até agora vendía os xatos con 3 ou 4 días de vida e tamén desa idade, recén nacidos, son máis rendibles os cruzados, que llos pagan a uns 115 euros de media, fronte aos 65 euros dos holstein puros. Pero agora pensa engordalos e comercializalos directamente unha vez cebados con destino á cadea de supermercados portuguesa Pingo Doce, que merca a carne directamente aos gandeiros cunha prima de 20 céntimos por quilo con respecto aos procedentes de cebadeiro (o prezo é de 3,70 euros por quilo para o gandeiro e de 3,50 para os cebadeiros desvinculados de explotacións).

Agro-Pecuária Afonso Paisana tamén vende o leite a Pingo Doce a través dunha cooperativa de entrega, Viva Leite, formada por outras 9 explotacións da zona. Páganlles o leite a 33,5 céntimos máis calidades. As da explotación de João son 3,7% de graxa e 3,3% de proteína, o que supón dous céntimos máis por litro de leite.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información