Agricultura valora alternativas para equilibrar a cadea de valor do leite

O Ministerio publicará en breve o decreto que reformará o Paquete Lácteo en España, co que busca darlle máis peso ás organizacións de produtores. Explora cos axentes do sector a continuidade do Acordo Lácteo ou a súa sustitución por unha mesa sectorial

Agricultura valora alternativas para equilibrar a cadea de valor do leite

Comisión do Acordo Lácteo. / Arquivo.

O carrusel de medidas que se sucederon no sector lácteo nos últimos anos demostraron polo momento unha limitada eficacia para equilibrar a cadea de valor do leite. Os gandeiros teñen agora contratos coas industrias e organizacións de produtores que os poden representar, pero carecen de poder para negociar os contratos, ata o punto de que as industrias ignoran ás organizacións de produtores. Pola parte das cadeas de distribución, a cousa tampouco está mellor, cunha tendencia á baixa nos últimos anos dos prezos dos produtos lácteos, que presionan ó resto da cadea.

O Ministerio de Agricultura está a valorar cos axentes do sector posibles medidas a adoptar. As previsións apuntan a que o decreto de reforma do Paquete Lácteo, xa encarrilado polo anterior Executivo, publicarase este outono. O obxectivo é reforzar a posición dos gandeiros na negociación coas industrias, con medidas como a de obrigar a que as industrias só poidan negociar coas organizacións de produtores o leite das ganderías asociadas ás mesmas.

O prezo do leite nos supermercados caiu un 2% no primeiro semestre do 2017, último periodo con datos

Acordo Lácteo
Outra ‘patata quente’ coa que se topou o Ministerio é o Acordo Lácteo, que demostrou polo de agora unha escasa eficacia para equilibrar a cadea de valor. Os prezo do leite e dos produtos lácteos evolucionan á baixa e continúan usándose para atraer clientes ás cadeas de supermercados. Durante o primeiro semestre do 2017, o prezo do leite líquido no supermercado caeu un 2% en relación ó mesmo semestre do ano anterior. Desde as cadeas da distribución adoitan apelar á libertade de mercado, pero o argumento non é aceptado polo sector gandeiro.

Evolucion prezos distribucion

O reto, desde o punto de vista de organizacións agrarias e cooperativas, pasa por establecer unha cadea de valor sostible que garanta unha rendibilidade mínima para ganderías, industrias e cadeas de distribución. Se os supermercados continúan a presionar o prezo do leite e dos lácteos á baixa, o avance cara a sostibilidade é inviable, razonan.

Así as cousas, Agricultura está a consultar cos axentes do sector se queren continuar traballando no marco do Acordo Lácteo. A alternativa pasa por establecer mesas sectoriais no marco da Ley de la Cadena Alimentaria. Desde a Unión de Pequeños Agricultores, matriz estatal de Unións Agrarias, reuníronse recentemente co ministro, Luis Planas, para trasladarlle a necesidade de equilibrar a cadea de valor e rematar con problemas como as vendas a perdas que se detectan nas cadeas de supermercados.

O responsable de Gandería de Upa, o lalinense Román Santalla, agarda avances na materia. Sobre o acordo lácteo, Santalla sinala que os logros son escasos, se ben destaca a importancia de manter unha mesa de diálogo entre industrias, cadeas de distribución, organizacións agrarias e cooperativas. “É importante ter unha mesa diálogo e sobre todo escoitar as realidades e solucións que presenta cada parte da cadea”, subliña. É un foro do que aquí en Galicia se carece desde hai anos e por parte de Unións Agrarias-Upa hai interese en manter alomenos unha interlocución con industrias e supermercados a nivel estatal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información