Agricultura ultima o decreto de primeiros compradores

O Ministerio achaca o retraso da norma á necesidade de atopar argumentos legais que permitan unha regulación adicional do mercado. Destaca que a cadea de valor do leite funciona con normalidade

Agricultura ultima o decreto de primeiros compradores

Os primeiros compradores mércanlle ó gandeiro e véndenlle á industria.

O Ministerio de Agricultura está a traballar en colaboración coa Xunta para publicar canto antes o decreto que regulará a figura dos denominados primeiros compradores de leite. Así o confirmou o director general de Mercados do Ministerio, Fernando Miranda, que achaca o atraso na normativa, cun borrador desde hai un ano, á necesidade de buscar o seu encaixe legal.

A figura dos primeiros compradores, os operadores intermediarios que lle compran leite ao gandeiro para venderlla á industria, foi especialmente polémica durante os últimos dous anos de crise láctea. Un pequeno grupo de primeiros compradores, ao redor de media ducia, acumula falta de pagamentos cuns 200 gandeiros, sen que as explotacións atopen vías para recuperar esas cantidades.

“Hai vontade para esixirlle un aval ós primeiros compradores, pero trátase de atopar a posibilidade legal” (Fernando Miranda)

Desde as organizacións agrarias reclaman que de aquí en diante se lles esixa o depósito dun aval aos primeiros compradores para facer fronte a posibles falta de pagamentos. A ese respecto, Miranda sinala que no Ministerio hai “vontade” para esixir o aval, pero sinala que se trata de atopar a “posibilidade legal”.

“En España temos unha Ley de Garantía de Unicidad de Mercado que impide aplicar requisitos adicionais ao exercicio de calquera actividade económica que non estean recollidos na normativa comunitaria. Por tanto, temos que atopar os argumentos de carácter legal que nos permitan agregar requisitos á figura do primeiro comprador”, explica. “Queremos dar unha solución, pero temos que facelo dentro do marco legal que temos”.

Decreto de cesión de prezos
Outra norma legal que era esperada polo sector lácteo, e que xa se puxo en marcha no último ano, é o decreto de cesión de prezos do leite. Ese decreto permite que o Ministerio coñeza os prezos de venda do leite entre cada industria e cada cadea de distribución, a fin de detectar posibles irregularidades na cadea de valor do leite.

“Non podemos fixar prezos, pero si evitar malas prácticas. O leite no supermercado por baixo de 55 céntimos xa é anecdótico”

Con eses datos, o Ministerio de Agricultura dispón de toda a información de prezos do leite. A que prezo lle vende o gandeiro á industria, a que prezo lle vende a industria á distribución e o valor do leite no punto de venda final.

“A información que recollemos a raíz do decreto de cesión de prezos indícanos que non hai ningunha anomalía con carácter xeral. Non se producen distorsións”, destaca Miranda. “Se existe algunha falta de entendemento puntual entre algunha industria e algunha cadea de distribución, temos a mesa do acordo lácteo para solucionalo”, valora.

Preguntado sobre o aumento das vendas de leite no supermercado por baixo de 60 céntimos, unha situación que preocupa no sector gandeiro, Miranda lembra que a normativa de competencia impide fixar prezos.

“Temos que respectar a normativa de competencia, así que non podemos fixar prezos, pero si evitar malas prácticas. Hai un acordo de todos que converteu as ofertas a menos de 55 céntimos en anecdóticas, que foi un paso importante para evitar prezos anormalmente baixos”, destaca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información