Agricultura proxecta unha normativa de ordenación das granxas de vacún

O Ministerio reúne nunha xornada a cooperativas e organizacións agrarias para valorar a futura lexislación, que abordará cuestións como a bioseguridade e o benestar animal. Unións Agrarias-Upa avoga por adaptar as esixencias ó tamaño das explotacións

Agricultura proxecta unha normativa de ordenación das granxas de vacún

A nova normativa abordará cuestións de bioseguridade e sanidade animal das granxas.

As explotacións de vacún, tanto as de leite como as de carne, contan xa cunha extensa normativa, pero desde o Ministerio de Agricultura enténdese que cómpre deseñar unha nova regulación para abordar retos de futuro en aspectos como a ordenación das granxas, a bioseguridade e o benestar animal. Co obxectivo de asentar as bases da futura lexislación, Agricultura reuniu esta semana nunha xornada a cooperativas, organizacións agrarias e outras entidades do sector.

Ao encontro asistiu Román Santalla, responsable de Gandería de Upa e secretario comarcal no Deza de Unións Agrarias-Upa. Das cuestións que se abordarán na futura normativa, Santalla destaca os aspectos ligados coa bioseguridade e co benestar animal, xa que entende que resultan importantes de cara ó consumidor e para a exportación a outros mercados.

“Todo o sector estamos de acordo na necesidade dun plan de ordenación das explotacións, pero sempre que se faga dun xeito razonable. A nova regulación non debe significar máis carga económica nin máis burocracia para as granxas” -valora Santalla.- “Tamén defendemos que a lexislación se adapte ó tamaño das explotacións, que foi unha proposta que recabou un apoio total. Non se lle poden pedir os mesmos requisitos a unha granxa familiar, que é o noso modelo, que a unha macroexplotación como a que se anunciou para Soria”.

Urbanismo
O endurecemento de cuestións urbanísticas, como as distancias das granxas ós núcleos de poboación, tamén preocupa no sector. “A gandería é un dos piares do desenvolvemento dos pobos, polo que esta cuestión haberá que tela en conta en calquera regulación”, señala Santalla.

A normativa abordará ademais aspectos medioambientais e relacionados coa adaptación e mitigación do cambio climático.

De cara ó outono, espérase que Agricultura traballe en borradores da futura normativa de ordenación, para a que está buscando o consenso co sector gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información