Agricultura confirma a tendencia á alza do prezo do leite no campo

O informe do Fega correspondente ó mes de setembro revela unha suba dun céntimo en Galicia no último mes. As entregas medraron en relación ó pasado ano

Agricultura confirma a tendencia á alza do prezo do leite no campo

Os prezos tocaron fondo en Galicia en xullo e desde entón remontan.

O prezo medio do leite no campo situouse en setembro en 28,2 céntimos en Galicia, o que supón unha suba dun céntimo en relación a agosto, segundo revela o último informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega). A nivel do conxunto de España, o valor medio tamén subiu ata os 29,6 céntimos, fronte ós 28,6 de agosto.

Os datos confirman unha certa tendencia á alza dos prezos, que previsiblemente continuará nos próximos meses, segundo as expectativas do sector. En canto ós datos de entregas, a produción foi un 3% maior que a do pasado ano (535.000 toneladas fronte a 520.000), se ben hai que ter en conta o efecto da folga de entregas en setembro do 2015.

En setembro do pasado ano, en Galicia entregáronse só 187.000 toneladas, polas 199.000 do 2014, cando aínda había cotas. Este ano as entregas de setembro en Galicia foron de 203.000 toneladas. Por tanto, se se suman ás estatísticas a cantidade que deixou de procesar a industria en setembro do pasado ano, que previsiblemente serían máis de 13.000 toneladas, a produción de setembro deste ano mantense similar á do pasado exercicio.

Será interesante comprobar en próximos meses se as axudas da UE para reducir a produción do leite, que recibirán unha parte das ganderías, teñen un efecto nos datos globais de entregas.

Calidades
O informe do Fega confirma tamén que o leite galego mantense na parte alta no que se refire a contidos de materia graxa e proteína. En materia graxa, é a comunidade peninsular con máis porcentaxe de graxa, co 3,78, cando a media estatal está no 3,64. En proteína, a media galega sitúase no 3,24, unha centésima máis que a media do conxunto de España (3,23).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información