Agricultura anuncia un decreto sobre comunicación de entregas de leite

O sector produtor trasládalle a ministra a preocupación pola falta de garantías para a recollida de todo o leite a partir do 1 de maio. UPA demanda o control gubernamental de dúas industrias estranxeiras

Agricultura anuncia un decreto sobre comunicación de entregas de leite

Reunión da Inteprofesional Láctea co Ministerio.

O fin das cotas lácteas o 31 de marzo rematou coa obriga de manter unha estatística actualizada sobre as entregas de leite líquido ás industrias, se ben o Ministerio de Agricultura vén de anunciar que seguirá procesando esta información á fin de que o sector poida contar con información de mercado fidedigna que permita a mellor toma de decisións. Agricultura ten previsto publicar un decreto sobre comunicación de entregas de leite, segundo anunciou onte a ministra, Isabel García Tejerina, tras unha reunión coa Interprofesional Láctea (Inlac).

No encontro coa Interprofesional, un organismo que agrupa a industrias, cooperativas e organizacións agrarias, Tejerina, como xa fixera antonte en Galicia, valorou de xeito positivo a aplicación da normativa do Paquete lácteo, se ben sinalou que tanto industrias como gandeiros teñen aínda “algo que aportar” para facer que o sistema de contratos de compra venda de leite funcione mellor.

Nos casos nos que se detecten incumprimentos da normativa, a ministra tamén destacou que haberá sancións.

Prezos e recollida
Na mesma reunión, os representantes de UPA, matriz estatal de Unións Agrarias, trasladáronlle á ministra unha situación na que en “demasiadas ocasións, os prezos dos contratos ségueos a impoñer a industria, sen que haxa unha negociación real cos gandeiros”.

O secretario de Gandaría de UPA, o galego Román Santalla, advertiu tamén na reunión dos problemas de recollida de leite que se están a detectar, sobre todo tras a comunicación de Leche Celta a varias cooperativas galegas de que vai deixar de recollerlles o leite a partir do 1 de maio. Santalla demandou do Ministerio que garanta a recollida de todo o leite e a prezos de mercado. “Non temos dúbida de que se vai recoller todo o leite, pero hai que garantir que se recolle a prezos de mercado”, advertiu tras a reunión da Inlac.

“Trasladámoslle á ministra a necesidade de que se garanta a recollida de todo o leite a prezos de mercado” (Román Santalla, UPA)

O representante de UPA solicitou da ministra que controle en especial a actuación de dúas industrias estranxeiras, en alusión á portuguesa Lactogal –propietaria de Leche Celta- e á francesa Lactalis. “Son dúas industrias que aquí no Ministerio falan con pel de cordeiro pero que fóra no campo ameazan e extorsionan ó gandeiro”, declarou Santalla ós medios tras a reunión da Inlac.

Doutro lado, ante as recentes declaracións da ministra na súa visita a Galicia, o Sindicato Labrego emitiu onte unha nota de prensa para criticar as palabras de Tejerina, que ó entender do Sindicato Labrego, avalan a posición de “dominio e abuso” que está a exercer a industria nas súas relacións cos gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información