Agricultura agarda a próxima publicación do decreto de cesión de prezos

Quinta reunión do comité de seguemento do acordo lácteo, na que o Ministerio informou ó sector dun aumento do 6% na produción de leite en xaneiro

Agricultura agarda a próxima publicación do decreto de cesión de prezos

Reunión do comité de seguemento do acordo lácteo./ Imaxe: Magrama.

As partes que asinaron o acordo lácteo de setembro, Administración, industrias, distribución, Asaja e cooperativas, mantiveron a quinta reunión do comité de seguemento do acordo, na que o secretario de Agricultura do Ministerio, Carlos Cabanas, sinalou que agarda a próxima publicación do decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión do leite entre industria e distribución.

O decreto de cesión, unha aspiración de industrias e produtores para introducir transparencia na cadea do leite, conta cun borrador desde hai meses, se ben a publicación do decreto no Boletín Oficial del Estado (BOE) estase retrasando, o que suscita a preocupación do sector. Cabanas sinalou tras a reunión que a publicación do decreto está próxima e lembrou que o Ministerio habilitou, entre tanto, un procedemento provisional para que as industrias poidan comunicarlle os prezos de cesión ó Ministerio de xeito voluntario.

Orixe do leite
En canto á evolución dos compromisos asumidos polas distintas partes no acordo lácteo, o secretario de Agricultura do Ministerio anunciou un novo informe de evaluación para finais de marzo e destacou que son precisos maiores avances na identificación da orixe do leite e dos produtos lácteos nos supermercados.

Carlos Cabanas pide avanzar na estruturación do sector produtor, de cara a gañar maior capacidade de negociación


Tensións no mercado

Na reunión do comité, o Ministerio avanzou os datos de produción de leite de xaneiro, mes no que medrou a produción un 6% en relación ó mesmo mes do ano anterior, en tanto os prezos medios en España mantivéronse estables.

Os aumentos de produción de leite proseguen en toda Europa, xerando uns excedentes para os que o Ministerio entende que a Comisión Europea ten que buscar solucións. Agricultura proporá na reunión de marzo do Consello de Ministros da UE que se eleven os prezos de intervención de leite en po e as axudas ó almacenamento privado de lácteos. O Ministerio pediu ademais que as comunidades autónomas lle fagan chegar calquera proposta particular que poida contribuir a mellorar o mercado.

Dadas as tensións do mercado lácteo, o secretario general de Agricultura avogou por avanzar na estruturación do sector produtor, de xeito que gañe capacidade de negociación e as granxas poidan mellorar os seus ingresos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información