Advirten da necesidade de reducir custos ante unha previsible baixada do prezo do leite ecolóxico

Reducir os quilos de concentrado e aproveitar mellor o pastoreo ou concentrar os partos son algunhas das propostas para reducir os custos de produción que se plantearon na “Xornada sobre alimentación de gando vacún leiteiro en ecolóxico” organizada por Ecofeed -Campoastur en Lugo o pasado xoves

Advirten da necesidade de reducir custos ante unha previsible baixada do prezo do leite ecolóxico

Gandería de vacún de leite en ecolóxico de Xosé Luis Segade,

O vacún de leite en ecolóxico está a vivir un importante crecemento no último ano en Galicia, duplicándose o número de ganderías certificadas polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Con prezos que neste momento se sitúan no entorno dos 50 céntimos por litro, trátase dunha alternativa interesante para moitas ganderías, especialmente para aquelas que previamente realizaban pastoreo.

Sen embargo, unha parte importante do sector estase acostumando a producir para estes prezos altos, cun elevado uso de concentrados ecolóxicos, o que supón un risco ante un previsible escenario de baixada de prezos do leite ecolóxico de aquí a dous anos, a medida que se vaian incorporando máis ganderías.

Así se puxo de manifesto na “Xornada sobre alimentación de gando vacún leiteiro en ecolóxico” organizada por Ecofeed, a marca de penso ecolóxico da cooperaiva Campoastur. O evento, que celebrou en Lugo o pasado xoves, coa asistencia de preto de cen gandeiros e persoal técnico, serviu para analizar os retos aos que se enfronta o sector.

 Xan Pouliquen: “En dous ou tres anos é moi probable que baixe o prezo do leite ecolóxico”

Xan Pouliquen, autor de libro “Producir leite de vaca ecolóxico” subliñou na súa ponencia que “se agora o leite ecolóxico está a 49 céntimos, os gandeiros teñen que estar preparados para cando baixe a 40 céntimos, e aínda así seguir gañando cartos”.

Neste sentido, amosouse convencido de que “o prezo do leite ecolóxico vai baixar en dous ou tres anos” pola incorporación de novas ganderías e o incremento da oferta deste leite certificado tanto en Galicia como no resto de Europa. A este respecto, advertiu de que “as ganderías que están producindo 9.000 litros de leite mercando alfalfa ecolóxica e con 9 ou 10 quilos de penso ecolóxico vano ter moi difícil para sobrevivir”.

Pola contra, Xan Pouliquen subliñou que a clave para que estas granxas de vacún de leite podan resistir as baixadas de prezos “é ir a vacas de seis ou sete mil litros, utilizando ao máximo o pasto e racionalizando o uso do concentrado”. “Os cartos en ecolóxico gáñanse co uso ao máximo do pastoreo”, salientou.

Como exemplo a seguir, Xan Pouliquen salientou que no grupo de xestión no que están traballando con explotacións bio “ao principio o consumo de concentrado por litro de leite estaba en 250 gramos por litro para vacas que producían 20 litros diarios; o ano pasado baixamos a 180 gramos e o noso obxectivo é chegar a 100 gramos por litro para vacas que manteñan a produción nunha media de 20 litros”.

Na mesma liña incidiu Ángel Rivas Lamas, gandeiro de Casa Codesal, unha gandería de Friol que foi das primeiras en Galicia certificadas polo Craega. “Non podemos adaptarnos a producir a un prezo de 49 céntimos porque non é viable, senón que temos que ser capaces de producir a un prezo de venda de 40 céntimos e aínda así gañar cartos”, subliñou.

Agrupar partos en primavera e no outono

Outro dos ponentes, César Resch, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam-Ingacal), lembrou que “en Holanda teñen claro que a partir de 200 gramos de litro de penso por litro de leite entra en perigo a viabilidade económica dunha explotación”, neste caso en convencional. “Máis que queixarnos do prezo do leite deberíamos incidir nestas cuestións para baixar os custos de produción e facer as ganderías máis resistentes ás baixadas de prezos”, subliñou.

Outra das súas propostas para mellorar a rendibilidade das ganderías de vacún de leite en ecolóxico foi a de agrupar os partos para que coincida o pico de lactación coa máxima dispoñibilidade de pastos. “Poderíamos, por exemplo, concentrar o 60% dos partos para a primavera e o 40% restante para o outono”, asegurou.

Polo demais, a ponencia de César Resche centrouse na importancia da produción de leguminosas forraxeiras -trevos, principalmente- para a produción de leite e nas investigacións ao respecto que se teñen realizado no Ciam. “As leguminosas -explicou- reducen o impacto da gandería no medioambiente, pois reducen o uso de Nitróxeno de síntese e, polo tanto, menos riscos de contaminación nitratos, e ademáis reducen os custos de produción, ao tempo que melloran os perfís de ácidos graxos do leite, sobre todo a relación Omega Tres e Omega Seis”.

“O reto é que os gandeiros tamén transformemos o leite ecolóxico”

Participantes na xornada organizada por Ecofeed-Campoastur

Participantes na xornada organizada por Ecofeed-Campoastur

A xornada organizada por Campoastur-Ecofeed rematou cunha mesa esa redonda sobre os “Retos da reconversión a produción ecolóxica”, na que participaron os gandeiros de vacún de leite en ecolóxico Xosé Luís Fernández Segade, de Arzúa, e José Antonio López, de gandería As Pontellas SC.

Xosé Luis Segade, propietario dunha gandería con 45 vacas en muxido, 45 hectáreas de base territorial e unha produción anual duns 300.000 litros ten a súa gandería certificada polo Craega dende o ano 2008. En canto ás principais dificultades á hora de pasarse a ecolóxico, no seu caso asegurou que “foi a desconfianza da familia, por tratarse de algo novidoso” e minoritario.

Como estratexia de futuro para o sector, Xosé Luis Segade defendeu que “é necesario que os gandeiros, tamén en ecolóxico, nos involucremos na transformación do leite”.

Decálogo para pacer de forma rendible:

A continuación reproducimos o decálogo que ofreceu Xan Pouliquen para sacarlle o máximo proveito ao pastoreo, “o sistema de alimentación máis barato, seguido da herba verde en pesebre, e do silo de herba”.

-Non se debe recoller herba para ensilar ou para herba seca que poda pacer a vaca. Só se ensila ou se sega para herba seca aquela que non dan pacido as vacas. A ser posible, realizar pastoreo día e noite.

-Hai que reducir a carga gandeira. Non máis de dúas UGM por hectárea

-Respectar o tempo de repouso do pasto. Mínimo doce días entre pastoreo e pastoreo.

-Hai que aceptar que haxa variacións no tanque.

-Iniciar o pastoreo canto antes. En febreiro se se pode.

-Evitar o sobrepastoreo e que a herba se suba, respectando a altura máxima e mínima para meter e quitar as vacas do prado. Deixar mes e medio entre decembro e xaneiro sen pastorear para que os prados acumulen reservas.-

-Hai que facer unha planificación do pastoreo. Facer circuítos de pastoreo, metendo as vacas en lactación nas fincas máis próximas á corte e as secas e as xovencas nas máis afastadas.

-Hai que preguntarse onde estarán pacendo as vacas dentro de trinta días. Unha vez á semana hai que ver todas as parcelas.

-Con bo manexo pódese gañar quince días de pastoreo en verán.

-Hai que resistirse a abrir o silo, xa que é un alimento máis caro. Que aproveiten primeiro o pasto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información