Acto de difusión do boicot a Lactalis en Pontevedra

Arredor de medio cento de persoas concentráronse ante un Froiz para informar ós consumidores sobre os problemas que hai coa marca francesa no agro galego

Acto de difusión do boicot a Lactalis en Pontevedra

Medio cento de persoas distribuíron octavillas ante o Froiz.

Os actos para promover un boicot de consumo contra as marcas de Lactalis (Puleva, President, Gran Capitán, etc.) continuou hoxe en Pontevedra. Tras as accións realizadas semanas atrás en Lugo e Santiago, Unións Agrarias desenvolveu esta mañá en Pontevedra un novo acto, ante o Híper Froiz, para trasladarlle a cidadanía os problemas que están a ter os gandeiros galegos coa marca francesa.

Lactalis é a maior industria en recollida de leite en Galicia, con arredor de 1.200 gandeiros. A principal reclamación do sector produtor para Lactalis é a traslación ás granxas dos arredor de 2 millóns de euros que as granxas entenden que Lactalis está a reter de xeito ilegal.

En decembro do 2015, os gandeiros chegaron a acordos coas principais cadeas de distribución para unha suba en cadea do leite de marca branca. Os supermercados e hipermercados subiron daquela o leite en 2 céntimos litro, pero esa suba, que percibiron as industrias envasadoras das marcas brancas, non chegou ós gandeiros en todos os casos.

Unións asegura que Lactalis estase a quedar con eses cartos, sen trasladarllos ás granxas. A organización calcula que a “débeda” da industria gala cos produtores xa ronda os 2 millóns de euros. Recentemente presentou unha denuncia no xulgado para reclamar eses cartos.

Contratos
Outro problema son os contratos actuais que mantén Lactalis coas súas granxas. A multinacional está a pagar 27 céntimos litro, con contratos ata febreiro. “O mercado di que o leite está subindo, os prezos das cisternas spot de leite disparáronse, os prezos dos produtos lácteos industriais tamén levan semanas en ascenso e non ten sentido que Lactalis manteña artificialmente uns baixos prezos do leite no campo”, cuestiona Javier Iglesias, de Unións Agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información