Abonos verdes, unha solución para reducir o uso de herbicidas nas terras

Galicia concentra a maior parte da produción de millo e raigrass da cornixa cantábrica. É a rotación de cultivos máis habitual nas parcelas de moitas das explotacións leiteiras galegas pero esta esixencia produtiva implica ter que usar produtos químicos. Co glifosato en entredito, xorden outras alternativas máis naturais pero pouco usadas na actualidade

Momento de gradar os nabos antes de sementar o millo na SAT Castro Buxía, no concello coruñés de Trazo

Momento de gradar os nabos antes de sementar o millo na SAT Castro Buxía, en Trazo

A maioría das explotacións leiteiras galegas dispoñen de menos superficie agraria da que precisarían para producir as forraxes necesarias para a alimentación do seu gando. Isto provoca un aproveitamento máximo da capacidade produtiva das terras dispoñibles, con cultivos anuais en rotación de especies de alto aporte de materia seca, como millo forraxeiro ou raigrass.

Galicia concentra a maior parte da produción de millo e raigrass da cornixa cantrábrica. Sete de cada dez hectáreas sementadas con algún destes dous cultivos atópase na nosa comunidade. Pero esta alta esixencia produtiva para as terras leva aparellada a necesidade de empregar herbicidas de xeito sistemático para sacar adiante as colleitas.

Co glifosato en entredito e o previsible aumento das restricións futuras á súa utilización, xorden novas alternativas a base de rotación de cultivos para o control das malas herbas. Son os chamados abonos verdes, cultivos de inverno destinados a roturar en primavera e que reducen a necesidade de herbicidas.

De momento estas solucións son pouco empregadas en Galicia, e menos na gandeiría intensiva de leite. A dificultade para incrementar a superficie agraria en paralelo ao crecimento do número de cabezas non permite desbotar unha das colleitas como simple abono.

A escasa mobilidade de terras en Galicia queda patente se temos en conta que un terzo das terras que tiñan as explotacións leiteiras que pecharon na nosa comunidade na última década non se incorporaron ás explotacións que continuaron en activo. Unha escasa transferencia de fincas que dificulta o crecimento e redimensionamento das explotacións ao impedir o incremento parello necesario da superficie agraria útil e do número de cabezas.

“O valor nutricional dos cultivos forraxeiros de inverno é moi interesante e aportan un terzo da materia seca que se obtén da parcela” (Gonzalo Flores, CIAM)

Por iso a utilización de abonos verdes a gran escala en ganderías de leite non é frecuente, como explica Gonzalo Flores Calvete, xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do CIAM: “Non é habitual facer este tipo de rotacións en Galicia. Dúas de cada tres ganderías de leite que botaron millo van poñer agora un cultivo forraxeiro de inverno, na maioría dos casos raigrass italiano e estanse abrindo paso tamén as mesturas con trebo anual”, di. “Nos outros casos, naquelas fincas onde non se fai rotación, isto débese moitas veces a que son fincas molladas onde se empeza a chover non se dá entrado nelas para traballalas”, engade.

Considera ademais que “non é unha práctica frecuente en Galicia empregar o cultivo de inverno como abono en verde porque a falta de base territorial é un problema para a maioría das explotacións e as forraxes custan cartos”, polo que habitualmente “só cando a colleita se estraga e o cultivo non se pode aproveitar é cando se enterra para abonar”.

“En Galicia as terras son ricas en materia orgánica, con porcentaxes do 4, 5 ou 6% non precisan ese aporte extra que si que sería necesario en Castela, onde só teñen un 1%”, asegura Gonzalo

Gonzalo explica que desde o punto de vista agronómico fresar un cultivo de nabos antes de sementar o millo, por exemplo, incrementa a materia orgánica do solo, pero di: “os solos de Galicia xa son ricos en materia orgánica, con porcentaxes do 4, 5 ou 6%, polo que non é necesario facer ese aporte”. “En Castela, con terras que teñen só un 1% de materia orgánica, si que sería necesario facelo, pero aquí afortunadamente non temos ese problema”, conclúe.

Este especialista defende ademais que “o valor nutricional dos cultivos de inverno é moi interesante” para as explotacións leiteiras. Indica que nas rotacións millo-raigrass “o millo aporta 2/3 da materia seca que se obtén ao ano da parcela mentres que a pradeira aporta 1/3 a maiores”. Como media, di, lógranse entre 12 e 13 toneladas de materia seca por hectárea de millo cunha produción en verde de 40.000 quilos por hectárea co 30% de materia seca e 5 toneladas de materia seca por hectárea de raigrass, polo que a produción anual de materia seca por hectárea achégase ás 20 toneladas neste tipo de rotacións.

Unha práctica máis frecuente no sector da horta

nabos5O emprego de cultivos de inverno como abonos verdes (fundamentalmente nabos pero tamén chícharos) forma parte do sistema tradicional de laboreo en Galicia. Era habitual empregar esta rotación nas terras das patacas, por exemplo, onde as brassicas coma os nabos, as verzas ou as coles contribúen a desinfectar a terra de fungos, pragas e malas herbas e as leguminosas coma os chícharos, a veza ou o trebo aportan unha boa cantidade de nitróxeno. O seu uso forma parte das boas prácticas no eido sobre todo da agricultura ecolóxica ante a imposibilidade do emprego de herbicidas.

Aínda que non é frecuente no sector da gandeiría, a práctica do abonado en verde é habitual atopala en produtores de horta. Javier Miranda botou este ano 17 hectáreas de pataca e 34 de faba en fincas situadas en Pacio, no concello de Castro de Rei e San Martín de Ferreiros, en Pol. Nunha parte delas bota repolo no inverno pero no resto fai rotación de cultivo para abonado. “Uso as patacas para renovar as fincas e logo boto abono verde de cereal no inverno: veza con trigo, guisante, etc. Na primavera seguinte abonamos con purín de explotacións da zona, encalamos e enterramos. Facemos isto na metade das 52 hectáreas que manexamos”, explica.

Tamén no Val de Lourenzá hai produtores que usan este sistema, aínda que na maioría dos casos empregan nabos, que sementan no mes de outubro ou comezos de novembro, logo de apañar as fabas. Logran por un lado que as fincas non queden baldías mentres non volven preparar a terra (habitualmente no mes de marzo) para volver botar as fabas (en maio) e por outra banda reducen a necesidade de esterco para o abonado.

Hortícolas Javier Miranda fai abonado en verde con cereal (veza con trigo) na metade das 52 hectáreas que traballan

A cooperativa Terras da Mariña pretende de feito este ano que os seus asociados (16 produtores de toda a comarca) sementen nabos da IXP Grelos de Galicia cando apañen as fabas coa finalidade de favorecer a rotación de cultivos nas terras e diversificar os ingresos cunha produción diferente no inverno. Trala recollida dos grelos o resto da pranta sería fresado para abonar a terra na que se volverían botar fabas.

Unha de cada 5 terras de millo queda baleira 

taboa rotacion de cultivosOs datos do Informe de estruturas e sistemas de alimentación das explotacións leiteiras de Galicia, cornixa cantábrica e Navarra, elaborado polo Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) coa participación e colaboración do INGACAL-CIAM de Galicia, SERIDA de Asturias, CIFA de Cantabria, NEIKER do País Vasco e INTIA de Navarra, reflicten as prácticas máis habituais en canto á produción de forraxes nas ganderías de leite. Foi feito mediante unha enquisa completa no ano 2014 a un total de 461 explotacións leiteiras, 316 delas ubicadas en Galicia.

A porcentaxe de explotacións que declararon sementar cultivos forraxeiros anuais foi do 58,7% no caso do millo e do 52% para o raigrass italiano. Moito menos frecuentes son as explotacións que botan cereal de inverno (4,4%) ou outros cultivos anuais (4,6%). En total, segundo estes datos, unhas 9.700 explotacións cultivarían millo forraxeiro no conxunto da cornixa cantábrica sobre unha superficie total de 87.100 ha e 8.600 cultivarían raigrass italiano en 64.200 ha. “O cultivo de raigrass italiano inclúese, polo xeral, como cultivo de inverno nunha rotación de dous cultivos por ano co millo como cultivo de verán, podendo pois estimarse unha superficie total de cultivos forraxeiros anuais de algo menos de 100.000 ha para as explotacións leiteiras da área de estudo”, conclúe o informe.

Galicia acapara máis do 70% das hectáreas destinadas a millo forraxeiro e raigrass italiano da cornixa cantábrica

Estes cultivos concéntranse na súa meirande parte en Galicia, comunidade que ten o 76,3% (66.400 ha) e o 70,8% (45.400 ha), respectivamente, das superficies totais sementadas con millo forraxeiro y raigrass italiano da zona norte da península.

A porcentaxe de explotacións que botan millo en Galicia está no 66,2%. Raigrass italiano botaríano o 53,4%, cereal de inverno o 5,1% e outros cultivos o 2,7%. Segundo eses datos, un total de 7.872 explotacións botarían millo en Galicia, cunha superficie total cultivada desta forraxe de 66.494 hectáreas; 6.349 botarían raigrass italiano (45.489 hectáreas), 603 cereal de inverno (2.576 hectáreas) e 315 botarían outros cultivos, que ocuparían unha superficie de 2.012 hectáreas.

En canto á rotación de cultivos máis frecuentes, máis da metade das explotacións (52,6%) declararon botar no mesmo ano millo e raigrass italiano nas parcelas, seguido polos que fan pradeira (25,1%) e en menor proporción os que fan rotación de millo con cereal de inverno (6,3%), por exemplo centeo para ensilar, e de millo con outros cultivos (5,4%), que polo xeral acostuman ser mesturas con leguminosas forraxeiras.

Sen embargo, un 19,1% das explotacións cultivaban millo sen intercalar ningún outro cultivo. O 63% das explotacións que botan millo declaran botar sempre na mesma parcela un cultivo de inverno e un 21,5% din que non o fan todos os anos e que dependendo de cuestións como a climatoloxía deixan fincas baleiras entre sementeira e sementeira de millo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información