Abonar as fincas con lodos de depuradora: riscos e vantaxes

O emprego de lodos de depuradora como abono para terreos agroforestais é unha práctica que suscitou dúbidas logo dalgúns casos onde se detectaron irregularidades. Abordamos cal é a situación actual do uso deste lodos en Galicia

Abonar as fincas con lodos de depuradora: riscos e vantaxes

Lodos de depuradora acumulados nunha parcela da zona de Ordes. (Foto cedida por Galicia Ambiental).

O abonado é fundamental para garantir a produtividade da terra, pero é tamén unha das prácticas que máis desconfianzas xera nos últimos tempos, dado o impacto ambiental que pode provocar. As reticencias increméntanse se, no canto de empregar xurros procedentes das ganderías, se opta por abonar as parcelas empregando lodos de depuradora, debido ó risco de que os terreos poidan terminar contaminados por metais pesados, patóxenos ou residuos de medicamentos que poidan estar presentes nos lodos.

Xorden tamén críticas polos cheiros ou pola falta de control destas prácticas, xa que, en ocasións, se detectaron irregularidades na valorización do material localizándose residuos no campo ou provocando incidentes e intoxicacións. Abordamos cal é a situación actual do uso destes lodos en Galicia con fins agrarios.

Os lodos deben tratarse antes de aplicarse como abonos e non se poden empregar lodos de depuradoras industriais

“Hai que ter en conta que, estes riscos non son exclusivos dos lodos, senón que os comparten con outros fertilizantes ou con outros residuos que tamén se aplican en terreos agrícolas para aproveitar os seus nutrientes. Os tratamentos ós que deben someterse os lodos antes de poder ser usados como fertilizantes teñen como finalidade reducir estes riscos”, explica Adolfo López Fabal, enxeñeiro agrónomo da Universidade de Santiago.

Segundo a normativa vixente, en Galicia non se permite a aplicación directa de lodos de depuradora en agricultura. Os lodos deben ser tratados previamente antes de empregarse como abonos no campo. Tamén está restrinxido o uso só a aqueles lodos procedentes de depuradoras de augas residuais urbanas, fosas sépticas domésticas ou depuradoras de agroindustrias, como queixerías, plantas de preparación de froitos, panadarías… Está prohibido o uso de lodos procedentes doutro tipo de depuradoras industriais.

No 2018 en Galicia, aplicáronse en solos agroforestais un total de 574 toneladas destes lodos, logo de someterse a distintos tratamentos, segundo informan dende a Consellería de Medio Rural. A cifra reduciuse notablemente con respecto ás que aportan dende a Consellería de Medio Ambiente e que corresponden ó ano 2013 que se sitúan en 7.465 toneladas destinadas á agricultura, das máis de 215.000 toneladas de lodos que se trataron ese ano na comunidade.

Á hora de abonar os terreos con lodos procedentes de depuradoras cobra realmente importancia saber que sustancias os compoñen, os tratamentos recibidos, o modo de acumulación e aplicación ou como afecta á terra e a súa aplicación. Precisamente, en boa parte destes aspectos céntrase un proxecto de investigación no que están implicados as universidades de Santiago e Vigo e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, e que se atopa aínda na súa fase máis inicial.

No 2018, empregáronse máis de 570 toneladas de lodos para abonado de solos agroforestais

As consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural repártense as competencias en todo este proceso e réxense polo Decreto 125/2012, do 10 de maio, que regula a utilización de lodos de depuradora no sector agrario. Esta norma foi aprobada para adaptar a normativa europea e a estatal ás características da comunidade galega, tendo en conta parámetros como a acidez da terra, os abondosos acuíferos e as choivas, que son determinantes para poder empregar os lodos.

A propia norma presenta certas eivas que motivan as críticas dende distintos sectores. Nela non se concretan, por exemplo, as sancións que conlevarían as prácticas ilegais ó tempo que tampouco definen as medidas de seguridade a ter en conta no traslado dos lodos, máis aló de dispoñer duns rexistros de trazabilidade.

Ademais, “a lexislación actual é moito máis permisiva en contaminación química ca para outros abonos como o compost e permítense cantidades de metais pesados 3 ou 4 veces máis altos como lodos que se fose un compost”, apuntan dende a asociación ecoloxista Adega.

Riscos do uso de lodos

Unha das principais cuestións a ter en conta no emprego dos lodos de depuradora en terreos agrarios é que estes poidan contaminar o solo e afectar á cadea alimentaria. Os principais riscos de empregar este tipo de fertilizantes elaborados a partir de lodos é o seu contido en microorganismos patóxenos e contaminantes orgánicos e inorgánicos.

Nos lodos poden atoparse bacterias, fungos ou virus que propagan distintas enfermidades, dende problemas dixestivos a patoloxías máis perigosas. “Estes riscos vense mitigados polo poder de eliminación que teñen os microorganismos naturais do solo, que no caso de solos fértiles e cun alto contido en materia orgánica e nutrientes, son capaces de reducir rapidamente estas poboacións de patóxenos, sempre e cando non pasen á auga”, explica o catedrático en Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Felipe Macías.

Os solos fértiles poden neutralizar a presenza de patóxenos nos lodos. O risco está en que estes patóxenos cheguen á auga

O risco polo tanto increméntase en terreos próximos a cursos de agua ou solos con escasa capacidade de retención. O mesmo acontece coa presenza de compostos orgánicos tóxicos ou de difícil eliminación, coñecidos como COP, como fármacos ou antibióticos, segundo apunta los expertos. O feito de que estes microorganismos resistentes a antibióticos poidan chegar ó ser humano, mediante a cadea trófica, motiva que se teña solicitado que se avalíe tamén o estado sanitario dos solos con respecto a resistencia a antibióticos.

Outro dos factores que condicionan o uso dos lodos é a presenza de metais pesados especialmente tóxicos como poden ser o arsénico, cadmio, cobre, níquel, cinc ou mesmo mercurio ou selenio, entre outros. Este tipo de metais, ó contrario que acontece cos contaminantes orgánicos ou os patóxenos, non se chegan a destruír, senón que se acumulan no solo e poden rematar pasando a distintos organismos ata chegar ós humanos.

“Cando se fala de lodos de depuradora faise unha xeralización de algo que é extraordinariamente variable. Os lodos de depuradora non son todos iguais en composición e perigosidade, hainos que apenas conteñen contaminantes e mesmo se poderían empregar directamente e outros, en cambio, teñen moitos compoñentes perigosos e contaminantes”, puntualiza Macías.

Macías: “Pode haber solos con alto contido en metais pesados nos que os riscos son mínimos e outros con taxas baixas que supoñen un perigo”

A acumulación dos metais pesados nos solos tamén está condicionada polas características do propio solo, como a acidez e a evolución dos metais pesados nestas terras tamén vai condicionar que rematen implicando un risco ou non, tal e como apunta Macías. “Pode haber solos con altas concentracións de metais pesados nos que os riscos son mínimos e outros con contidos baixos nos que a auga, os organismos e plantas teñen problemas e poden causar danos e riscos graves”, sinala.

Controis sobre os lodos

Un dos aspectos claves na aplicación dos lodos en terreos agrarios pasa pola análise dos lodos que se empregan e as características dos solos, para así evitar esta acumulación e os riscos derivados, como apuntan distintos expertos. O control que se fai dos lodos e da súa aplicación é fundamental para a utilización destes residuos. E tamén un dos puntos que máis críticas suscita.

“As malas prácticas nos tratamentos por parte dalgunhas empresas, moitas veces para reducir custos ou por non saber como tratalos axeitadamente, e a falta de control dos axentes públicos foi o que provocou os problemas en Galicia nas últimas décadas”, sinalan dende Adega.

O colectivo ecoloxista incide en que os lodos poden ser unha vía de introdución de contaminación nos solos non só agrícolas, senón tamén forestais ou mesmo na rexeneración de solos danados e sensibles se non son tratados axeitadamente. As malas prácticas teñen provocado que se acumulen residuos diversos, presentes nestes lodos xa a simple vista, nas parcelas.

Adega: “Os problemas cos lodos en Galicia débense ás malas prácticas dalgunhas empresas e á falta de control da Administración”

As estas malas prácticas súmase que, en ocasións, estes mesmos xestores ineficientes ofrezan ós gandeiros de xeito gratuíto lodos sen tódalas garantías. “Cando acumulan moito material e non teñen para onde levalo ofrécenllo gratis para librar o espazo pero ven cheirando moito e trae moitos restos. Eu prefiro non meter iso na terra, non me convence, pero hai quen o emprega”, apunta un gandeiro da zona de Touro.

Pola contra, os lodos de calidade se se estabilizan e reciben un tratamento axeitado “o seu uso na agricultura é unha forma máis sostible de reciclado destes residuos ca eliminación en vertedoiro ou a incineración”, afirman dende o colectivo ecologista.

O uso dos lodos na agricultura é unha das solucións que contempla a Unión Europea para estes residuos, considerando unha práctica de economía circular, na que o residuo pasa a converterse en recurso. “Que sexa sostible non significa que non teña riscos asociados ás características do propio material ou ó manexo que se fai del. Eses riscos deben manterse baixo control para que non dean lugar a efectos negativos importantes”, concreta López Fabal.

Outra das vantaxes que presentan os lodos tratados axeitadamente para o seu uso agrario é que supoñen un aforro neto fronte a outros fertilizantes químicos convencionais de entre un 5 e un 15%, segundo informan dende as empresas de valorización e como se recolle en estudos realizados en países nórdicos, Canadá ou Inglaterra.

En Galicia hai 20 empresas autorizadas para o tratamento dos lodos e delas 13 con permiso para a valorización de uso agrario

A día de hoxe en Galicia hai 20 empresas autorizadas para o tratamento dos lodos e delas 13 firmas contan con permiso para a valorización destes lodos para uso agrario, segundo a Consellería de Medio Ambiente que é tamén a encargada de facer os análises e controis dos residuos que se empregan e dos que se obteñen para aplicar nas terras.

O control e seguimento dos solos nos que se aplican os lodos corresponde á Consellería de Medio Rural. Este control aplícase sobre os coñecidos como lodos tratados PTLD (produtos de tratamento de lodos de depuradora) mentres que, sobre os fertilizantes elaborados total ou parcialmente a partir de lodos de depuradora non se realiza un seguimento posto que non se recolle nada ó respecto no Real Decreto 506/2013, de 28 de xuño, que regula os produtos fertilizantes.

A aplicación destes lodos tratados lévase a cabo en concellos de toda Galicia segundo informaron dende Medio Rural. Así, o uso destes lodos estaba autorizado en concellos como Tomiño, Arteixo, Tordoia, Trazo, Vedra, Muxía, Coristanco, Santiago, Santa Comba, Zas, Cesuras, Agolada, Ribeira, Sober ou Ribadeo nos últimos meses.

Tratar os lodos con cal viva: Agroamb

Entre as empresas que están a realizar un aproveitamento dos lodos de depuradoras en Galicia para empregalos en solos agrarios atópase a firma Agroamb Prodalt, con sede en Castro de Rei (Lugo). É a primeira firma dada de alta en Galicia en utilizar os lodos e similares (estercos, dixestatos, cinzas, cunchas, biomasa…) con fins agrarios.

Nesta empresa transforman os lodos en fertilizantes agrícolas. Para iso, levan a cabo un proceso de hixienización con cal viva e deixando madurar os lodos ata obter un fertilizante e lograr que o lodo se estabilice e reducir tamén os cheiros. O resultado son abonos fertilizantes e enmendas cunha alta porcentaxe de materia orgánica, ademais de nitróxeno, fósforo e potasio.

Agroamb: “Son moi importantes as análises dos lodos dende un principio. Se non se axustan nin sequera entran na planta”

“Para nós son moi importantes as análises que se fan dos lodos dende un principio, xa que se non se axustan ós parametros marcados xa nin sequera entran na planta”, explica Josefa de León, responsable de Competitividade Estratéxica da firma.

Estes análises compleméntanse, segundo a empresa, cun proceso de seguimento do fertilizante e da súa aplicación, asegurando a trazabilidade en todo momento. “Realizamos mesmo un plan agronómico para axustar o fertilizante ás características do solo e saber que cantidade se pode aplicar e canto se precisa dependendo do cultivo que vaia ter a parcela”, apunta de León.

Dende Agroamb aseguran que se está a facer un seguimento que permite coñecer a parcela na que se aplicaron os fertilizantes, as cantidades e as características do produto. Nas súas instalacións ó ano tratan arredor de 200.000 toneladas de lodos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información