A Xunta insta ao Ministerio a publicar o decreto de cesión de prezos e pide unión ás cooperativas

A conselleira Ángeles Vázquez insta ao Goberno Central a que entre en vigor “canto antes” o decreto de cesión de prezos. Anuncia que a Xunta vai incrementar os controis sobre o leite que ven de Portugal

A Xunta insta ao Ministerio a publicar o decreto de cesión de prezos e pide unión ás cooperativas

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou esta mañá que “a Xunta xa está a facer xestións para procurar unha solución” para as 50 granxas da cooperativa Codegui, de Guitiriz (Lugo), á que esta semana a empresa portuguesa Leche Celta lle comunicou que lles deixa de recoller o leite a partir do luns.

Ángeles Vázquez fixo estas declaracións durante a súa visita ao Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, situado no concello ourensán de Coles. A conselleira engadiu que a Xunta tamén está a indagar “os verdadeiros motivos que poden estar detrás desta decisión, que prexudica notablemente ás cooperativas”.

“Somos conscientes de que estamos diante dun escenario complexo, cun gran aumento da produción fronte a un descenso pronunciado do consumo, pero pedimos responsabilidade aos axentes da cadea de valor”, subliñou a conselleira en referencia a industria, gandeiros e distribución.

Insta ao Goberno Central a que entre en vigor “canto antes” o decreto de cesión de prezos

Neste sentido, Ángeles Vázquez instou de novo ao Goberno Central a que “malia que estea en funcións, a que continúe desenvolvendo e aplicando o Acordo Lácteo, como mellor fórmula para dar transparencia e estabilidade ao sector”.

En concreto, incidiu na necesidade de que entre en vigor, “canto antes”, o Decreto de cesión de prezos, “xa que permitirá coñecer quen cumpre e quen non o devandito acordo”.

Ángeles Vázquez: “As cooperativas teñen que facer un esforzo de unión”

A este respecto, pediulle tamén “seriedade ás partes asinantes do acordo para que cumpran os seus compromisos e fagan posible que o valor do leite se reparta de xeito equitativo entre todos os axentes da cadea, con especial incidencia nos gandeiros, aos que non está a repercutir, como debera, o lixeiro incremento nos prezos rexistrado nos últimos meses”.

Vanse intensificar os controis sobre o leite que ven de Portugal e chama ás cooperativas a unirse

Por outra parte, a conselleira fixo un novo chamamento a que os gandeiros se organicen a través organizacións de produtores (OPL) que “negocien os prezos coa distribución e a industria e defendan, de xeito efectivo, os seus intereses”.

Ademais, fixo un chamamento ás cooperativas galegas do sector gandeiro “a facer un esforzo de unirse, porque a unión faría que estivésemos mellor integrados”. “Non hai máis que mirar ao noso redor: esa unión é a que fai a forza e é algo do que temos que aprender”, apostillou. Así llo transmitiu esta mañá nunha reunión co presidente de AGACA.

Por último, Ángeles Vázquez anunciou que “se van intensificar os controis de todo o leite que proceda de Portugal para saber se cumpren coa trazabilidade, ao tempo que poñeremos máis énfase na trazabilidade do leite en pó”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información