A Xunta asegura que o 85% das axudas por vaca virán para Galicia

O Consello de Ministros aproba o incremento de ata o 40% das subvencións para a contratación do Seguro Agrario. A subvención base dirixida á contratación das liñas de outono agrícolas increméntase entre o 11 e o 40%, dependendo do módulo para contratar

A Xunta asegura que o 85% das axudas por vaca virán para Galicia

A conselleira Rosa Quintana

A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, asegurou esta mañá rolda de prensa que as explotacións lácteas galegas recibirán a maioría das axudas convocadas polo Ministerio de Agricultura para paliar a situación das granxas en peor situación financeira.

En concreto, Quintana prognosticou que “o 85% das axudas virán para Galicia (…) xa que concentramos a maioría das explotacións en risco de viabilidade económica”.

A conselleira destacou que estas axudas de mínimis por vaca “son moi positivas” e subliñou que “o cálculo realizarase en función dos custos de produción establecidos e do prezo do leite reflectido nos contratos”. “En Galicia os custos de produción están fixados en 0,254 € por litro, polo que as explotacións con contratos por baixo dese prezo serán consideradas en risco económico”, apostilou.

Desta forma, Rosa Quintana desmentiu as denuncias realizadas esta semana por varias organizacións agrarias que alertaron de que as axudas convocadas polo Ministerio supoñerán unha discriminación para Galicia fronte aos gandeiros doutras comunidades autónomas, como Andalucía.

O Ministerio amplía as subvencións para a contratación de seguros agrarios

O Consello de Ministros aprobou hoxe, a proposta do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a segunda modificación do Plan de Seguros Agrarios Combinados para o exercicio 2015.

Isto vai permitir incrementar as subvencións á contratación do seguro no caso das liñas agrícolas, que inician o seu período de contratación entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2015.

Grazas ao incremento da subvención basee, entre o 11 e o 40%, segundo a opción elixida, vaise a incentivar a contratación de modalidades que ofrezan coberturas fronte a un maior número de riscos en sectores como o frutícola, herbáceos extensivos e oliveiral.

A modificación aprobada é a segunda que se produce no Plan 2015. O Sistema de Seguros Agrarios en España permite a agricultores e gandeiros poder contratar pólizas de seguros para facer fronte aos riscos que afectan as súas explotacións, e que poñen en risco a viabilidade económica das mesmas, a uns prezos razoables, grazas ao apoio público recibido no momento da súa contratación.

Anualmente confían neste sistema de seguros agrarios uns 400.000 produtores, que aseguran un capital de máis de 11.000 millóns de euros, dos cales, o 46% corresponde ás liñas agrícolas cuxa contratación comeza o 1 de setembro e que foron obxecto da modificación aprobada hoxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información