“A vantaxe máis grande de estar en Feiraco é a seguridade”

“A vantaxe máis grande de estar en Feiraco é a seguridade”

A gandería Cesares SC, situada da parroquia de Vilacoba, no concello coruñés de Lousame, é un exemplo de como o cooperativismo é fundamental para manter a actividade do vacún de leite en comarcas con pouco peso deste sector, como é a do Barbanza.

Fundada hai máis de 45 anos, foi unha das primeiras na zona en apostar pola raza Holstein pura para a produción de leite e tamén das pioneiras en formar parte de Feiraco. “Os meus pais empezaron en Feiraco dende un principio e dende o comezo foron socios cooperativistas de pleno dereito”, destaca Carlos Ces Ares, fillo e continuador da tradición gandeira familiar.

“A vantaxe máis grande de estar en Feiraco é a seguridade de que nos recollen e nos colocan o leite, sen preocuparnos de ter que buscar outra industria se as cousas van mal”, resume este gandeiro. Ademais, lembra que no caso do concello de Lousame a cooperativa axuda a manter as explotacións de vacún de leite: “Estamos lonxe das grandes industrias lácteas e non somos uns clientes apetecibles, polo que a maioría estamos en Feiraco”.

Unha aposta polo cooperativismo que o leva a valorar moi positivamente a integración nunha cooperativa de segundo grao xunto a Melisanto e Os Irmandiños: “É o camiño para que darlle estabilidade aos gandeiros, gañar poder de negociación e que o valor engadido da transformación industrial do leite quede aquí”, asegura.

“A integración das cooperativas é o camiño para darlle estabilidade aos gandeiros”

No caso da súa gandería, xunto á venda de leite, tamén merca a Feiraco os pensos e os abonos e utiliza o servizo de análise de terras. Cesares SC forma parte tamén da ADS O Cruceiro, polo que os servizos veterinarios téñenos contratados con esta entidade.

En canto á maquinaria, esta gandería tamén busca formas de cooperación con outras explotacións da zona. “Penso que unha das claves é racionalizar o gasto en maquinaria, sobre todo naquela que vas utilizar poucas veces, polo que xunto con outra gandería da zona mercamos en común unha fresadora, unha sulfatadora, unha rotoempacadora e un pisón para o silo”, explica Carlos. “O feito de comprala entre dous -destaca- fan que sexa a maquinaria máis rendible”.

Unha ración barata con menos penso e máis forraxe para adaptarse ao momento actual

A gandería Cesares SC conta neste momento cuns 110 animais, dos que 62 son vacas en muxido, 20 son xovencas de recría que están no Rancho Las Nieves, en Zaragoza, e o resto son vacas secas.

No ano 2014 esta explotación realizou unha ampliación das cortes para aumentar o rabaño, pero a realidade tras o fin das cotas cambiou as súas previsións. “Sigo aumentando o rabaño porque aínda teño cubículos e cornadizas libres, pero para non sobrepasarme na produción axustei a ración para producir menos leite por vaca”, explica Carlos.

O contrato asinado con Feiraco permítelle un aumento da produción do 10% con respecto á cantidade referenciada en 2015, e o leite producido a maiores destinaríase a intervención.

Para regular a produción e aumentar vacas ao mesmo tempo este gandeiro reduciu a ración de 12,5 a 9 kilos de penso por vaca e día. Unha baixada que se compensou na ración cun incremento das forraxes propias ata os 30 kilos de silo de millo, 11 kilos de silo de herba e, cando dispón del, tamén utiliza grao de millo húmido. “Abaratei a ración para baixar produción sen perder cartos e o día que queira producir máis podería aumentar os kilos de concentrado”, asegura.

A dispoñibilidade de carro mesturador propio, de tipo arrastrado, permítelle abaratar os custos de alimentación e subministrarlle a ración en condicións óptimas, sen quecementos e minimizando as perdas. “Fago o carro ás nove da mañá, ao acabar de muxir, e ás seis e media, antes do muxido, e aínda que se trata dunha maquinaria algo vella, está adaptada á explotación e o seu custo é moi pequeno”, destaca Carlos.

“O próximo ano espero poder seguir aumentando a produción un 10%”

Con esta alimentación, a lactación por vaca é ano en gandería Cesares SC é de 10.527, cunha produción anual que rolda os 650.000 kilos. En canto ás calidades, a media de graxa é de 3,92 e a de proteína 3,26. “A graxa págana ben e procuramos facer unha ración que potencie os nosos animais niso, algo que se nota sobre todo cando metemos grao de millo húmido”, explica Carlos.

O prezo que recibe neste momento é de 27,9 euros por litro, calidades incluídas, máis IVE, unha retribución que recoñece que “podería ser mellor, pero tamén temos que mirar o contexto no que estamos e como están os prezos noutros países”. Para o próximo ano, xunto a unha recuperación das cotizacións, tamén agarda poder seguir na liña de incrementar a produción un 10% con respecto á deste ano.

Base territorial e manexo das vacas secas e das xovencas en pastoreo

En canto á base territorial, gandería Cesares SC manexa un total de 25 hectáreas, das que 12 son en propiedade, sobre todo na parroquia de Vilacoba, e 13 hectáreas son cedidas por particulares a cambio de mantelas limpas e produtivas. En canto a estas últimas, unha parte importante atópanse preto de Noia, na parroquia de Portobravo, ao lado do mar pero a ata 8 kilómetros de distancia da súa explotación. “O desprazamento e o pequeno tamaño das fincas vese compensado pola súa alta produtividade, sobre todo en millo forraxeiro”, subliña este gandeiro.

“O pastoreo para as secas é a mellor prevención de complicacións no parto ou no postparto”

Unha parte importante das parcelas situadas preto da explotación, sobre todo as de maior pendente, son aproveitadas para pastoreo das xovencas e das vacas secas. Para Carlos as vantaxes deste sistema, no que esta parte do rabaño está pacendo entre as dez da mañá e as seis da tarde, son irrefutables sobre todo dende o punto de vista sanitario: “As vacas necesitan mobilidade, principalmente antes do parto, para non coller graxa, e o pastoreo é a mellor prevención de complicacións no parto ou no postparto”. De feito, destaca que con este sistema “hai dez anos que as vacas non teñen problemas de cuajares”.

A isto engade a redución dos custos de alimentación das secas, que comen 8 kilos da ración das vacas en produción máis herba seca e herba verde durante os arredor de dous meses que pasan en pastoreo antes do parto.

A herba verde forma parte da ración das secas e xovencas

Temor aos efectos negativos do proxecto dun macrovertedoiro de residuos industriais

Por último, Carlos Ces sitúa como unha ameaza para a continuidade da gandería na zona o proxecto de instalación dun macrovertedoiro de residuos industriais no concello, no monte Culou. “É unha zona alta onde se cargan os mananciais de moitas das aldeas do concello, polo que moitos veciños poderíamos ver afectado o noso subministro de auga por filtracións de substancias tóxicas”, explica. “Penso que o concello de Lousame debería ser máis coñecido pola calidade do seu leite e da súa carne, e non por converterse nun centro de tratamento de lixo”, conclúe.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información