A UE estuda sistemas de protección de marxes para o agro

O Consello de Agricultura analiza este martes un informe que presenta, entre outras cuestións, posibles métodos para reducir os riscos ós que se enfrontan agricultores e gandeiros pola volatilidade dos prezos agrarios

A UE estuda sistemas de protección de marxes para o agro

Phil Hogan, comisario de Agricultura da UE. / Arquivo.

A crise de distintos sectores gandeiros, principalmente do lácteo, levou ó Consello de Agricultura da UE a crear en setembro do 2015 un grupo de traballo que tiña por misión analizar cuestións como os sistemas de protección de marxes para agricultores e gandeiros. Ese grupo de traballo sobre os mercados agrícolas xa rematou o seu informe, que se presentará este martes para o seu análise no Consello de Ministros de Agricultura.

O traballo, que aínda non se deu a coñecer, espérase que aborde as posibilidades de acceso dos agricultores a mercados de futuros, un instrumento de comercialización de materias primas que permite pechar acordos de compra-venda a un determinado prezo cunha antelación de varios meses. Os mercados de futuros posibilitan en teoría unha garantía de prezos para o produtor e para o comprador, aportando estabilidade e seguridade ó mercado, se ben na práctica, a actividade de brokers intermediarios modifica ese escenario.

Outra opción de protección de marxes pasa por instrumentos financieiros que permitan asegurar os riscos das caídas de prezos das producións agrarias. As pólizas de protección de marxes, xa implantadas en Estados Unidos no sector lácteo, ofrecen a posibilidade de garantir diversos escenarios de marxes, de xeito que se reducen os riscos para o produtor no caso de alza das materias primas ou de caída de prezos das súas producións.

No informe que se presenta o martes, abórdase tamén a mellora da transparencia do mercado e das relacións comerciais na cadea alimentaria, todo elo coa idea de fortalecer a posición de agricultores e gandeiros.

Programas de regulación da produción
Co obxectivo de protexer a renda dos gandeiros, desde o sector agrario vense avogando por sistemas obrigatorios de regulación da produción láctea en caso de crises, de cara a restablecer os equilibrios de oferta e demanda no mercado, se ben o actual comisario de Agricultura, Phil Hogan, sempre se amosou reticente a ese tipo de programas. A posta en marcha este último trimestre do ano dun sistema voluntario de redución de entregas foi polo de agora a súa única concesión ó respecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información