A tractorada de Lugo segue sumando apoios

Os gandeiros de Lugo deciden enviar un representante ás negociacións do xoves en Madrid e manter a tractorada na Muralla. Non se decidiu aínda se acudirán á manifestación do xoves en Santiago e non se plantexan de momento medidas de presión a industria e distribución.

A tractorada de Lugo segue sumando apoios

Aspecto da asemblea desta noite. Autor: AGRIS

Arredor de mil gandeiros participaron esta noite na asemblea de Lugo, o que revela o apoio que segue recibindo este colectivo dende que decidira o pasado xoves en asemblea prolongar a tractorada. Por cuarto día consecutivo os tractores seguiron rodeando a Muralla e a afluencia seguiu medrando, o que obrigou ao concello a buscarlles lugares de aparcamento nas inmediacións.

Na asemblea desta noite decidiuse enviar un representante dos gandeiros de Lugo ás negociacións que manterán este xoves en Madrid a ministra de Agricultura con industria, distribución e produtores, e nas que se agarde se chegue a un acordo que o Ministerio da por pechado.

Ademais, decidiuse manter os tractores rodeando a Muralla, cando menos ata este xoves. Igualmente, acordouse prolongar ata o mércores ás 14:00 horas o prazo para asinar o manifesto dirixido á Consellería do Medio Rural coas reivindicacións dos gandeiros, e que xa leva recollidas máis de 7.400 sinaturas. De momento non se plantean o bloqueo de cadenas de distribución, como están a facer os gandeiros en Santiago, nin de industrias lácteas.

LUGO_TRACTORADA_FAIXA_7_SETEMBRO

Faixa despregada na Muralla: “Prezos xustos para o leite galego. Lugo cos gandeiros”

Respecto á desprazarse o xoves a Santiago de Compostela para participar na manifestación xunto ao resto de gandeiros de Galicia non se tomou unha decisión definitiva á espera do que se acorde nas asembleas de mañá e de pasado. A este respecto, o representante da OPL, Anxo Escariz, manifestou esta mañá en Santiago que “apoiamos aos gandeiros de Lugo pero temos que facer forza en Santiago para que se nos vexa a todos xuntos” .

E advertiu de que “a conselleira e o Partido Popular queren dividir aos gandeiros e ter a metade en Lugo e a metade en Santiago, se por eles fora mellor sería que houbera hoxe 50 tractoradas” .

Os gandeiros de Lugo volverán reunirse maña en asemblea ás 23:00 horas.

Texto do manifesto dirixido á Xunta de Galicia

Reproducimos a continuación o texto que está a difundir a asemblea de gandeiros de Lugo para a súa sinatura, que tamén se pode facer a través da plataforma Change.org

Á Conselleira de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia : Dona Rosa Quintana Carballo
Ante a grave situación dos gandeiros galegos produtores de leite, que veñen soportando os abusos das industrias situando á maior parte das explotacións gandeiras en risco de peche ou desaparición

Socitamos:

1. A constitución da mesa do leite, a que se garanta a participación directa dos gandeiros produtores, e se cree a figura do mediador/árbitro gratuito.

2. Que se declaren nulos os contratos variables e os contratos abusivos asinados na actualidade que non cubren os custos de producción.

3. Que se garanta a recollida e cobro do leite, así como a sinatura e cumprimento de contratos que garantan a cobertura dos custes mínimos de producción existentes en cada momento.

4. Que se estableza un prezo mínimo que garanta a cobertura dos custes de produción. Na actualidade fixado en 0,34 €/L + calidades + IVE.. Revisable anualmente.

5. Que se cree a mostra lacrada, con mostra para o gandeiro e para o Ligal.

6. Que se eliminen as sancións desproporcionadas por mostras que non cumpren os requisitos legais, implantando un sistema de sancións puntuais e proporcionadas, que non implique a paralización das explotacións.

En Lugo, a 07 de setembro de 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información