A sementeira: momento clave na produción do silo de millo

A sementeira: momento clave na produción do silo de millo

A produción final de silo dunha parcela de millo é resultado dos factores de produción do millo: número de mazarocas/ha, número de grans/mazaroca e peso dos mil grans (PMG). O número de grans e o PMG está definido pola agronomía do cultivo pero ten un importante compoñente xenético característico de cada variedade. Doutra banda, o número de mazarocas/ha é o factor que ten máis efecto sobre o rendemento final e afortunadamente é tamén o factor en que podemos influír máis

Durante todo o cultivo aparecen varios factores limitantes que nos van reducir a produción final da parcela como as condicións climáticas, a dispoñibilidade de auga, as enfermidades, os insectos, as malas herbas, etc.. Pero un momento clave onde podemos ter ata un 50% de perdas no rendemento final é a implantación do cultivo. Para unha correcta implantación debemos ter en conta varios aspectos no momento de sementalo e tamén na preparación do terreo.

Importancia da densidade da sementeira

Unha das primeiras decisións que debemos tomar é o número de sementes por hectárea que debemos sementar: a densidade. Este valor definiráo principalmente o híbrido que escollamos, a data de sementeira e o obxectivo de produción (relacionado co tipo de parcela na que facemos a sementeira). Cada variedade ten unhas características propias que definen o número de plantas/ha óptimo pero non todas as parcelas teñen o mesmo potencial produtivo, así que a densidade tamén debe ir relacionada co tipo de solo no que imos sementar. É importante consultar esta información aos técnicos da casa comercial do híbrido que decidísemos sementar. O noso equipo de asesores dispón dunha App de densidades que pode recomendar a densidade óptima para cada caso particular.

Acertar na densidade pode aforrarnos entre un 2 e un 15% de perdas de rendemento final

A data de sementeira tamén é moi importante, xa que define as condicións de humidade e temperatura do chan que son claves para a germinación da semente. O millo necesita un mínimo de 10 graos no chan para empezar o proceso de xerminación. Así que deberiamos sementar cando a temperatura do chan sexa a adecuada para non ter a semente parada na parcela durante demasiado tempo a mercé de animais, insectos ou climatoloxía que poida diminuír o número de plantas finais.

Debemos axustar a densidade para conseguir que na colleita o número de mazarocas por hectárea sexa o desexado. Acertar nestas decisións pode aforrarnos entre un 2 e un 15% de perdas de rendemento final.

Distribución e homoxeneidade da sementeira

Outra parte moi importante é a distribución e a homoxeneidade da sementeira. Neste momento debemos fixarnos na preparación do leito de sementeira e na regulación da sementadora. Cando a nascencia é desigual, as plantas que nacen tarde compiten coas plantas que xa están implantadas, e o mesmo cultivo compórtase como o faría unha mala herba. Para evitar estas perdas debemos asegurarnos que a profundidade de sementa sexa estable, así a nascencia será máis homoxénea. Hai estudos que demostran que podemos perder ata un 25% de produción cando o 50% das plantas nacen 3 semanas despois que as primeiras emerxencias e un 41% cando o 50% das plantas nacen 1 semana e media despois*.

A distribución podemos manexala tamén no momento da sementeira regulando adecuadamente a sementadora e adaptando a velocidade de sementeira ao tipo de terreo e a máquina.

Despois da sementeira tamén hai factores climáticos e ambientais que non controlamos e que poden afectar ao número final de plantas nadas. Nese caso Dekalb dispón do Programa Semente Segura que permite a resemteira das parcelas sementadas cos híbridos Xene20 que por causas climáticas e/ou insectos ou animais o número de plantas finais non sexa suficiente para chegar ao obxectivo de produción esperado.

Hai moitos factores para ter en conta no momento da sementeira, pero é tamén un momento clave para conseguir o máximo rendemento produtivo das parcelas. Sementar a dose correcta en función do híbrido e das condicións da parcela é clave, así como asegurar a correcta distribución e homoxeneidade de nascencia. Hai moitos factores que non poderemos controlar, pero si que hai pequenas operacións que cun pouco de atención pódennos asegurar unha maior colleita, con máis cantidade e mellor calidade de silo.

Selección do híbrido

Á hora de seleccionar o híbrido para sementar debemos ter en conta o obxectivo final do cultivo, de forma que se a finalidade do millo é a produción de silo, é tan importante a parte cualitativa (Almidón, Dixestibilidade, etc.) como a parte cuantitativa (kg de materia seca). E, do mesmo xeito que pasa coa produción, a calidade da forraxe tamén depende en gran medida da xenética do híbrido.

Dos parámetros de calidade da forraxe, algúns poden ser corrixidos a posteriori. Poñamos como exemplo un silo de millo cunha baixa concentración de Almidón ou Proteína: introducindo maior cantidade de fariña de millo ou fariña de soia no concentrado solucionaremos o devandito problema, aínda que cun custo engadido.

Outros parámetros non poden ser corrixidos, como pasa coa dixestibilidade das fibras: un silo cunha mala dixestibilidade de fibras non é posible corrixilo a posteriori. Cabe lembrar que aproximadamente un terzo da enerxía do silo de millo provén das fibras, por tanto a calidade das mesmas (dixestibilidade) é de vital importancia á hora de alimentar gando vacún leiteiro.

Dado que en gran parte das explotacións lácteas a base da alimentación é o silo de millo, é de vital importancia seleccionar con criterios técnicos o híbrido para sementar, porque del vai depender a calidade da forraxe coa que alimentaremos ao gando.

Departamento de desenvolvemento de Dekalb.

*Carter, P. R. Nafziger E. D, Lauer J. G.. Uneven emergence in corn. North Central Extension Publication Nº 344

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información