A produción láctea continúa en retroceso por terceiro mes consecutivo

As entregas reducíronse en xuño por enriba do 2% en relación ó mesmo mes do ano anterior. Os prezos caen de media 0,4 céntimos e sitúanse en Galicia nos 26,9 céntimos, 2 céntimos por baixo da media estatal

A produción láctea continúa en retroceso por terceiro mes consecutivo

Produción e prezos seguen á baixa un mes máis.

A mala situación do mercado do leite está a desincentivar o crecemento das ganderías, ata o punto de que a produción láctea española retrocedeu en xuño por terceiro mes consecutivo en relación ás entregas dos mesmos meses do ano anterior. Se en abril e maio, a caída rondou o 1%, en xuño xa superou o 2%. Os prezos continúan tamén á baixa, cunha nova redución de 0,4 céntimos e sitúanse en Galicia nos 26,9 céntimos, 2 menos da media estatal (28,8).

As restriccións impostas polas industrias ós aumentos de produción das explotacións e os baixos prezos obrigan ó sector a moderar as entregas de leite. En Galicia, a produción situouse en xuño nas 220.000 toneladas, polas 225.000 do pasado ano; en tanto a nivel español, as cifras foron de 578.000 toneladas fronte ás 591.000 do 2015.

A baixada de prezos, non obstante, continúa e Galicia segue a ser a comunidade coas cotizacións máis baixas (26,9 céntimos). Só Cantabria atravesa unha situación semellante (27,7 céntimos), en tanto que o resto de comunidades sitúase por riba dos 29 céntimos. No caso das rexións veciñas, Castela e León está nos 29,3 céntimos e Asturias nos 31,4 céntimos. Os mellores prezos rexístranse no País Vasco (34 céntimos), máis de 7 céntimos por riba de Galicia.

Axudas para conter a produción
Así as cousas, o sector está agora á espera de comprobar o resultado en España e no resto de países da oferta europea de compensacións para os produtores que reduzan a súa produción a partir de setembro durante 3 meses consecutivos en relación ós mesmos meses do ano anterior.

Os baixos niveis de entregas que xa hai en España poderían animar a parte das explotacións a solicitar estas axudas, se ben queda por ver se estas subvencións terán algunha repercusión en países que estiveron a disparar as súas entregas, caso de Irlanda, Holanda ou Bélxica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información