A produción de leite sobe en Lugo dende o fin das cotas

O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, incide na necesidade de prudencia nos aumentos de entregas para evitar a presión dos prezos á baixa

A produción de leite sobe en Lugo dende o fin das cotas

Parte das industrias advirten da necesidade de moderar as entregas de leite.

A produción de leite volveu subir na provincia de Lugo por segundo mes consecutivo dende a supresión do sistema de cotas, cun incremento do 3,2% durante o mes de maio no conxunto das 1.700 explotacións lucenses que están no programa de Control Leiteiro, un aumento que se suma ao 1,7% rexistrado en abril, segundo informou Africor.

O director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz, lamentou que moitas granxas estean, como consecuencia dos baixos prezos do leite, “traballando a perdas” e mostrouse convencido de que se a cotización da materia prima fose máis “equilibrada”, as explotacións galegas, en xeral, e as lucenses, en particular, estarían en disposición de seguir incrementando a produción.

A produción medrou un 3,2% en maio e un 1,7% en abril, segundo os datos de Africor Lugo

De feito, os provedores das fábricas que seguen mantendo “prezos equilibrados” son os que están a incrementar a produción, porque a marxe de beneficio segue sendo reducida, en calquera caso, pero “céntimo a céntimo pódese mellorar a economía da explotación”.

Segundo o director executivo de Africor, os gandeiros “fixeron os deberes” e nos últimos dez anos souberon adaptar as súas producións ao que lles pide a industria, dado que a porcentaxe de graxa no leite, que non se paga, se reduciu en conxunto en 2,9 décimas, mentres que o de proteína, que si está primado no prezo, aumentou en 2,2 décimas.

Tamén conseguiron, na última década, un incremento do 16% no rendemento medio por animal e están a producir “o que lles demanda a industria”.
Non obstante, neste momento, a causa da baixada de prezos, algunhas granxas “xa están pechando” e outras non o fan porque non poden, porque aínda teñen préstamos pendentes de amortizar” e outras obrigas que cumprir.

Prudencia na produción
O aumento de produción que se está a rexistrar no agro levou varias industrias a pedir aos seus produtores contención nas entregas, como é o caso da cooperativa Feiraco. O seu director xeral, José Luis Antuña, que onte asistiu a Lugo a unha xornada de Agaca, incidiu, a preguntas dos medios, na necesidade de prudencia en canto aos volumes de produción. “Se non transmitimos prudencia, a xeración de excedentes preme os prezos á baixos”, advertiu.

“En Galicia somos grandes exportadores de cisternas de leite, o que xera custos engadidos e gran presión” (José Luis Antuña)

Antuña incidiu en factores a ter en conta en Galicia para explicar a situación actual de mercado, con problemas de baixos prezos e de dificultades para garantir a recollida nalgúns casos. “En España, a diferenza de Europa, encontrámonos cun sector pouco organizado que non afrontou investimentos necesarios para fabricar produtos lácteos industriais. En Galicia temos ademais a particularidade de que somos grandes exportadores de cisternas de leite (que se transforman fóra da comunidade), o que xera uns custos engadidos e gran presión,” valorou.

O director xeral de Feiraco recoñece que a situación global de mercado non é positiva, se ben incidiu en que os baixos prezos que se están a percibir en Galicia en torno a un millar de gandeiros non teñen parangón con outras grandes zonas produtoras: “É certo que por exemplo en Holanda se están a mover cisternas a 18 céntimos, pero son prezos que non chegan ao gandeiro, senón que os asumen as cooperativas, en tanto os gandeiros están a cobrar o leite no ámbito de 28 céntimos”, advertiu.

De cara ao futuro, Antuña considera unha boa noticia que no sector lácteo se estean a impulsar novos proxectos industriais en Galicia ou ampliacións dos existentes, ata un total de 20, segundo transcendeu onte tras a reunión entre Consellería e organizacións agrarias, se ben precisou que ademais de ter estrutura industrial hai que ter capacidade de comercialización exterior.

Información elaborada con aportacións de José Luis Ramudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información