“A previsión é de prezos estables dos cereais e da soia en 2016”

Entrevista a Iván Álvarez Bajo, cofundador de Asegrain. Recomenda realizar as compras de cereais a varios meses para asegurar un prezo máximo. Destaca que “os prezos da soia en Chicago son os máis baixos dos últimos 5 anos, pero prexudícanos o cambio euro-dólar”

“A previsión é de prezos estables dos cereais e da soia en 2016”

Iván Álvarez Bajo durante a súa conferencia. Autor: Transmedia

Iván Álvarez Bajo leva 16 anos traballando no mundo dos cereais e materias primas para alimentación animal e humana. Desde 2010 dirixe a súa propia empresa, Asegrain Asesoría de Granos, unha empresa de servizos que ofrece traballos de consultoría e, sobre todo, de intermediación no mercado de cereais. No 2013 Asegrain empezou a dedicarse tamén ao asesoramento para a compra de commodities agrícolas nos mercados de futuros de Chicago e de París.

O pasado venres participou en Lugo nas XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro cunha ponencia sobre o mercado de materias primas para alimentación animal, un asunto crucial para as explotacións gandeiras, xa que a alimentación do gando supón entre un 65% e un 80% dos custos totais dunha explotación.

Cales son as previsións de prezos de cereais no mundo para este ano?
O último informe do USDA sobre oferta e demanda a nivel mundial revela que a colleita de millo no hemisferio Norte xa practicamente rematou. No hemisferio sur xa se recolleron os cereais de inverno e estanse cultivando os cereais de verán. Hai que matizar que desde o punto de vista produtivo é máis importante o hemisferio norte.

Entendemos que, se non temos ningún tipo de accidente, poderemos ter unha estabilidade dos prezos nos próximos meses. Pero os mercados de commodities cada vez dependen menos da colleita. É dicir, ata hai uns anos se a colleita dun ano era boa ou mala era o que determinaba os prezos, mentres que agora hai moitos factores que inflúen e que non controlamos, como o cambio euro/dólar. Así, fai relativamente pouco estabamos nun cambio a 1,35 e hoxe estamos a 1,07. Tamén é imprevisible se China vai seguir comprando máis ou menos cereais.

Por tanto, é complexo establecer unha opinión sobre se o mercado vai baixar ou subir. Si podemos intuír que as existencias, a priori, vannos garantir unha certa estabilidade dos prezos, pero hai factores que inflúen moito e que non controlamos.

A soia é un produto moi demandado polos gandeiros en España e en Galicia. Cales son as previsións para este cereal?
O prezo da soia sempre se referencia ao mercado de Chicago. Pero tamén hai unha correlación euro/dólar. Isto fai que aínda que en Chicago esteamos nos prezos máis baixos da soia do últimos cinco anos, con todo en España non é así pola depreciación do euro fronte ao dólar, que incrementa o prezo de forma importante.

 “Os prezos da soia en Chicago son os máis baixos dos últimos 5 anos, pero prexudícanos o cambio euro-dólar”

Cando escoito a xente que recomenda que non compredes cereal porque vai baixar ou porque vai subir bótome as mans á cabeza porque levo traballando nisto 16 anos e estamos ao día das informacións e éme moi difícil saber o que vai pasar no mercado de cereais.

Os prezos dos cereais nos últimos 5 anos están historicamente baixos, polo que poden seguir baixando ou tamén volver subir.

A entrada dos cereais na bolsa, coa especulación que iso supón, non está a penalizar gravemente aos gandeiros e aos consumidores?
Ese é o discurso fácil. Ao mercado financeiro, como a calquera outro mercado, acoden especuladores e iso non é bo nin malo porque ás veces apostan á baixa nos prezos e ás veces á alza. En todo caso, introducen coa súa actividade liquidez no mercado.

“Un descenso da colleita dun 10% pode aumentar os prezos un 100%”

É certo que hai uns anos, sen que se triplicase a demanda, triplicouse o prezo dos cereais. E iso foi así porque coincidimos nuns anos nos que había peores colleitas, reducíanse as existencias, e había unha competencia maior polo produto. É dicir, as grandes variacións de prezos non se producen por unha gran variación nas colleitas. É dicir, un 10% menos de variación nunha colleita pode provocar un incremento do prezo do 100% por esa competencia que hai polo produto. Son movementos de prezos que ocorren no mercado de cereais como no de calquera outro produto, como o petróleo ou na economía cotiá.

Que lle recomendarías ao gandeiro á hora de comprar cereais a mellor prezo?
Cando se realiza unha compra para varios meses un é capaz de xestionar a posición. O que recomendo aos gandeiros é que xestionen dunha forma profesional as compras asegurando un prezo de compra para bastante tempo. É dicir, un mes poden comprar os cereais ou o penso un pouquiño por encima do seu veciño, pero deben pensar a longo prazo.

“É recomendable asegurar un prezo de compra a varios meses”

Tamén digo que non sempre por comprar moito cómprase mellor. Penso que o importante é que os gandeiros leven unha xestión profesional das compras, e iso pódeno facer eles dedicándolle tempo ou contratalo a un profesional. Non podo entender que unha explotación gandeira na que a materia prima supón máis do 50% dos custos, se lle dedique tan pouco tempo e se compre por imitación do veciño ou do amigo.

En que rango de prezos está a moverse o mercado a futuros da soia?
Os prezos da soia hoxe para todo o 2016 son moi parecidos. Pero non quero que o lector tanto co prezo concreto, senón coa idea de que se compra en base a un mercado de futuros no que, por exemplo se se segue depreciando o euro, vai subir.

A poboación mundial prevese que aumente ata os 9.000 millóns no ano 2050, mentres que as terras cultivables son as mesmas. É un reto para a produción de cereais a un prezo accesible?
España é un país deficitario en cereais e temos que importar ata o 50% das nosas necesidades de cereais. Se miramos as previsións de consumo e de demanda mundial para os próximos 15 anos asústaste. Por exemplo, a FAO calcula que para 2050 vanse nesitar 1.000 millóns de toneladas de cereais máis, cando estamos a producir sobre 2.000, o que nos obriga a aumentar a produción un 30%. E isto nun contexto no que a superficie cultivable non crece. Isto obríganos a aumentar a produción tendo mellores variedades, realizando melloras xenéticas…etc.

 “De aquí a 2050 temos que aumentar as colleitas de cereais un 30%”

Temos a sorte de levar 3 anos consecutivos de colleitas históricas de cereais no mundo, pero o lóxico é que non se vaia manter. Tamén temos que ter en conta que os maiores produtores de trigo do mundo son China, en primeiro lugar, e a India, no segundo. De momento non importan trigo, pero a medio prazo vano a facer e isto tamén afectará os prezos dos cereais.

O prezo das materias primas componse do custo de produción, que cada vez subiu máis; a oferta e demanda e a especulación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información