A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo inicia un boicot contra Lactalis

Os gandeiros mantiveron hoxe unha reunión na que a empresa lles trasladou a súa negativa a subir os prezos do leite na granxa. Barallan un bloqueo ás plantas de marca en Galicia

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo inicia un boicot contra Lactalis

Sede de Lactalis en Francia.

A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo de Galicia acordou iniciar un boicot contra os produtos de Lactalis tras manter hoxe unha reunión coa industria que se pechou sen ningún avance. Lactalis negouse a subir o prezo do leite na granxa, segundo a Plataforma, polo que os gandeiros decidiron iniciar unha campaña de boicot contra o fabricante de marcas como President ou Lauki.

Desde a Plataforma sinalan que dispoñen das certificacións que acreditan que cadeas da distribución como Carrefour e Alcampo subíronlle 2 céntimos nos pagos a Lactalis polo leite de marca branca, polo que consideran que alomenos esa cantidade debería repercutir sobre os produtores.

Diferentes actitudes
Lactalis ofreceu unha suba a partir de abril, cando rematen os actuais contratos asinados cos gandeiros, pero a Plataforma considera que apelar ós contratos asinados é unha excusa, sobre todo cando outra industria, como Celta, si aplicou este mes un complemento de 0,5 céntimos nos contratos en vigor.

As medidas de presión acordadas pola Plataforma comezarán cun chamamento ós consumidores a boicotear os produtos de Lactalis e planéase un endurecemento progresivo das protestas. Os gandeiros barallan o bloqueo das plantas de Lactalis en Galicia (Vilalba e Lugo) e accións contra os produtos da marca nos lineais dos supermercados. As asembleas de gandeiros que se manterán mañá en distintos puntos de Galicia marcarán o camiño a seguir polos produtores.

Para hoxe estaba previsto tamén un encontro entre Leche Celta e a Plataforma, que se pospuxo a última hora por motivos de axenda. Para a próxima semana, agárdanse reunións tamén con outras industrias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información