A paratuberculose: claves para comprender e previr esta enfermidade no gando vacún

Esta afección converteuse en todo un problema para a produción bovina como revela o investigador Ramón Antonio Juste co que coñecemos algúns dos aspectos destacados para afrontar a patoloxía na explotación

A paratuberculose: claves para comprender e previr esta enfermidade no gando vacún

A paratuberculosis preséntase como unha traba para a produción en moitas explotacións de vacún. Coñecida desde hai máis de 120 anos, en España foi detectada no ano 1983 en gando vacún. Abordamos as claves da afección con Ramón Juste Jordán, doutor en veterinaria experto en paratuberculose e tuberculose á vez que director xerente do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (SERIDA) de Asturias.

Incidencia

Adoita ter unha maior incidencia en explotacións intensivas con sistemas bastante efectivos pero con pequenas deficiencias que ocasionan que a infección se converta en enfermidade nalgúns animais.

A enfermidade pode provocar un 8% de perdas en produción de leite e entre un 2 e un 10% de baixas nas explotacións

A incidencia da enfermidade clínica como tal non é moi alta en explotacións gandeiras. O problema radica na dificultade para identificar as infeccións subclínicas, que non provocan síntomas e que poden pasar desapercibidas coas técnicas de diagnóstico das que se dispón a día de hoxe. “É difícil fixar un impacto específico do custo pero en estudos que temos feito calculamos que podía producirse ó redor dun 8% de perdas en produción de leite pola paratuberculose”, explica Juste. A enfermidade provoca entre un 2 e 10% de baixas por ano en explotacións afectadas.

Danos

A enfermidade, propia de rumiantes domésticos, provoca unha diarrea con lesións características de enteritis crónica e caquexia, é dicir, desnutrición extrema, coa consecuente deterioración do organismo e o enfraquecemento físico. A extenuación é tal que os animais morren ou chegan ó punto de ter que ser sacrificados. No intestino, o máis característico é o engrosamento da parede e a formación de engurras na súa cara interna. Ademais e, dependendo da especie, a paratuberculose tamén pode provocar a dilatación dos vasos linfáticos da parede do intestino en maior ou menor medida.

Á parte das propias lesións e os danos individuais que a paratuberculose causa ós animais, a afección provoca unha limitación produtiva nas gandarías ó diminuír a produción e ó reducir a capacidade de recría, posto que a enfermidade afecta ás vacas cando están a empezar a producir, é dicir cara ós 2/3 anos. A afección maniféstase como diarrea persistente e adelgazamento con diminución da produción dos animais. Por mor diso, os animais elimínanse prematuramente e, por tanto, increméntase o gasto de reposición á vez que se perde o valor carne dos animais de desvelle no sacrificio. Máis aló das propias perdas, o experto reflexiona sobre o trastorno que a infección ten na programación produtiva das explotacións que, en definitiva, supoñen unha carga adicional de preocupación e incerteza para o gandeiro.

Como detectala

A paratuberculose transmítese pola vía fecal- oral nas primeiras semanas de vida. Cando se desenvolve a enfermidade é sinxelo identificala posto que os animais presentan diarreas e adelgazan. Ademais, as probas empregadas son fiables para confirmar o diagnóstico.

Cunha sensibilidade que non supera o 50%, as probas fecais son o método máis efectivo para detectar a presenza da bacteria

De novo as dificultades preséntanse para identificar a afección cando existe a infección pero aínda non produciu a enfermidade clínica e os seus síntomas non son visibles. As probas fecais son as máis efectivas. “Poden facerse illando o axente patóxeno ou mediante técnicas de PCR de bioloxía molecular”, detalla o investigador. O problema destas probas é a súa baixa sensibilidade, xa que detectan só unha porcentaxe baixa de todas as infeccións que se producen “Os animais non sempre están a eliminar a bacteria nos excrementos polo que por esta vía escápanse animais infectados sen detectar”, confirma o experto. Estímase que a sensibilidade destes controis é case dun 50%.

Outra das vías de detección é a través do sangue pero aínda ten menos sensibilidade. Calcúlase que só un 25% dos animais infectados dan positivo con este tipo de probas. “É difícil o diagnóstico dos casos subclínicos da paratuberculose”, ratifica o investigador.

Tratamento

Non existen tratamentos efectivos para garantir a cura do animal. “Ensaiáronse tratamentos con inmunosupresores e mesmo con algún tipo de antibiótico pero non resultan rendibles economicamente ademais de prolongarse durante moito tempo”, conclúe Juste.

Medidas preventivas e de control

En determinadas especies (ovino e caprino) están a empregarse vacinas para protexer a recría. Unha medida que non é aplicable en vacún en España posto que podería interferir na detección da tuberculose.

Protexer a recría e acentuar as prácticas hixiénicas son medidas preventivas fundamentais

En canto ás medidas preventivas que se poden aplicar nas explotacións tanto de vacún como de ovino e cabrún céntranse en acentuar a hixiene para lograr un menor impacto da enfermidade aínda que “pode resultar caro e complexo en determinados tipos de explotacións e especies, polo que en ocasións resulta unha estratexia pouco atractiva para o gandeiro”, recoñece Juste.

É fundamental protexer a recría para evitar que se expoña á enfermidade ata que conte cun sistema inmunolóxico máis desenvolvido que incremente as posibilidades de facerlle fronte. Así resulta clave separar o material que se usa coas vacas adultas do empregado co gando máis novo. “A limpeza é un factor importante para todo na explotación”, sentencia o investigador, que se mostra escéptico sobre a eficacia das desinfeccións específicas como método para combater esta afección. “É moi persistente e resulta moi difícil facer un control. Poden darse en lugares inverosímis como depósitos ou mesmo en vigas”, defende o experto.

Como medida de control, e tomando como modelo a tuberculose, incídese no saneamento, isto é, en eliminar os animais positivos, co fin de erradicar tamén a enfermidade. “O problema é que ó ter unha baixa sensibilidade as técnicas de diagnóstico, os programas resultan moi custosos e é realmente difícil chegar á erradicación a diferenza do que ocorre coa tuberculose onde o diagnóstico é moi eficaz e pode facerse unha detección precoz antes de que os animais sexan moi contaminantes”, explica.

Na actualidade non hai programas oficiais que estean orientados ó saneamento, que contemplen indemnizacións no caso de baixas. A enfermidade, ó contrario do que acontece na tuberculose, non está aceptado que poida transmitirse ós humanos polo que é un gasto que debe asumir o gandeiro como riscos derivados da produción.

El aislamiento de Mycobacterium avium subsp. paratuberculosis sigue siendo la tecnica más sensible de diagnostico. En la imagen se muestran los tubos de cultivo en medio solido clasicos y los más modernos en medio líquido con indicadores que reducen el tiempo de incubación

El aislamiento de Mycobacterium avium subsp. paratuberculosis sigue siendo la técnica más sensible de diagnóstico. En la imagen se muestran los tubos de cultivo en medio solido clásicos y los más modernos en medio líquido con indicadores que reducen el tiempo de incubación

Perspectivas de futuro

“Ata o 2002 pensábase que a erradicación da paratuberculose dos rabaños era posible pero a día de hoxe, xa se ve que ese é un obxectivo irreal polo que as estratexias teñen que concentrarse en reducir perdas e previr a contaminación”, valora o experto. O control de perdas económicas, a redución da persistencia e garantir o comercio só de animais que estean por baixo dos valores de risco son as mellores estratexias a seguir segundo o doutor.

Na actualidade trabállase para alcanzar técnicas que permitan identificar os animais que estean infectados de paratuberculose antes de chegar a presentar síntomas e desenvolver a enfermidade. Isto permitiría aplicar os programas de saneamento con maiores garantías. “O saneamento é unha estratexia limpa, de custos aceptables, que pode ser indicada para rabaños con venda para a vida para evitar perdas por casos clínicos e reducir a contaminación ambiental”, reflexiona Juste.

“As estratexias deben centrarse en reducir perdas e previr a contaminación porque a erradicación hoxe en día é un obxectivo irreal”

Tamén se está traballando no desenvolvemento de vacinas ou métodos preventivos que non interfiran na identificación da tuberculose e se eviten as confusións entre animais vacinados de paratuberculose e aqueles que presentan a tuberculose. “Isto permitiría que os gandeiros de vacún realizasen unha vacinación da súa recría como fan agora os de ovellas ou cabras”, conclúe o doutor, quen tamén detalla que nalgúns países cunha incidencia elevada como Francia, Australia, Estados Unidos ou Reino Unido contemplan excepcións á norma de non vacinación. Aínda que a protección da vacina tampouco é do 100% podería utilizarse como unha fase inicial previa ó saneamento, como acontece con outras enfermidades.

Mentres non exista esta vacina idónea, os gandeiros deben centrar esforzos en extremar as medidas de bioseguridad e hixiene.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información